Longa e impresionante reflexión encol do informe de Monteagudo para IGEA, por Francisco Rodríguez Sánchez, en Terra e Tempo:
Resulta rechamante a insistencia dalgún analista e dalgunha institución privada, autodenominada galeguista, en descualificar e caricaturizar o discurso, e logo a práctica decorrente, do nacionalismo galego en materia de defensa do noso idioma, en circunstancias de tanta hostilidade a agresividade por parte da Xunta. Esta descualificación caricaturesca ocorre xustamente cando un amplo sector da sociedade galega está confrontado coa política lingüística oficial por considerala letal para a normalización do noso idioma e hostil ao recoñecemento de dereitos mínimos para os seus utentes. Non pretendemos negar a necesidade e a utilidade de facer análises máis axustadas e matizadas da situación. Moito menos obviar a discusión sobre cais son as tácticas máis intelixentes a seguir para combatermos a política do PP neste aspecto, logrando así maiores adhesións á causa do galego. Porén, consideramos que non se contribúe a nada disto, introducindo factores de confusión sobre as causas reais do retroceso dos usos do galego, agochando a súa subordinación ao castelán na interacción social e o papel de idioma dominante, do poder, único realmente oficial, deste na nosa sociedade. Nunha palabra, desviándonos do substancial: a alarmante falta de dereitos reais que padece o noso idioma, a falta de amparo legal efectivo para os seus falantes, no propio país. O galego é un idioma abertamente discriminado e marxinal no seu territorio. Se unha suposta "estratexia de futuro" para o noso idioma adica máis atención a ridiculizar un suposto discurso opositor á política discriminatoria oficial que ao discurso que sustenta esta política hostil, o verdadeiro problema, poderán terse as mellores intencións, mais xa se sabe en quen vai repercutir negativamente.
Certamente o tempo non pasa en balde. Sería algo simplista pensar que os argumentos e as propostas de 1975 a 1983 poden ser absolutamente idénticos aos de 2010 nesta como noutras tantas cuestións. O que os redactores do manifesto do IGEA denominan consenso logrado por aqueles anos, entre as forzas autonomistas, foi a formalización dunha estratexia: a lei de normalización, toda a normativa reguladora da cooficialidade, estaba concibida como puramente tendencial e indicativa, sen obrigatoriedade prescritiva, desde a concepción de estarmos nunha sociedade idealmente bilingüe. E así foi. O "deber" que se contemplaba na Lei de Normalización Lingüística de 1983, anulouno o Tribunal Constitucional, previa denuncia do "galeguista" García Sabell, en funcións de Delegado do Goberno central. O único artigo contundente, o referido aos topónimos, aínda está recente a súa consumación total no ámbito galego; na administración central, as excepcións poden ser tantas como abusivas e avesas, após 27 anos. En todo o demais, o galego tolérase, caso de non reprimirse ou impedirse, alén de usarse como lingua burocrática, escrita, maioritariamente pola Administración autonómica e local, con excepcións cualitativamente relevantes e significativas. Non chegamos a 2009 sen pasarmos previamente por un proceso que nos habituou á acomodación rutineira a unha realidade narcotizante: o galego retrocedeu de forma alarmante, do punto de vista xeracional, e do punto de vista cuantitativo, asfixiado por unha total ausencia de políticas normalizadoras, mentres se abría paso a conciencia de que agora había liberdade para falalo; xa non existían problemas. Naturalmente, sobre todo, se se prescindía del en certos lugares, para certas funcións e con certos interlocutores. A política de exterminio lento do PP de Fraga foi substituída pola agresión acelerada e descarada da actual Xunta, seguindo consignas de fabricación española que, de forma submisa e entusiasta, os sipaios están sempre dispostos a executar. O bipartito non fixo máis que iniciar a tímida asunción dun discurso normalizador, comezando por compartir que a cooficilidade estaba para algo práctico e que todo estaba por facer na realidade. O peso da inacción de máis de vintecinco anos pesaba como unha lousa: calquera mínimo avance parecía revolucionario.
O redactor do documento do IGEA, o Sr. Monteagudo, membro do Consello da Cultura Galega, e o seu colaborador, o Sr. Reixa, presidente de Filmanova, reinterpretan a historia, o pasado, dunha forma algo interesada, para acomodala á súa intención. Esquecen, por exemplo, que o BNG rexistraba no Parlamento Galego unha proposición de Lei de Normalización Lingüística, o 9 de marzo de 1982, que non chegou a ser debatida, ao seren expulsos os seus deputados por negárense a xurar fidelidade á Constitución española, entre outras cousas polo deseño de cooficialidade restritiva e discriminatoria que debuxaba para os idiomas que non eran o castelán. Nela, de maneira seria, nada aloucada, "madura", propúñase que, no prazo de cinco anos, houbese un 50% de materias en galego no ensino secundario, ao tempo que se optaba por unha política de avance progresivo, avaliado e controlado debidamente, do uso do galego como lingua vehicular do ensino primario. Non faltaban as medidas para a preparación do profesorado, con prazos e propostas para facelo competente na nosa lingua. Polo demais, o obxectivo fundamental da lei estaba en asegurar a plena liberdade de usos do noso idioma en todos os ámbitos de vida pública, amparando os seus utentes contra as discriminacións. Toda lei que defina que o galego é o idioma propio de Galiza, se quer ser consecuente con esta definición, ao tempo que intenta eliminar o papel secundario e subordinado deste idioma a nivel social, susténtase nunha certa concepción territorial, adobiada coa dos dereitos individuais. Era unha lei para enfrontarse aos problemas: crear as condicións para o galego poder manifestarse con plena liberdade, asumindo a administración autonómica e a local un papel motor neste proceso normalizador. Polo tanto, admitindo que todo recoñecemento explícito de dereitos cidadáns obriga a enunciar deberes para os servidores públicos. Neste caso, unha administración autonómica e os servizos dela dependentes funcionando co galego como lingua oficial normal. Como é lóxico non definía esta lei a oficialidade do castelán na Galiza, como lingua do Estado que é, pois era da súa competencia. Tampouco estaba preocupada pola súa sorte nin o seu futuro, pois entón, como agora, a súa presenza estaba asegurada, non só a nivel social, senón especialmente en todas as institucións, medios de comunicación, empresas, transportes...que do Estado dependen ou que se moven a nivel estatal, sen falarmos das dinámicas políticas, económicas e culturais que o favorecen. Cumpría, e cumpre, unha lei que posibilite restaurar usos sociais do galego, progresiva nos ámbitos dos servizos públicos, pero de obrigado cumprimento, como lingua preferente, normal, en todos os ámbitos institucionais autonómicos e con claro amparo legal nos dependentes da administración central.
Non foi, pois, a "madurez", entendida como mudanza no campo nacionalista, o que explica o "consenso" de 2005, senón máis ben a culminación dun teimudo e paciente labor de denuncia parlamentar, e de iniciativas realistas, por parte do BNG, que puñan ao descuberto a inacción de case trinta anos, coa secuela do retroceso alarmante do galego. Nin o PP podía xustificar tanta lei morta. Tiña que xustificarse entrando a dialogar sobre mínimos para seguir a consideralos máis indicativos que obrigados. Velaí a forma seguida para plasmar o consenso: un Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. A súa fraxilidade estaba na falta de convicción e de interese nunha das partes asinantes; era só unha táctica política. Tamén estaba no discurso do poder dominante no Estado español sobre o problema da diversidade lingüística e das competencias autonómicas, con claro impacto negativo e resolutiva aplicación destrutiva por parte do PP na Xunta. E como non, estaba en máis de vintecinco anos de narcótico e hipnose social, da que o nacionalismo estivo tamén atinxido. Esta fraxilidade non é de estrañar se temos en conta que o mesmo acordo, por iniciativa do campo nacionalista tamén, de reforma das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (2003), está sendo na práctica de dubidosa, por non dicir inexistente, aplicación, por rutinas e resistencias non só do PP, senón dos aparatos mediáticos, culturais e institucionais, en xeral, educados nunha determinada concepción dialectal, filoloxista e isolacionista do galego respecto do portugués. Algo terá que ver a Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, o Instituto da Lingua Galega e outros organismos subvencionados con fondos públicos.
Guste ou non, o PP aplica agora un deseño ao servizo dunha determinada concepción de España. O obxectivo é impedir procesos de normalización e restauración de usos dos idiomas que non son o castelán, nos seus respectivos territorios. Fano desde a consideración de que a maior consciencia lingüística, maior consciencia de nación, de sermos galegos, no noso caso. Non cabe unha oficialidade real, polo que se ve, na súa concepción de España, nin ao que parece na dos aparatos do Estado, incluído o Tribunal constitucional, tal e como interpreta a Constitución española. O PSOE non está á marxe desta concepción. Seguimos nesa onda, agora co PP, de xeito máis acusado e perigoso, na Galiza, da eliminación do deber de coñecer o noso idioma, que o recurso de inconstitucionalidade do avogado do Estado, cun goberno PSOE, presentaba contra o artigo 1.2 e 7 da Lei do Parlamento de Galicia 3/1983, de normalización lingüística, hai vintesete anos.
Por outra parte, o documento do IGEA acredita no papel decisivo dun teórico sector ou grupo social unilingüe galego para o avance do noso idioma, xa que sen consciencia lingüística individual non habería esixencia práctica de dereitos. Por que, entón, non se aprestan a centrar o seu discurso na denuncia das discriminacións que padecemos estes falantes do galego, na falta de amparo e protección por parte das administracións públicas dos nosos dereitos lingüísticos, para podermos desenvolver unha vida normal no noso idioma? Por que non formulan alternativas nesta dirección e demandan o cumprimento dunha cooficialidade en todos os ámbitos da vida pública nos que, hoxe por hoxe, dista de ser real? Por que non describen as situacións que fan vivir aos galegofalantes conscientes nunha especie, esta si, de condición de estranxeiros na súa patria? Por que non gastan o seu tempo e por que non empregan o seu prestixio académico en evidenciar o incumprimento flagrante da cativa legalidade en moitas ocasións e na falta de recoñecemento práctico de dereitos lingüísticos básicos que posibilitaren podermos vivir en galego na Galiza? Resulta unha ironía cruel que teñamos que escoitar, nunhas condicións tan precarias e fráxiles, discursos sobre a imposición do galego, xustamente un idioma proscrito de moitos ámbitos, e marxinal, noutros. Estuden e analicen cal é a situación do idioma, a que teñen que enfrontar os galegofalantes nas súas interaccións nas empresas públicas e privadas, na administración de xustiza, no ensino en xeral, incluídas a Universidade e o ensino privado, nos transportes por estrada, camiños de ferro e mar, na sanidade, nos espectáculos, cinema, televisión, na banca e nas caixas de aforro, no seo das Igrexas, na atencións aos clientes en comercios e grandes áreas....Exclusión ou presenza e preferencia abafante polo español....Até tal extremo que as condicións fan imposíbel a existencia dese grupo ou deses individuos unilingües en galego no propio país. Todo o máis hai falantes con consciencia lingüística que teñen como idioma da súa preferencia práctica e da súa adhesión racional e emotiva o do propio do país, mais sometidos a condicións de subordinación e de dependencia ás veces insuperábeis. Por iso, sen acritude, con serenidade, mais tamén con contundencia, forman parte os autores da "Reflexión estratéxica" do grupo que intenta falar galego en toda a parte e para todas as funcións na Galiza? Coido que, se formasen parte del, empregarían máis o seu tempo en cavilaren estratexias políticas e sociais para demandaren e conseguiren facer real o obxectivo da consecución de dereitos lingüísticos propios dunha verdadeira cooficialidade, reforzando os sectores sociais e políticos que traballan nesta dirección, en aberta oposición á política lingüística oficial da Xunta de Galicia, en primeiro lugar. Estarían fartos de vivir todo o máis na tolerancia que se tiña, como dixo o profesor Carvalho Calero, cos obxectores de conciencia, aínda enriba con límites infranqueábeis.
A maiores, é unha concepción errónea acreditar na existencia dun endogrupo galegofalante, totalmente unilingüe, máis ben éo só tendencialmente, na intención. O contexto non dá para tanto. É máis verdadeira a existencia dun grupo españolfalante, unilingüe, que se pode permitir o luxo na nosa sociedade de selo. O conflito non está situado entre eles. Na realidade a maioría é unha amplo sector social que o IGEA catalogaría de bilingüe, que vive como naturais as interaccións sociais nas que o galego ocupa sempre un papel inferior, subordinado, marxinal, e con deturpacións. É a estrutura do poder verbo dos ámbitos de uso, das funcións, dos temas, dos interlocutores, os que van tecendo a rede da progresiva aniquilación e retroceso de usos do noso idioma, manifestada nunha inestabilidade negativa para o galego na evolución das persoas, das xeracións e da sociedade en xeral, dos ámbitos máis públicos. Como sempre, máis agora en condicións máis masivas, un idioma reducido á vida coloquial dun patois. As excepcións a esta evolución confirman a norma, por moito que sexan relevantes en termos cualitativos. Os estrategas do IGEA non debían perder o tempo en loar as avantaxas do bilingüismo como algo positivo para convencer o sector máis amplo da nosa poboación das bondades de falar en galego. A maioría acredita xa en que é bilingüe, mesmo que teñen liberdade para falaren o que queren e cando queren e, aínda máis, que o natural e lóxico é o comportamento lingüístico que teñen. Espero que os redactores do IGEA non compartan esta conciencia subxectiva. Compartirán que é difícil que aqueles falantes vaian comprender o de bilingüismo "substitutivo" e "restitutivo", optando por este, se previamente non se decatan da subordinación, do dominio, da exclusión en moitos momentos, da renuncia que fan do galego...Se se decataren, comprobarían o que impide, en termos sociais, colectivos, e mesmo individuais, falar de bilingüismo, un termo a todas luces confuso para describir e comprender a nosa situación, a da maioría xustamente. Como tampouco, cómpre na Galiza ningunha campaña para disuadir a ninguén de que deixe de sentirse só galego e abandone a "sectaria" consideración do castelán como unha lingua estranxeira, para vermos de chegar a un diálogo civilizado e positivo para unha convivencia lingüística. A inmensa maioría, por forza das circunstancias xa seculares, concibe a súa identidade nacional ideal como "española y gallega"e, en consecuencia, o castelán outra lingua máis de seu, por certo superior. Mais unha cousa é que esta sexa a realidade hexemónica, e outra moi diferente é axudar a reforzala. El sería positivo para a causa do galego? Mais ben, non.
Permítaseme traer a colación aquí a Rosalía, sempre tan ilustrativa e actual. Ela xa nos advertiu de que aprendera a amar a súa patria, Galiza, cando entrou en contacto con cidades, vilas e terras de España, para ela, "estranxeiras". Tamén entón, apostou por facer uso da nosa lingua, do galego, chamando as xentes á guerra para non deixaren de ser galegos e galegas, por termos unha literatura nacional, propia. Só desde esta conciencia tan clara de que era galega e só galega, como a de que Galiza era a súa única patria, puido asumir tarefa restauradora de tal envergadura. Pois ben, os procesos de restauración social dun idioma, e loxicamente de identificación da condición nacional orixinaria, aséntanse na consideración do propio como prioritario, trazo preferente para definírmonos e identificarnos. Se se define o galego como o idioma propio da Galiza, cuestión que os redactores do manifesto aínda non parecen en disposición de desacreditar, non hai nada de alarmante en que se considere o castelán un idioma "estranxeiro", tal e como entendía xa Rosalía de Castro. Estamos a falar do punto de vista nacional, simbólico, identificador dunha realidade específica, antropolóxica, histórica, cultural e social, que se denomina Galiza. Polo demais, tampouco vexo por ningures hoxe esa suposta afección do nacionalismo realmente existente a catalogar o castelán como idioma estranxeiro, que tanto parece preocupar os analistas do IGEA. Non están a facer unha caricatura xustamente da resistencia lingüística a prol do galego na Galiza? Con quen intentan congraciarse? Que ideoloxía van reforzar así, a que beneficia a restauración dos usos sociais do galego ou a que lexitima o avance dos usos sociais do castelán? Se o camiño está en combater a idea de que o castelán é "estranxeiro", nunha sociedade que xa non peca de excesos identitarios, fica a ponte ou a porta máis expeditas para consideralo un idioma propio. O motivo que levou o PP a intentar eliminar o de lingua propia de Galiza foi xustamente naturalizar e lexitimar o castelán como idioma do país. A denominación da lingua galega como propia é un recoñecemento histórico, simbólico, de lexitimación da especificidade orixinaria, que nos segue a lembrar que somos un pobo, unha colectividade, diferente. Non podemos contribuír a facilitar unha política que intenta desarmar, desprotexer, para logo acosar e derrubar con máis facilidade...
En síntese, o bilingüismo social existente, as manifestacións de bilingüismo individual maioritarias, son proba de desigualdade, de subordinación, de discriminación, escoradas negativamente cara o polo do castelán, características dun sociedade que ten interiorizado o dominio lingüístico dese idioma como algo natural e normal, após un proceso de imposición secular. Mudar "bilingüismo substitutivo" por "bilingüismo restitutivo" pode axudar a tranquilizar as nosa conciencias. Mais, para mudar normas de uso hai que ter vontade social, polo menos dunha parte da sociedade, que fráxil pero combativa existe, e unha legalidade que obrigue as administracións públicas, en primeiro lugar, a establecer a normalización de usos do idioma propio, a súa restauración, en todos os ámbitos dos que está expulso ou en clara discriminación ou padecendo hostilidade. Toda a liña argumental do nacionalismo social e político, (por certo,se hai un "cívico", haberá outro "incívico"?) actuante está a facer fincapé na discriminación, na falta de igualdade, na persecución e a galegofobia do PP, no deber da administración e nos dereitos dos utentes do galego, no cumprimento da cativa legalidade e no desenvolvemento de normativas que favorezan a restauración de usos. Non sei moi ben de quen falan, cando se refiren ao galeguismo político. Estou a contestar desde a perspectiva dunha alternativa política nacionalista, que fai causa do idioma, cun deseño de mínimos, vitais neste contexto político. Desde logo, non imos asumir nin por asomo que, coas nosas posicións teóricas e as nosas condutas prácticas a prol do galego, contribuamos a asustar aos castelanfalantes. Sen as campañas mediáticas tan esmagadoras, desde fóra e desde dentro do país, contra unha sociedade indefensa como a galega, en tantas cuestións, especialmente na cuestión do idioma, non se pode entender que determinados prexuízos, estereotipos e falsidades puidesen chegar a ter o eco que tiveron. Mais o combate contra esta forma de intoxicación dou os seus froitos tamén e hoxe moitos sectores comparten que o obxectivo do PP é anular o noso idioma, facelo desaparecer.
Pode non querer asumirse. Tampouco hai por que cifrar a base do discurso nesta aspecto. Porén, cómpre sermos conscientes, polo menos a nivel intelectual e analítico. Se se defenden os usos do galego, os dereitos dos seus utentes, se se opta pos restauralo a nivel social, facilitando a súa aparición, hai conflito, porque se está pondo en cuestión a primacía, o dominio, a hexemonía do castelán como lingua do poder institucionalizado na Galiza. Isto é así obxectivamente. Poderá ser ou non asumido polos utentes do galego, segundo as súas diversas gamas ou niveis de uso, poderá ser vivido con consciencia ou simplemente obviado coas renuncias, máis sempre será padecido. Os analistas do IGEA enfían o seu discurso nunha dirección que máis ben diría que considera verdugos por intransixencia ou vítimas por impericia a unha importante parte dos confrontados coa política oficial. Non paga a pena perder moito o tempo. Interaccionan con Gas Natural-Fenosa, con Telefónica, co Sergas, con Muface? Como se senten na gardaría ou escola infantil á que levan os seu picariños e picariñas? En que están a maioría dos documentos e facturas de empresas e organismos que mesmo pagan do seu peto? Que televisións e radios poden ver e escoitar con sosego e satisfacción lingüística? Subliñemos, máis unha vez: xusto cando hai mobilización defensiva, cando hai conflito político e social, o galego avanza. Se hai resposta colectiva e persoal contra tanta barbarie e a prol dos nosos dereitos lingüísticos, hai avance. Se non toleramos resignadamente a discriminación e a hostilidade, é entón cando os grupos de poder que animan a represión e os gobernos que a comandan e amparan teñen que autocontrolárense e mesmo ceder ou cesar na aplicación do deseño destrutivo. Dígannos vostés como mellor actuar. Mais non nos coloquen nun mundo ficcional, no idealismo sociolóxico e político. Esperabamos algo máis de rigor. Non sei moi ben se o discurso que desvenda a realidade é un discurso escasamente atractivo. Sempre se pode facer mellor, desde logo, máis didáctico, sen dúbida. Seguro que hai moito que mellorar neste sentido. Porén, os discursos falsificadores, os que non axudan a desvendar o que hai detrás da aparencia, os que confunden sobre os causantes dos problemas, poden resultar atractivos de inicio e para inocentes. Seguro que, como xa indicou algún xornal con satisfacción, resultarán do agrado de Feixóo, porque é caldo de cultivo da confusión no campo inimigo, é dicir, no campo amigo da nosa lingua. Mais a conciencia da realidade e a práctica necesaria para mudala non se sustentarán nesta saída pola tanxente dos redactores da reflexión estratéxica do IGEA.
Lembre este Instituto "galeguista", e pídolles que cavilen, agora á marxe do tacticismo: dous idiomas para uso sistemático nunha mesma sociedade son inviábeis; non son compatíbeis socialmente de forma indefinida, a non ser debuxando progresivamente funcionalidades de subordinación ou de dualidade desequilibrada e procesos de marxinalidade. O avance do galego na sociedade galega, a nivel social, non se pode producir se non hai retrocesos do castelán, dos seus usos orais e escritos, formais e informais. Vaia adicado exclusivamente aos redactores do Manifesto. Non é para situar no cerne do noso discurso reivindicativo. A vosa reflexión estratéxica pode inducir a confusión e mesmo a promover algunha autoagresión nas propias filas normalizadoras ou dos amigos do galego, das que, sen dúbida, vos considerades parte. En todo caso, as organizacións nacionalistas de todo tipo, especialmente a Mesa, enunciaron os discursos necesarios, neste momento, e promoveron as accións sociais prácticas, logrando unha ampla converxencia de distintos sectores, cunha contundencia e un éxito indubidábel nun momento moi delicado e conflitivo contra un inimigo poderoso... Grazas á súa iniciativa e ao seu discurso un importante sector da sociedade galega paroulle os pés a este Goberno galegófobo. O que se necesita é robustecer aínda máis a nosa capacidade para resistir e avanzar. As reflexións do IGEA non contribúen a este obxectivo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario