Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 14 de decembro de 2010

Pasmado con Agustín

por Alfonso Eiré, na Nosa Terra:


Agustín Baamonde é de Vilalba. Estudou nos Maristas de Lugo. Foi porteiro do Rácing Vilalbés. Alcalde do seu Concello... Falou sempre en galego. Mesmo, teño constancia, era contrario ao Decreto do Plurilingüismo promulgado pola Xunta. Agustín Bahamonde pasaba por ser un dos dirixentes do sector autóctono que tentaba acoutar as ínfulas españolistas de Alberte Núñez Feixóo. Chegou a participar nun acto de Prolingua en Vilalba.
Todo isto non lle impediu, como viñan facendo outros compañeiros seus no Parlamento, amolar os nacionalistas traducindo unha vez máis a Rosalía de Castro. Quen manda manda, e quen dirixe é Madrid!
Agustín Baamonde é un home afábel e intelixente. Co que se pode falar e tamén tomar uns viños.
Pero Agustín Baamonde foi capaz de repetir no parlamento palabras e argumentos que sabemos que non cre, pois ninguén coa mínima intelixencia acredita neles: que o español está marxinado en Galiza, que os nacionalistas queren arrecantalo até facelo desaparecer, que os votos lexitiman calquera política...
Que futuro lle agarda se até as mentes máis lúcidas do PP asumen o discurso e a ideoloxía da extrema dereita española?
Estaba repasando estes días as mobilizacións de finais dos anos 70 contra aquel outro Decreto do Bilingüismo e o que dicían os que se opoñían ás clases en galego. As súas declaracións eran moito máis moderadas que as que utiliza agora o PP. Só se atrevían a pedir que os seus fillos aprendesen tamén español.
Nestes 30 anos, en vez de avanzar, recuamos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario