por Manuel Bragado en Galicia Confidencial:
Por moito que lamentemos o inicio dos trámites por parte da Xunta de Galicia para recorrer diante do Tribunal Supremo a sentenza do TSXG sobre o decreto de plurilingüismo, non podemos esquecer o risco que supón que no anteproxecto da LOMCE a lingua e literatura galega non sexa considerada como materia troncal no currículum da ESO e do Bacharelato.Na última versión da chamada «Lei Wert», presentada a ditame do Consello de Estado, as linguas cooficiais na Educación Secundaria quedan incluídas dentro do bloque de «asignaturas de libre configuración autonómica», perdendo a súa condición de materia troncal, que pola contra conservan a lingua castelá e a primeira lingua estranxeira.
De non modificarse no trámite parlamentario esta consideración, podería ter importantes consecuencias á hora da realización das reválidas ao remate da ESO e do Bacharelato, onde para o alumnado só sería obrigatorio examinarse das materias troncais, contando con posibilidades de elección entre o resto das materias específicas e optativas.
Non hai dúbida de que a lingua e literatura galega debe formar parte do núcleo de materias obrigatorias nestas probas finais de etapa. O contrario, a pesar de contar coas mesmas horas lectivas ca o castelán, provocaría outro gravísimo retroceso no estatus educativo da lingua galega
Ningún comentario:
Publicar un comentario