Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 7 de marzo de 2013

A lingua de preferencia da Consellería de Educación

A CIG-ensino denunciaba estes días que o servizo de correo electrónico da Consellería de Educación modificárase de tal xeito que agora o idioma de acceso por defecto era o español.
A Consellería podería argumentar técnicamente que isto non é así, e tería razón. Houbo unha modificación no servizo @edu.xunta.es usado polo persoal de educación e así o anunciou a Consellería nunha nota informativa na que explica que a partir de agora será posible visualizar as contas de correo, adermais de en galego, en castelán e en inglés (americano). Eu non teño coñecemento de que ningún sindicato lle pedira á Consellería esta innovación, e resulta algo estraño que en tempos de profunda crise económica adique os seus fondos a multiplicar as linguas de acceso dunha conta de correo para un profesorado que non debería ter problema ningún para seguilo usando en galego. Pola contra, ese mesmo profesorado ten que acudir ao seu posto de traballo enfermo e co obvio perigo de espallar infeccións nas escolas, impartindo clase en aulas cada vez máis diversas e ateigadas de alumnos, cos recursos reducidos...

A lingua de preferencia
A confusión que tivo a CIG-ensino é ben comprensible pois a práctica totalidade dos usuarios non saben, nin teñen por qué, en que consiste a lingua de preferencia e que nos explicaría o modo en que accedemos ao servizo de correo @edu.xunta.es. Este servizo sería un exemplo dos webs que discriminan segundo estea configurada a lingua de preferencia do noso navegador. Se ésta é o castelán, e vén así por defecto en todos os ordenadores que mercamos, veremos agora que o noso acceso ao correo da Xunta aparece tamén en castelán.
A lingua de preferencia é a lingua preferida polo usuario para acceder aos contidos e aplicacións. Parece ser que nos ordenadores con sistema operativo Linux ou Mac pódese fixar unha lingua de preferencia. Nos que usan Windows cada navegador pode ter unha lingua de preferencia. Para establecer como lingua de preferencia dos nosos navegadores o mellor é ir a esta dirección: Navega en galego que che indica cal é a lingua de preferencia do navegador e explica como facer para cambialo ao galego.
O autor dese blogue, Navega en galego, é Xosé Manuel Sardiña, quen vén de participar nas V Xeiras dos Comités de Vigo cunha conferencia  cargada de información sobre o uso do galego nas TIC. Segundo os datos do seu propio blogue a lingua de preferencia dos que acceden a el distribúese entre un 25% para o galego e un 65% para o español. Non teremos que convencer a ninguén que esta escolla de datos está nesgada e que estas porcentaxes indican unha realidade na que a navegación pola arañeira en galego é prácticamente residual.

A Consellería de Educación non pode ser allea a todo isto polo que é dobremente sospeitoso o esforzo e o gasto que realiza decote para españolizar todos os seus portais e servizos. Outro exemplo témolo co Xade, o programa de xestión dos centros de ensino que ten a súa interface en galego. A Consellería gastou e gasta os seus fondos un programa paralelo dentro do proxecto Abalar co mesmos fins. Todos os días os datos dos Xade vérquense a ese programa paralelo, que ten como única innovación poder dispoñer del en español.
Expostos os datos vemos que co seu erro a CIG-ensino acerta máis que a Consellería co seu nefasto proceder. E por se alguén aínda o dubidaba, agora confirmamos que o idioma de preferencia da Consellería de Educación non é o galego.

P.S.: A CGENDL transmitiulle unha queixa á SXPL sobre esta cuestión.

4 comentarios:

  1. Aínda que tecnicamente pode ser unha explicación adecuada, certamente non é correcta nin a única. Na USC pasaba o mesmo coa aplicación web para consultar o correo pero modificouse a configuración para que respectase a xerarquía lingüística definida na normativa da comunidade universitaria (https://correoweb.usc.es/). Obviamente esta non é a vontade da Consellaría, pero é iso, un simple problema de vontade.

    ResponderEliminar
  2. Windows é con moita diferenza o sistema operativo máis estendido e o que maiores complicacións ten para establecer a lingua de preferencia da persoa usuaria. Así o indican os resultados, mentres Mac-OS (por certo, sen tradución ao galego) ou Linux arranxan o problema cunha acción, Windows require catro.
    E xa para rematala, e tal e como avisamos a quen emprega Chrome: este navegador distorsiona moito as estatísticas de lingua de preferencia, ao ser o segundo navegador máis usado (confírmano os datos de Praza como de Navegaengalego).
    Tecnicamente e con boa vontade, hai solucións para evitar estes problemas técnicos que minguan o plurilingüismo sempre en detrimento do idioma desfavorecido. Os técnicos do correoweb da Xunta, e mái coñecendo a realidade web, ben poderían ter preconfigurado a lingua do soporte en galego e logo dar a escoller nun menú a mudanza ao español.
    Outra cousa é que interese o contrario á vista dos datos.

    ResponderEliminar
  3. Grazas polas aclaracións.
    Sobre o interese da Xunta, está ben claro cal é. Aquí temos o exemplo do correo da Consellería de Educación ao que hai uns meses lle cambiaron o formato e non fixo máis que dar problemas. Iso sí, coa nova versión allearán ao profesorado do seu uso. O mesmo farán coa plataforma de xestión de centros de ensino, o Xade. Non tardaremos en velo.
    No entanto na xustirza, anuncian un gasto millonario en melloras informáticas... e o galego volverá a estar excluído de todas elas.

    ResponderEliminar
  4. http://chuza.gl/story/lingua-preferencia-da-conselleria-educacion

    ResponderEliminar