A comezos do presente ano, A Mesa pola Normalización Lingüística dirixíase ao Ministerio de Fomento para expresar o seu malestar pola existencia de rótulos na autoestrada AP-9 con topónimos castelanizados e, ao tempo, para reclamar que a lingua galega estivese presente no sinais desta vía nos que só se emprega o castelán.
O pasado abril, o titular de Fomento, José Blanco, dirixíase por carta ao presidente d'A Mesa, Carlos Callón, para informalo de que viña de "dar instrucións" á concesionaria da AP-9, Audasa, para realizar "as correcións" nos topónimos, así como, atendendo "á dispoñibilidade orzamentaria", incluír o galego nos rótulos.
Sen que existisen anuncios oficiais, un percorrido pola autoestrada permite observar que, cando menos, parte das promesas de José Blanco xa están a ser cumpridas. Así, os condutores que antes só podían atender aos sinais que indican a proximidade do “peaje”, agora xa o poden facer sendo informados de que se achegan á “peaxe”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario