Artigo na Nosa Terra. Para velo completo, premer na ligazón. De paso aproveito para engadir algunha máis aquí á dereita, entre as que teñen que ver coa lingua e que aparecen neste artigo.
Máis da metade das 6.000 linguas reseñadas do planeta están ameazadas. Tres mil delas son orais e desaparecen co seu derradeiro locutor. De aí o sentimento de urxencia que anima a investigación. O traballo de terreo é unha loita contra o tempo para que non desaparezan idiomas que permitiron contar a creación do mundo
Existen, aínda que non o pense ninguén, “aventureiros” empeñados en evitalo. Normalmente non van en procura de aventuras, nin as aventuras se lles aparecen diante dos ollos sen que eles as esperen. Son aventureiros porque, como afirmaba o poeta catalán Carles Riba, a aventura é a viaxe aos límites dun mesmo.
Van á procura de algo e encóntranse con sorpresas. Os novos aventureiros son unha caste de lingüístas contracorrente. De momento, malia a proliferación de institucións culturais mundiais non existe un atlas completo das linguas do mundo. A Fundación Sorosoro, que defende as linguas en perigo, ten localizadas na súa web 5.500; a Unesco arredor de 2.500, sobre unhas 6.000. SegundoEthnologue: Languages of the World serían 6.909 e a publicacion faro do Summer Institute of Linguistics (SIL)insiste en que miles de linguas continúan a ser descoñecidas. Porén o SIL é unha ONG americana baseada na fe, cuxo traballo é criticado duramente pola comunidade científica. O seu traballo, seica, máis que científico, agacharía un proselitismo relixioso.
O traballo para os novos lingüistas execútase normalmente en tres etapas. Primeiro, rexistran palabras, vocabularios da vida corrente, para aprender a lingua e afacerse ao seu son. Precísanse unhas 2.000 palabras para pasar á etapa seguinte: gravar historias e mitos. A terceira etapa consistiría en dominar xa a lingua.
Se cadra os lingüistas non fan máis que retomar o traballo que deixaran os misioneiros, os únicos “colonos” a se interesaren verdadeiramente nestas linguas por unha razón evidente: transmitir a palabra de Deus na lingua local. En Melanesia, o primeiro dicionario de mota, unha lingua do Vanuatu norte, foi redactado por un misioneiro cristián. Na Amazonia, o primeiro dicionario español-sikuani elaborárono desde misións católicas. O propio realizou o frade galego Rosendo Salvado en Australia.
Agora, pola contra, a moitos investigadores élles moi difícil permanecer neutrais perante os seus “obxectos” de estudo. Tamén élles dificil permanecer indiferentes á miseria. Os problemas e desafíos superan, de lonxe, a lingüística. Manter unha lingua é preservar a identidade cultural dun pobo, cando se acabará por entender. O indio Ganesh Devy, que comezou os seus traballos hai máis de 20 anos, deu o paso cara a adiante: de lingüísta converteuse, mediante a defensa das súas linguas, en activo militante da causa indíxena.
Ningún comentario:
Publicar un comentario