por Carlos Negro no Sermos Galiza:
Vén de nacer, da boca do Presidente da Xunta de Galicia, un innovador concepto de sociolingüística aplicado ao ensino: o do bilingüismo flexible, que supoño debemos entender como un chanzo superior na escala evolutiva que se iniciou co bilingüismo harmónico, proseguiu co bilingüismo cordial e chegou ata os nosos días co plurilingüismo de academia británica.
Pero como o noso Presidente vai por diante dos tempos (e minusvalora as sentenzas que lle afean os decretos educativos), non podía deixar fuxir a oportunidade de sentar cátedra: e por iso pídenos aos docentes que nos flexibilicemos, para que o alumnado use na aula a lingua que estime máis oportuna, sen ter en conta os proxectos lingüísticos de cada centro educativo, e fechando os ollos ante unha evidencia que só os cínicos pretenden negar: a urxente necesidade de reposición da lingua galega en certos ámbitos xeográficos onde só a súa presenza como lingua vehicular no ensino permite ao alumnado adquirir unha competencia mínima na lingua oficial (e propia) da comunidade.
Debo confesar que ese concepto da flexibilización do señor Alberto Núñez Feijoo non encaixa con facilidade en ningún apartado das competencias lingüísticas a promover durante as distintas etapas do ensino obrigatorio, polo que pasei toda a noite na cama a cavilar sobre que me estaba a pedir o presidente.
Logo dun profundo diálogo coa almofada, cheguei a dúas conclusións: a) que, como experto comunicador político, Alberto Núñez Feijoo acadou un másteren trucar ao seu favor o sentido recto de conceptos abstractos como< liberdade ouequilibrio, aplicando técnicas de mercadotecnia electoral b) que tanto lle dá o que opinen os expertos en didáctica das linguas como Xan ou Pericán: el segue a> vendernos a burra, aínda que o profesorado deste país constate, no día a día das aulas, tanto a pervivencia dos prexuízos lingüísticos como a perda acelerada de capacidade das nosas crianzas para se comunicaren en galego cun mínimo de fluidez e naturalidade.
En canto á aposta decidida pola flexibilidade nas aulas que suxire o noso Presidente, ocórrenseme varias interpretacións: a) un programa de dinamización da musculatura facial do noso alumnado, para que non se lles trabe a lingua en canto abran a boca b) un avance nos procesos democráticos da comunidade escolar, pois a práctica docente se acomodará aos prexuízos e veleidades de cada familia c) un estudo das posibilidades de flexión gramatical en frases feitas como, por exemplo, “O Conselleiro de Educación deunos gato por lebre” d) por último, e atendendo á etimoloxía, unha exhortación presidencial para que os docentes dobremos (ou dobreguemos) o lombo e non politicemos a lingua, porque para iso xa abonda coa maquinaria pesada do seu equipo de goberno.
En todo caso, debo poñer en coñecemento do presidente Feijoo que, como docentes, moitos de nós levamos curso tras curso a exercer unha paciente flexibilidade cara ao noso alumnado, entendida esta como respecto as súas ideas e como adaptación ás súas capacidades intelectuais e necesidades emotivas; pero, iso si, a nosa elasticidade moral ten e debe ter un límite irrenunciable: non pode consagrar, goberne quen goberne este país, o dereito a insistir na ignorancia, que inclúe tamén a mala fe dun presidente de Galicia que emprega ás mil marabillas as tácticas de camuflaxe do neoliberalismo lingüístico, mais que aínda non foi quen de aprender a posición correcta do pronome átono en galego. E se cadra por iso, *nos promete toneladas de liberdade en troques de nos conceder uns miligramos de xustiza.
Pero un mérito si hai que recoñecerlle: a súa táctica resulta dobremente ofensiva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario