Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 11 de decembro de 2010

Contra a preguiza lingüística

por Francisco Rei García, en Terra e Tempo:

Hei de recoñecer que o informe sobre lingua dado a coñecer polo Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA) en datas ben recentes foi para min, como pouco, sorprendente. Menos o foi, se cadra por previsíbel, o intenso debate aberto a partir da súa publicación a través de diferentes medios de comunicación, artigos de opinión e grupos de debate surxidos en diferentes redes sociais de internet.  

Recoñezo, iso si, que a sorpresa non foi tanto para min o contido do documento -moi na liña de determinada visión sociolingüística que non é, nin moito menos, a primeira vez que se manifesta -como si a decisión -non me cabe ningunha dúbida que política, como case todas as decisións que se toman na vida -de o facer público con tal determinación nun contexto, como ben sabemos, tan adverso para a nosa lingua, no que a importancia da unidade social arredor dela ten, posibelmente máis que nunca, unha importancia capital. 

Neste sentido é que non podo entender, nin por tanto compartir, a afirmación de Antón Reixa, responsábel de lingua do IGEA, no momento da presentación pública do citado informe, de que logo da intensidade do último ano aparece un novo período no que, xa sen tanta convulsión social, é posíbel abrir determinados debates e reflexións. 

Realmente é isto así? As agresións que, máis ou menos públicas, segue a padecer cada día a nosa lingua e a nosa cultura, as vulneracións constantes dos nosos dereitos lingüísticos, a deturpación sistemática dunha toponimia oficial derivada do único artigo prescriptivo dunha lei de normalización aprobada hai case 30 anos por administracións públicas deste e daquel signo político, etc, evidencian máis ben que o conflito lingüístico non se moveu do seu sitio, como tampouco a xerarquizada posición das linguas "oficiais" na nosa sociedade. Como o evidencia tamén que, onte como hoxe, calquera adianto no sentido dun mínimo respecto á tépeda legalidade vixente ou a uns dereitos lingüísticos que tamén son civís segue a ser obra e graza do movemento cidadán organizado en favor dunha lingua en plenas facultades, v.g. A Mesa pola Normalización Lingüística. 

Afortunadamente, non estamos soas e sós nesa consideración e esa entidade cidadá, que dentro duns meses fará vinte e cinco anos, segue a rexistrar novas incorporacións case que a diario, ben como ducias de queixas e consultas cada día a través do seu servizo de atendemento A Liña do Galego.  Ben sabemos que non abonda para mudar de vez a subordinación do galego. Tamén sabemos que un proceso normalizador digno de tal nome non pode descansar unicamente sobre o traballo social feito desde a base, por fundamental que este sexa. Dous exemplos tan próximos xeograficamente como Catalunya e Esukadi amósannos a importancia capital da implicación dos axentes institucionais na restauración e dignificación social da lingua propia. Por iso, non podo menos que adherir eu tamén á proposta formulada nun recente artigo de Marcelino Fernández Mallo no seu blog: sobre o evidente pulo que desde os concellos se lle pode dar ao proceso normalizador. Non hai, para iso, que inventar moito; abondaría con comezar por garantir o cumprimento da Lei 5/1988 de uso do galego nos concellos. Un "revolucionario" punto de partida, xaora. 

Voltando ao fío cuase inevitábel do informe do IGEA, entre as diversas opinións que con suma atención puiden ir lendo estes últimos días, sobrancea o tópico de que determinada visión sociolingüística -nomeadamente a defendida polo nacionalismo- permanece ancorada na década dos anos setenta, cando ao parecer foi "elaborada" (como se non houbese ducias e até centos e centos de escritos, análises e textos posteriores). Non é a única referencia que escoito á suposta negatividade dunha época pola que, noutros planos, confeso debilidade e admiración. Eu non a vivín porque aínda non nacera. Mais iso non me exclúe de ser eu tamén, como a miña xeración e as posteriores, produto dela, como o é o propio nacionalismo e como o é a sociolingüística de noso. 

Resúltame curioso, iso si, e remato xa, que non desexando a volta a aqueles anos, a estratexia para a solución do "problema" lingüístico pase necesariamente pola aplicación das mesmas receitas e fórmulas máxicas xa enunciadas naquela mesma altura. Estratexia que, por certo, é tamén a que comparte o goberno de Alberto Núñez Feixóo: facemos que facemos, cando na práctica só desfacemos. A anestesia valeu, progresivamente, a partir de 1983 para que amplísimos sectores acabasen por asumir que tamén no lingüístico viviamos no mellor dos mundos posíbeis. Canta razón levaba o Xurxo Souto o 18 de outubro de 2009 naquel seu discurso na Quintana: tornáramos preguiceiros. De nós depende agora que a nugalla non nos volva invadir, mesmo que sexa camuflada de debate. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario