Nos últimos días non deixamos de ler titulares e escoitar voces -isto último mesmo nos podería pór a pensar sobre a propia cordura!- que predican -debe ser por causa da influencia do discurso televisivo destes novos tempos papais- a consecución dun clima de normalidade lingüística na sociedade galega.Mais que é o que quere dicir isto? Porque quen así se expresa, malia ser auctoritas no goberno da Xunta de Galicia, nunca achega razóns nin argumentos que iluminen as sentenzas que, a respecto do idioma galego, ecoan nas súas bocas e que, con certa reincidencia van invalidando esoutras sentenzas xudiciais.Inquirimos, entón, o dicionario e procuramos na súa cociña o significado desas palabras máxicas.Normalidade: calidade ou estado de normal.Lingüística: relativo ou pertencente á lingua.Vinculamos, entón, os dous termos da frase nominal e damos co resultado. O que certos políticos, desde o goberno galego, pretenden transmitir á cidadanía é que a lingua vive en calidade e estado normal.Lonxe de ficar a dúbida resolta, o interrogante ameza novamente: que lingua é a que vive no noso contorno un estado de normalidade?A recente desaparición do galego, como idioma de partida, no sistema de correo electrónico do portal educativo; a connivencia da Consellería de Educación co Estado español para eliminar, na futura LOMCE, o galego como materia troncal do ensino relegándoo á categoría de rexional -nin sequera preferente- xunto coa segunda lingua estranxeira, ou o afastamento, por parte da Secretaría xeral de igualdade na recente homenaxe celebrada, co gallo do Día Internacional da Muller, na propia Casa da Matanza, de todas as escritoras galegas que optaron por este idioma para crearen a súa obra literaria -e nel son coñecidas e recoñecidas dentro e fóra do país- posicionándose efectivamente a prol da súa normalidade, suplantadas por unha escritora galega que, no entanto, optou polo castelán para a súa escrita e proxección editorial e cuxas intervencións públicas en contra dunha vida de normalidade para o galego foron ben explícitas nos últimos anos, non nos axudan a concluír que as mencionadas auctoritas estean a falar, con coñecemento de causa, da lingua galega.Ao tempo, a realidade máis íntima e familiar faime lembrar as palabras dunha mestra de 5º curso de primaria nun centro educativo público coruñés, cando aló polo mes de outubro explicou aos pais e nais do seu alumnado como este non era bilingüe, pois a súa competencia en galego era, con carácter xeral, bastante escasa e especialmente cativa na comunicación oral. Eis a razón que xustificaba o traballo a seguir con lecturas literarias complementarias, durante o curso, en castelán e en galego.Chegou o momento de se enfrontar ás dúas lecturas ao longo desta segunda avaliación, pronta xa a se despedir. E a fin desta reflexión podía acompañar tamén a despedida.Mais unha pregunta ficou suspensa no ar cando a miña pequena lectora -plenamente bilingüe desde o galego- me preguntou:-Por que hai tantos compañeiros na clase aos que seus pais non lles compran o libro de lectura en galego?Será cuestión de normalidade lingüística? Serán defensores desa pregoada Galicia Bilingüe?
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
venres, 22 de marzo de 2013
Normalidade lingüística
por Mercedes Queixas Zas nas Voces de Prolingua:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario