Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 19 de decembro de 2010

A Santa Compaña salvará a lingua

por Manuel Rivas, o paasado venres 17/12/2010 no xornal El País:

Está a espallarse un novo esplendor da arquitectura galega: o do tanatorios. En Galicia vivimos un tempo de futuro pretérito. Por iso a arquitectura máis viva é a dos tanatorios. Ocupan os mellores locais. Os lugares estratéxicos. Agora a vangarda son os tanatorios.
A da morte é unha das máis interesantes reconversións producida en Galicia nos últimos anos. Hai quen pensa que a desaparición dos velorios no fogar é unha grave perda etnográfica. O que eu penso é que os mortos, con ese sentido solidario que adoitan ter os defuntos, levaron a etnografía aos tanatorios. Cada día nótase máis. Non é que a xente deveza ou teña présa por morrer, mais o tanatorio xa non ten esa connotación de frigorífico, de penoso presidio no camiño do Xuízo Final. Até hai pouco o defunto galego aínda rexurdía para que non o levasen ao Tanatorio. Rebulía na caixa. Oíanse toses, xuramentos. O que pasa é que todo o mundo se facía o despistado.
-E iso que foi?
-O que?
-Pareceume oír a voz do avó. Un xuramento.
-Será o aire acondicionado!
O defunto galego ía ao tanatorio como se o levasen á pensión de Psicose, de Alfred Hitchcock. Mais agora os sen-lugar son lugares de información. De encontro. De transmisión de experiencias. As esquelas fanse en castelán, pero onde máis galego se fala é nos tanatorios. E un aprende alí de marabilla o que é o "e" paragóxico. A Santa Compaña salvará a lingua! Mágoa que non teñan un bo ambigú para os brindes de despedida. Pero todo se andará.
Aquí a crise non é da construción, senón do enfoque. E é que se orientaron mal as cousas. Veña masa, veña tixolo, veña urbanizacións. O negocio só pensaba nos vivos. Tiña esa miraxe colonial. Esa cousa da imitación da gran soleira mediterránea ou dos formigueiros metropolitanos, onde pousan as grandes migracións. Mais en Galicia, os vivos van a menos. Os vivos son o pasado. Como quen di, os vivos en Galicia son unha minoría. Unha minoría minoritaria.
Os mortos, dalgún xeito, son os que mellor resisten a crise. Os que nos botan unha man. Un dos propósitos do capitalismo foi converter os mortos en eliminados, romper a conexión entre as dúas parroquias, as dos vivos e as dos mortos.
Durante anos de confusión, a maior produción foi a de Baleiro. A xente pensaba que se estaban a facer edificios, polígonos, casas. Pois non. O que se estaba a construír era o Baleiro. Hoxe temos un excedente brutal de Baleiro. O problema do Baleiro e que é un produto moi difícil de colocar. É un produto triste. Unha cousa son os metros cadrados de esperanza e outra os metros cúbicos de baleiro.
O baleiro, ademais, é caro. Moi caro.
Unha das cousas máis impresionantes na Galicia de hoxe son os polígonos industrias desertos. Non é que pecharan ou marcharan as industrias. É que nunca estiveron. Talvez esa era a idea inconsciente. Que a terra criase industria. Se non hai fábricas, xa naceran. Hai que ter paciencia. O caso é facerlle sitio. Hoxe sae unha toxeira no polígono, pero se cadra mañá medra unha colleita de pneumáticos Pirelli con calendario de nus e todo. Esa é unha confianza cega. O que vai medrar é o baleiro.
Producimos menos leite. Menos barcos. Menos investigación. Mais somos os campións na produción de baleiro.
O grande monumento ao baleiro é, claro, a Cidade da Cultura. Velaí vemos o determinismo histórico. O baleiro, que é a Nada, facéndose co Todo. O gran espectáculo do goce sadomasoquista: todo un país a debater o como se enche algo que naceu para albergar... o baleiro. Todo este absurdo teríase solucionado de sermos realmente informados do que se pretendía facer. Agora todo o mundo di que non se sabía o porqué da obra de Gaiás, o que sería un auténtico delito merecente de "estado de alarma": gastar centos de millóns de euros, o que non temos, en algo que non se sabía o que era e para que!
Mais non é así. Fraga sabía o que quería e Peter Eisenman, tamén. Sendo diferentes os intereses, a coincidencia era tácita. Houbo quen o suxeriu, mais foi acalado. Non se recoñeceu a verdade. E até certo punto era lóxico. A natureza da Cidade da Cultura é o segredo. Como nas pirámides. Fraga quería o mausoleo, sen proclamalo. E Peter Eisenman quería elevar o concepto e a sensación do baleiro a sublime arquitectura. No fondo, a sintonía de obxectivos era perfecta, sen necesidade de ser expresada: tratábase de construír a Catedral do Baleiro, o perfecto Mausoleo da Postmodernidade. A funcionalidade nunca foi contemplada. Iso é cousa da arquitectura de Niemeyer, o autor brasileiro que vén de revolucionar Avilés transformando a vella siderurxia en epicentro internacional de cultura. O mundo á espreita desa obra, feita con sentido, a escala, e con imaxinación, e non a golpe de talonario. Mais Óscar Niemeyer é comunista e ten 103 anos. E pensa no destino da obra. As desgrazas nunca veñen soas. Que importaba o destino da obra en Gaiás? Estaba á marxe, ou era o de menos, nesa arquitectura da Nova Idade Media, obxecto de feitizo, de adoración, símbolo de si mesma e do concepto do poder que a pariu. O mestre Mateo levou o universo do ben e o mal, mediante a Apocalipse, ao Pórtico da Gloria. Rosalía de Castro escribiu: "Como me miran estes demos, /e aqueles mortos!". Só hai un xeito de encher de verdade o inmenso baleiro de Gaiás. Cos demos e cos mortos. Co falar e co mirar da pedra. Si, só hai un xeito de acabar con Baleiro Totalitario. Coa Santa Compaña. E o resto xa se irá dando. Cando estaba no sanatorio en Santiago, a Valle-Inclán encontráronlle un cesto de nécoras debaixo da cama. O médico pregúntolle: "E este marisco?". E don Ramón, que mesmo de enfermo era xenial, respondeu con naturalidade: "Aquí, con este clima, cría de todo". Ese é o medo que eu teño. Que en Gaiás metan moito deshumidificador. Hai que deixar á natureza que traballe. Que críe. Que encha o baleiro.
Os mortos aquí sempre foron por diante. A comezar polo último rei de Galicia, amante das artes, tamén da ars amandi, e que aborrecía a guerra, aquel Don García que morreu traizoado e cuberto de cadeas no castelo da Lúa. E Valle-Inclán, ao seu xeito, tamén era un rei galego. Non é casual que o enterro fose o día de Reis de 1936. E na comitiva, baixo a chuvia, ía o pobo e non os das cadeas. Na fosa, o caixón de táboas aboiou como unha barca. E cando un mozo tirou do crucifixo, destapouse o cadaleito e alí estaba don Ramón como un céltico rei Lear a botar a última ollada dende a última nave. Aquela ollada ía do tempo ao intemporal.
A mellor historia de Galicia, e da humanidade, é a dos que combateron o baleiro con retallos de luz.
O poema de Nazim Hikmet:
"Estes homes, Dino,
con retallos de luz nas mans,
u-lo van
nesta penumbra, Dino?"
Na Coruña, na mañá do sábado, día 18, no cemiterio de Santo Amaro, vaise lembrar cun roteiro organizado pola Academia Galega vaise homenaxear a Luís Seoane e as portadores de retallos de luz que alí repousan. E ao día seguinte, moi perto do camposanto, vaise inaugurar o memorial, impulsado pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, no que figuran os nomes de seiscentos loitadores pola liberdade asasinados polo fascismo na bisbarra coruñesa. O último libro de John Berger títulase Coa esperanza nos dentes. Así viviron eles, coa esperanza nos dentes, para encher o noso baleiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario