Hai posturas, poses, posicións que son imposturas, farsas, enganos, fraudes, actitudes finxidas, tácticas, trampas a un tempo elegantes e cribles que son as verdadeiras imposicións. E esas imposturas conducen sempre cara a algunha catástrofe.
O académico da letra ñ minúscula da superpotencia lingüística do español, Luis María Anson, a pesar de ser académico da lingua e segundo a súa valoración e a súa obxectividade, simplista, pero que non é ningunha simpleza, fala sempre da grandeza do español como superlingua hexemónica no mundo mundial e sempre atendendo a ese criterio de dominancia, tamaño e magnitude respecto doutras linguas, tamén linguas que non son máis grandes nin máis pequenas segundo o seu número de falantes nin pola súa maior ou menor expansión no orbe internacional. Segundo Anson, así o expón en El Cultural de El Mundo do 5 ao 11 de novembro, "paga a pena insistir na escalada do español no mundo cando nalgunha rexión española é combatido de forma inmisericorde". E, nese artigo segue dicindo que "a Generalidad está facendo co español o mesmo que fixo Franco co catalán". Expresándose con tales termos, recoñece a ofuscación franquista; pero insiste e "entristéceo contemplar como se trata de erradicar o español de Cataluña cos mesmos métodos que utilizou o ditador para fraxilizar o catalán."
E esta (im)postura lévame outravolta, despois do annus horribilis que vivimos en Galicia, á impostura da imposición co argumento de que o español estaba ameazado e corría o risco de desaparecer das nosa vidas, en Galicia. Impostura que nola lembra Xabier Macías no Foro Mundial da Educación 2010 cando, acertadamente, afirma que "hai varios axentes detrás do interese por derrubar o galego, contrarios aos dereitos sociais que tiveron unha estratexia clara para logralo, inventar a imposición".
Acertadamente, tamén Antón Lopo, gañador do premio García Barros de narrativa deste ano coa súa obra Obediencia, de forma creativa nos traslada a unha Galicia do futuro arrasada polas catástrofes naturais e pola perda da identidade. O venres pasado na entrega do premio no Teatro Principal da Estrada deu no cravo coas súas categóricas palabras: "A realidade está tan próxima que ás veces non podemos vela. As grandes catástrofes e atrocidades da historia sempre foron por obediencia, nunca por rebelión".
O domingo, Manuel Vicente escribiu outro atinado artigo en El País titulado Prometeo no que nos di que " cada día son máis os que obedecen cegamente a uns poucos" e que "é máis profundo o baleiro entre eses seres innomeables que ostentan o poder sen límite sobre as nosas vidas e a sociedade invertebrada que se move abaixo como un gando lanar". E continúa dicindo: "Existen unhas regras precisas para que a xente obedeza sen rebelarse, créndose libre. Ante todo hai que ter o público contento e culpabilizado".
A impostura, a obediencia, o poder sen límite, o acomodo, a pasividade e a conivencia estannos a levar a esa (in)crible Galicia, ao cataclismo da desaparición da nosa lingua e da nosa identidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario