Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 11 de marzo de 2013

Rosalía de Castro, os negros, Marta Rivera de la Cruz e Lennon

por Francisco Castro en Praza Pública:

O disparate de traer a Marta Rivera de la Cruz para a celebración da homenaxe a Rosalía de Castro no Día Internacional da Muller Traballadora é de tal magnitude, e algo tan obvio que non se tiña que ter feito (non lin nin unha soa liña en ningún xornal loubando a idea), que non vou nin a pararme medio segundo e dicir o que xa expresei dende o primeiro momento dende os meus perfís nas redes sociais. Deste asunto paso.
Mais non podo calar diante das afirmacións da escritora convidada de que, dalgunha maneira, Rosalía de Castro estaría con ela e non cos atábicos nacionalistas excluíntes galeguistas da estrela vermella do benegá e non sei que, ou sexa, nós, todos os demais, os Raros en Galicia, os Estranxeiros na nosa Patria. Porque Rosalía de Castro, de erguer a cabeza e saber de semellante desleixo, había montala ben montada.
E reparade no título deste artigo, por favor, porque é fundamental para entender todo o que quero dicir aquí. Porque para min, eses catro elementos que están aí, teñen moito que ver entre si e serven perfectamente para explicar o que nos pasa.
Estes días estaba eu pola casa adiante escoitando Rapoemas, o libro-disco de Aid, a rapeira viguesa, que editamos hai pouco en Galaxia. Á miña filla de catro anos gústalle moito. E daquela témolo moitas veces de fondo, mentres fago calquera cousa pola casa adiante.
Non sei por que (igual Marta Rivera de la Cruz pensa que estou adoutrinando), a que máis lle mola á miña pequecha é esa de Rosalía de Castro que di iso de"Castellanos de Castilla,tratade ben ós galegos;cando van, van como rosas;cando vén, vén como negros".
Escoitamos iso e bailamos. E somos felices.
Mais, carafio, estes días que andaba eu moi amolado co asunto aldraxante de ver como a Secretaría Xeral de Igualdade nos insultaba a todas coa contratación de Rivera de la Cruz, decateime de que si, de que somos coma os negros maltratados pola historia. E que dende Castela (e Rivera de la Cruz, aínda que naceu en Lugo segundo me di a wikipedia, non é galega...non, cando menos, no senso en que Rosalía o entendería; e escribir isto que eu escribo non é nada escandaloso: podes nacer, un supoñer, por dicir calquera cousa, en Sanxenxo -aínda que un que eu me sei diría Sanjenjo- e iso non che convirte necesariamente en galego). dende Castela, dicía, onde a escritora se sitúa, non se nos entende. E pensan que somos coma negros.
E por iso digo Lennon. Porque unha das súas máis polémicas cancións, no seu tempo (e probablemente agora), é unha que titulou "Woman is the nigger of the world", ou sexa, "A muller é a negra do mundo", mais aquí a verba "niggger" é negra-escrava.
E por iso toda esa asociación do título desas liñas. Porque a Marta Rivera de la Cruz trouxérona no Día Internacional da Muller Traballadora, un día que debería de ser para homenaxear ás mulleres galegas (o acto estaba organizado pola Xunta), e non, como foi, para insultalas.
Os galegos e as galegas somos os negros do mundo. E comezamos a estar un chisco fartas de tanto insulto institucional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario