Séchu Sende vén de publicar Viagem ao Curdistán para apanhar estrelas, un libro no que se mestura poesía, ilustracións e as vivencias reais do escritor nunha viaxe realizada en 2010 ao Curdistán para presentar a tradución do libro Made in Galiza ao curdo e mais o turco. Agora, esa experiencia plásmase neste libro cuxas vendas servirán para o financiamento de diversas actividades de intercambio cultural entre o proxecto educativo da Semente, en Compostela, e unha escola da cidade Amed, no Curdistán.
Como definiría o Curdistán despois da súa visita e escribir este libro?É un deses países que non está no mapa, coma outros moitos. Cando chegas a un destes países é moi difícil, se vas como turista, conseguir visualizalo. Moitas veces viaxamos cunha ollada moi pouco preparada para localizar as identidades. Eu tiven a sorte de que cheguei con intermediarios, con xente curda e que comprendía o galego. Así puiden coñecer as persoas daquel lugar. E grazas a elas, fun coñecendo o territorio e en moi poucos días, porque en realidade estiven só quince días. A esa experiencia e esa sorte de contar con estas persoas, unido ao que xa lera durante moitos anos ao respecto do Curdistán, puiden aproveitar moito mellor a viaxe do que pensaba. Coñecín a moita xente, de todas as idades e, aínda que foi unha experiencia relativamente limitada, pois para min foi unha gran descuberta. Eu ía alá coa mesma pregunta que vos estades a facer vós: Que podemos atopar os galegos e as galegas que van con curiosidade? E o que descubrín foi unha situación semellante á nosa.
Hai paralelismos?Si, mais creo que hai unha tentación de establecer paralelismos de máis ou tamén de idealizar unha situación análoga a nosa de pobo sen estado, de conflito lingüístico, de conflito político. En calquera caso, si que hai moitos parámetros que coinciden. Claro, tendo en conta todas as diferenzas históricas e de dinámicas sociais que hai... Pero cando alguén en Curdistán che di que nun xacemento histórico van construír unha central hidroeléctrica, entón acabas pensando na Galiza. Ou ves que en tal lugar están a explotar os recursos e acabas vendo a Galiza. Despois fálanche dos prexuízos lingüísticos e ves que coinciden. Hai tamén debates sobre a loita armada e decátaste de que son debates que tamén se desenvolven acó. En calquera caso, decátaste de que as emocións e os sentimentos son semellantes, moi parecidos. É que, realmente, hai no mundo uns 200 estados e que, por outra banda, hai moitos máis pobos sen recoñecer. Ese é un conflito internacional.
Neste caso, no Curdistán, falamos dun pobo espallado nunha extensión enorme, vinte veces o territorio de Galicia, máis ou menos.Si, pero ao mesmo tempo é unha situación moi pouco coñecido. O máis interesante que vivín pasou ao segundo día. Varios curdos dixéronme: “Mira non te empeñes en buscar razóns de por que o libro Made in Galiza foi tan ben recibido”. Dicíanme que tiña que entender que o libro o escribira para os curdos, coma se realmente fose un libro escrito por un curdo para os curdos. De feito houbo unha confusión...
Moitos pensaban que vostede non existía.Efectivamente. Pensaban que o escribira o editor. E tamén é unha situación interesante, porque o tópico de que chegas a pensar de que cando escribes nunha lingua minorizada, estás a escribir dende o local e para pouca xente, para unha comunidade pequena, queda varrido. É que realmente é todo o contrario. Cando contas as nosas experiencias persoas de aquí, ou do Curdístan ou de Manhattan... É que... Estás a escribir sobre emocións e ideas universais.
Os curdos teñen unha característica particular no seu conflito. Son un pobo repartido en varios estados diferentes, cun ritmo diferente, cunhas represións distintas...Son diferentes ritmos, pero todos viven moi relacionados e identificados entre si. Son o mesmo pobo, aínda que viven con ritmos diferentes, cos ritmos diferentes que lles foron marcando os diferentes estados. Pero vese como os curdos en Turquía reciben moita enerxía dos curdos de Iraq, porque realmente viven ao lado e teñen grandes intercambios. E iso que teñen unha dificultade engadida: os curdos de Iraq escriben co alfabeto árabe e os de Turquía, co latino. Mais esta situación dáse noutros lugares. Cataluña, Euskal Herria... Están en diferentes estados. E seguramente se miramos, hai moitos pobos máis que están repartidos así.
No libro fala dun empresario curdo, con boa posición económica, e da súa filla, que non sabe curdo, pero amósase interesada en falalo no futuro. Aí ve vostede o concepto de neofalante.É curiosa esa situación. O empresario era un activista que pasara sete anos de cárcere por causas políticas. E el non lle transmitiu a súa propia lingua á súa filla. É sorprendente... Como tamén resulta sorprendente que ela, como moitos castelanfalantes fillos de galegofalantes, si tiña a vontade de recuperar a súa lingua, seguramente durante á adolescencia.
Cantos anos tiña a filla?Doce ou trece anos. É un perfil que se dá moito por alá e hai outros que forman coincidencias e que nos lembran ás nosas propias vivencias. Por exemplo, había o universitario que falaba o curdo de pequeno, que perdera a lingua e que, cando marchou a Istambul, tentou recuperar a variante culta da súa lingua. Agora ben, a situación máis común son os curdos que non saben ler na súa lingua porque non están alfabetizados. Para min, o que máis nos fixo chamou a atención, foi ver como a xente nos sorría pola rúa ou nos locais se os saudabamos en curdo. Vían un estranxeiro falar na súa lingua e creábase un vínculo emocional. Abríannos as portas da súa casa directamente. Aquí, hai moita xente que non comprende iso, que non comprende que a lingua propia é a que máis portas abre, que máis afectos pode espertar. Os curdos, ademais, están nun momento que perseguen a súa autonomía, a súa independencia, que queren decidir sobre o seu destino común para poder expresarse na súa lingua. Ese sentimento é moi potente. Están nun momento histórico no que se senten moi fortes. Só poden ir a máis... A xente nova está moi comprometida coa causa curda. Eu, pola miña banda que aínda sendo optimista, cheguei coa brétema pesisimista propia de Galicia e vin ese contraste, vin mozos e mozas militantes e con moita enerxía.
Pode resultar envexable esa forza?Eu penso que é xeracional. Eu atopei esa enerxía na xente nova, xente con conciencia lingüística e que tiñan un discurso máis anovado. Eu traballo con adolescentes e aquí tamén vexo iso en determinados rapaces que chegan a se implicar de forma activa. Detecto que hai actitudes positivas cara ao galego cando comezan a coñecer a historia da lingua e poden implicarse, máis alá dunha sensibilidade espontánea. E agora que estou presentado o libro en centros sociais con xente nova, vexo moita forza nas xeracións que van chegando. Persoalmente dáme moita máis forza esta xente nova, que sempre vai estar apoiando a lingua, que a xente maior que estamos cansos... Ou mesmo algúns, que se poden sentir derrotados. Cando presentei o libro na capital curda, Amed, había unhas 300 persoas. De todas elas, unhas 250 eran menores de 25 anos que sorrían moito. Tiñan moi bo humor, pese a que a situación é totalmente estrema, miles de presos nas prisións, forte presenza militar, guerrilla...
Asasinatos estraños en París...Posi si. É unha situación dura, un pobo pobre e sometido, pero vías que a xente nova tiña confianza plena no futuro. Pois iso levoume a me ligar máis ao Curdistán, aínda que non volvín nunca. Aínda así, sigo a evolución de preto e espero que vaian conseguindo os seus obxectivos. O estado turco é moi pouco flexible.
O alcalde desa cidade está sendo perseguido institucionalmente. Leva unha política de visibilización da lingua curda e iso tráelle moitos problemas e moitas causas xudiciais co estado turco. Vese aí a pouca flexibilidade do estado? É esa unha persecución aparente máis sutil, burocrática, de afogar toda iniciativa institucional? É outro tipo de represión? A máis cruenta, a máis física e violenta está aí de xeito máis evidente e sendo demoledora, pero a administrativa tamén é dura, non?Realmente eles están traballando algo que deberíamos mirar nós tamén de traballar: os dereitos civís. Aquí hai avogados e avogadas comprometidas coa defensa da lingua galega que debemos empregar. En Suráfrica, con Mandela, produciuse, ademais da igualdade de dereitos das persoas negras, o recoñecemento oficial das linguas propias. Sempre hai unha correspondencia de procesos de liberación, sexa no Tíbet ou Sudámerica, con procesos de liberación lingüística. No Curdistán tamén estase a dar isto. O caso do alcalde resulta evidente. Cando estivemos alí, o rexedor mostrounos unha especie de recoñecemento do parlamento vasco, mesmo asinado polo PP, a favor do pobo curdo e do proceso de paz. E a favor da soberanía! Hai cousas que temos que aprender de alí e dos seus xeitos de loitarTampouco podemos esquecer que a nivel da lexislación hai un desequilibrio entre a lingua galega e a castelán. Aquí temos o deber de coñecer o español, pero non o galego. Penso que é unha vía, a defensa do galego como dereito civil, como dereito básico, sobre o que podemos actuar moito, a partir de aí veñen moitas estratexias tradicionais de pobos en reivindicación. Alí, agora mesmo, están traballando un aspecto moi concreto: a celebración de vodas en curdo. Iso é un paso que están dando, para ver até onde poden turrar da corda, para ver en que punto está o conflito e que nivel de derrota vive o estado turco en algo tan básico como poder casar.Nós, esas tensións tamén as vivimos aquí continuamente. Penso que deberíamos visibilizalas máis non só entre os galegofalantes, senón tamén entre os que falan castelán. A lingua non é só dos que falamos galego habitualmente, senón tamén dos que non. Os castelanfalantes habituais, na maioría dos casos, senten un vínculo coa lingua. Saben que é patrimonio, saben que é algo que nos identifica... E a eles tamén. Vese, por exemplo, en que agora no momento actual apareceu unha xeración de castelanfalantes, pais e nais, que queren que os seus fillos se eduquen en galego. Se cadra parece minoritario, pero que vai ir a máis. Esa xeración incorporou unha serie de valores e non queren que os seus fillos lles pase coma eles e que se vexan nun momento incómodos falando en galgo. Na Coruña, por exemplo hai pais e nais, que sei que menten no primeiro día de aulas, son castelán falantes, pero din que son galegofalantes, para que os seus fillos e fillas teñan aulas en galego. Entón, é interesante...
Iso é minoritario, non?Si, é minoritario, pero algo emerxente, unha tendencia que vaia máis se conseguimos visibilizalo, se identificamos educación de calidade con ensino en galgo.
Tamén se produce o momento en que hai rapaces que como lingua materna teñen o galego, pero os seus pais son neofalantes. Iso transformará o futuro da lingua?Si, claro. Pero tamén hai que ter en conta outra cuestión. Sempre poñemos de exemplo aos vascos e aos cataláns. Pero nós, aquí, temos que buscar os nosos propios modelos de desenvolvemento da lingua. Eu, cando fun a Euskal Herría, abraiábame cando vía castelanfalantes que lle falaban en vasco aos seus nenos. Iso hai quince anos, en Galicia, parecía imposible. Agora xa o detecto, vexo pais e nais que lles falan en galgo aos fillos sendo eles castelanfalantes. Son minoritarios? Si, absolutamente; mais pode crear un efecto de contaxio que esperemos que, dende a base, se poida visibilizar.A porcentaxe do galego en ensino nas cidades é do 7% nas escolas infantís. Iso quere dicir que hai un 93% de nenos e nenas que teñen pouco contacto co galego na rúa, na casa e tamén nas escolas. Temos que pensar a medio e longo prazo e deixar de pensar na lingua galega sen planificación. Penso que aí debemos ser conscientes de que este traballo é de moitos anos. Non sei, unha das cousas que serían urxentes sería activar a unidade de todos os axentes ao redor da lingua para deixar de facer da lingua un proxecto duns poucos, para compartilo coas persoas que son diferentes a nós. E intentar que haxa máis xente, xente que fala castelán ou que fala galego de cando en vez,que se implique no proceso social de recuperación da lingua. Porque a lingua non a imos recuperar os que falamos galego, senón temos que recuperala coa xente que non fala galego. E iso, na situación actual, é complicado. As nosas redes sociais son limitadas, mais temos que aprender a falar coa xente diferente a nós, que pensa de forma diferente e achegar valores que vexan como algo positivo para o desenvolvemento común. Que quero dicir con todo isto? Pois que en todos os procesos de liberación e de xustiza social sempre se intenta implicar o outro, o que é diferente. Penso que ese o grande reto, o feito de conseguir máis participación. Conseguir que iso que se chama o proceso de normalización da lingua sexa algo participativo.Hai unha frase que se repite moitas veces ao longo do libro: Pese aos conflitos, as linguas son irmásClaro! É dicir... Realmente as seis mil linguas do planeta son unha das grandes riquezas da especie humana. Grazas a elas, temos formas diferentes de afrontar a vida. Talvez o problema vén cando as linguas dos estado, as linguas de poder, as linguas do capitalismo son utilizadas por determinadas persoas dende posición de supremacismo. Entón, cando aparece o supremacismo lingüístico, xorden os conflitos. E o problema é cando persoas monolingües nun idioma de poder carecen da perspectiva dunha persoa que fala unha lingua minorizada, galego ou curdo. Se tivesen esa perspectiva, cambiarían o modo de relacionarse e entenderían que significa falar unha lingua minorizada. Así poderán poñerse no noso lugar. E o gran problema chega cando unha persoa monolingüe castelán, por exemplo, influenciada polo nacionalismo español, non é capaz de poñerse na nosa situación baixo ningún concepto. Aí son incapaces de ver que nós só queremos expresarnos, falar na nosa lingua como se fose unha lingua absolutamente normal, como a súa.
E non será que realmente o que queren vostee é impoñer o galego? Iso é algo que se din algúns...Claro, esa é a baza que se xoga neste proceso. É a difusión de prexuízos lingüísticos, un clásico. O que xorde é o racismo lingüístico. É unha clave da mitoloxía lingüística. Realmente o único que se impón é a lingua dos estados. É dicir, ninguén discute que o castelán é unha lingua imposta e temos a obriga imposta de coñecelo.
Tamén haberá quen retruque e empregue ese argumento ao revés. Hai xente que di que o que se impón é a obriga a coñecer o galego a aqueles que só falan e queren falar castelán. Que lles responde?[Pausa] Realmente, estamos nun momento da historia no que todo está en formación. Aquí, polo menos. Pero hai sitios no que se conseguiu avanzar na convivencia entre linguas. Penso en Bélxica ou en Suíza, con moito menor conflito social coas linguas. Hai outros casos contrarios, por exemplo dentro da Lusofonía, países lusófonos en África que non recoñecen as linguas propias e si o portugués. É dicir, todo depende dos diferentes ritmos da sociedades e dos dereitos das persoas. Nós organizámonos por leis e Kant dicía que se unha lei é inxusta, hai que cambiala. Debemos cambiar as cousas polo tanto. Eu reivindico os mesmos dereitos para a xente e par as lingua, para que os seus falantes poidan desenvolver unha vida normal. E todo iso precisa dunha intervención pedagóxica forte. Normalmente, iso corresponde o ensino, mais vemos que está fallando absolutamente en Galicia. E que agora o ensino anda a educar para a discriminación. Neste caso, o goberno galego fai todo o contrario ao que debería facer, modificando leis e difundindo prexuízos de forma institucionalizada. Iso é moi perigoso para a convivencia, porque crea desigualdades brutais. Tanto para os galegofalantes, como os castelanfalantes que están a ser afastados da lingua propia, da lingua que seguramente foi a lingua dos seus pais.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
luns, 4 de marzo de 2013
Séchu Sende: "Detecto que hai actitudes positivas cara ao galego cando comezan a coñecer a historia da lingua"
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario