Non estan a ser os últimos días especialmente afortunados para a relación da Consellería de Sanidade coa lingua galega, unha ligazón controvertida dende o inicio da lexislatura, a comezar pola súa titular, Pilar Farjas, proclive a empregar o castelán en boa parte das súas intervencións en público.
Na xornada de onte, A Mesa pola Normalización Lingüística denunciaba que, nos materiais editados por Sanidade para concienciar sobre a prevención da Sida no Día Mundial de loita conta esta doenza, só era posible acceder aos panfletos en lingua castelá. “En gallego no lo hay”, foi a resposta, aseguran.
O colectivo en defensa da lingua asegura que os mesmos materiais traducen tamén nomes de hospitais, creando denominacións como “General-Calde”, todo isto, nunha campaña na que os carteis esquecen tamén a corrección en castelán, escribindo “haz la prueba” e non o axeitado “hazte la prueba”.
Non foi a campaña contra a sida a única acción na que Sanidade pasou por alto o idioma e denominacións propios do país. Na xornada de onte, a consellería daba conta no Diario da Unión Europea dunha adxudicación dunhas obras que disque se farán no “Complejo Hospitalario Universitario de La Coruña”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario