por Xabier P. Docampo na Praza Pública:
Hai unhas semanas asinei o Chamamento polo galego que redactaron e propuxeron un grupo de persoas preocupadas pola continua agresión á nosa lingua por parte daqueles que máis deberían traballar e teimar na súa defensa o na promoción do seu uso. Todo o seu contido era para min, e segue a ser, merecente do meu apoio. Tratábase de parar unha marca máis da afronta glotocida do actual goberno de Galicia. Certo é que xa se falaba de que a RAG tamén había recorrer a sentenza que sobre do seu recurso diante do TSXG ditara ese mesmo tribunal, mais ninguén pode ter por semellantes unha e outra actuación. No caso da Xunta trátase dun recurso para facer rever dereitos e apoios á normalización da lingua propia de Galicia e no da RAG, xusto do contrario: de defender eses dereitos. Quero por tanto aplaudir a proposta deste chamamento e fago pública a miña fachenda por me ver acompañado na listaxe de sinaturas por tantas persoas ás que moito respecto.
Nese documento maniféstase unha vez máis a necesidade do consenso que na materia haberá de se producir no Parlamento de Galicia, xaora, o tema é lexislativo e só aí se pode substanciar en norma. Outra cousa é que, para tal, os partidos tomen en consideración o criterio das institucións que contan con recoñecida auctoritas no asunto (que non son outras cas mesmas que xa se manifestaron en contra do actual Decreto 79/2010). Claro que son inútiles todas estas apelacións ao consenso ou ao acordo cos actuais gobernantes da Xunta de Galicia, que non só carecen da máis mínima vontade de consensuar nada, senón que fan público escarnio das resolucións do TSXG. A cousa vén demostrada polas declaracións do presidente Feijoo nas que afirma estar disposto a manter a consulta aos pais e nais de educación infantil e pedir flexibilidade para a obriga de usar na aula a lingua vehicular da materia por parte do alumnado (e do profesorado!!). Eis a vontade de consenso: facer un cumprimento “diferido e simulado” do contido da sentenza e seguir a escarnecer a nosa lingua.
E até aquí chega a película deste chamamento. Non creo, por moitas maledicencias que a un lle cheguen, que ningún dos seus promotores pretenda ir máis aló e arrogarse unha representatividade de negociación de acordos, pulos cara a un “consenso posíbel” ou simples interlocucións, porque iso non estaba escrito en ningún lugar do Chamamento polo galego. Eu, e supoño que os demais tamén, non asinei máis co que alí se dicía, e decaída a ameaza dun recurso que pediría o recorte dos dereitos da nosa lingua, acabouse o conto sobre este asunto. A partir de aquí cadaquén que fale por si. Nada teño que dicir a quen queira ir entrevistarse co mesmo demo, pode dicirlle o que queira e prometerlle o que lle dea a gana, pero non no meu nome. Aquí é acaído aquilo de “oes, fala por ti”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario