Onte expresouno moi ben Uxía (o nome é ficticio), cando rematei de presentar na Facultade de Ciencias Políticas da USC un relatorio en que explicaba o documento Por un proxecto de futuro para o idioma galego. Unha reflexión estratéxica, o xa medio célebre ‘Informe do IGEA’. Uxía, que se presentou á audiencia como militante nacionalista, despois de expresar a súa sintonía de fondo coa proposta do IGEA, lamentábase da encarnizada polémica en curso, e preguntábase: “Como podemos evitar esta loita entre irmáns? Non sería preferible evitar o conflitivo termo bilingüismo por outro menos connotado, como equilingüismo?”. Nunha conversa privada que mantivemos ao final do acto, contoume: “Sabes como me enteirei eu da existencia do Informe do IGEA? Por unha amiga, galeguista coma min, que me dixo: Quintana, Reixa e Monteagudo tolearon!!! Acaban de publicar un manifesto polo bilingüismo!”. Esa amiga de Uxía interpretaba tal defensa como unha claudicación ante o Partido Popular.
Na miña opinión, a anécdota expresa moi ben o desconcerto dun sector non pequeno do nacionalismo galego perante a reivindicación do bilingüismo restitutivo, noción esta que constitúe a cerna do novo discurso a prol do galego que se propón no dito Informe. É obvio que ese desconcerto está a ser entusiasticamente alimentado polo sector do nacionalismo que se sente directamente cuestionado pola nova proposta, que, por simplificar, podemos identificar como o máis próximo á liña tradicional da UPG. Pero non é menos obvio que tal reacción non se pode explicar só por iso, senón que ten unhas motivacións máis profundas, que funden as súas raíces nunha cultura política (e especificamente, político-lingüística) amplamente, e en parte inconscientemente, asumida por boa parte do nacionalismo. Explicareime.
Dáse o caso que esa cultura política fundaméntase nun discurso que no fundamental foi elaborado basicamente por dous dos nosos polemistas máis salientables. Non pode estrañar a súa furiosa reacción, aínda que un non pode tampouco deixar de asombrarse ante a falla dunha mínima ética do debate dunha persoa que foi eleita repetidamente co voto de un mesmo para unha institución democrática tan representativa coma o Parlamento de Galicia. Un, coa súa experiencia histórica ao lombo (militante de diversas organizacións nacionalistas de xeito ininterrompido desde 1976), tampouco pode facer coma quen que non se decata de ata que punto persisten os inveterados tics sectarios, as vellas tácticas manipuladores e a radical alerxia polo diálogo, aliadas a unha ansia compulsiva polo control, daquel sector do nacionalismo político que antes mencionei. Unha cadea de vicios que, lamentablemente, poden volver levar a ruína non só ao BNG, senón tamén á CIG, a Mesa e todo o que se poña por diante. O tempo dirá.
Volvendo ao rego, tentarei de resumir a resposta que dei á amiga Uxía no acto de onte, por se esa resposta pode resultar esclarecedora. Díxenlle a esta militante galeguista que se non fose para revisar os dous puntos centrais do caduco discurso político-lingüístico do nacionalismo, isto é, a concepción que sostén do conflito lingüístico e o rexeitamento do bilingüismo (ao que necesariamente vai asociado, de xeito máis ou menos implícito, a defensa do monolingüismo), eu, persoalmente, non me poría a redactar o texto que presentou o IGEA. Isto mesmo sabían, cando aceptei redactar o informe, os responsables deste honorable Instituto, e particularmente, o seu distinguido presidente, Anxo Quintana, candidato nas dúas últimas eleccións autonómicas á Presidencia da Xunta de Galicia polo BNG. Son perfectamente consciente de que na práctica, o groso do nacionalismo, e particularmente as organizacións cívicas da súa órbita, actúan coma se aqueles dous dogmas xa non vigorasen, ou ao menos de xeito ambivalente perante eles. Precisamente, a nosa proposta ofrécese como unha ferramenta útil para unha nova fundamentación, máis coherente, máis axeitada e con maiores posibilidades de conseguir a hexemonía social, desas prácticas do galeguismo activo.
Canto ao conflito lingüístico, a ambivalencia do nacionalismo político e as súas organizacións cívicas é obvia: dunha banda, hai quen defende a conveniencia de fomentar o conflito lingüístico, como procedemento para desvelar a marxinación do galego e espertar a conciencia lingüística da poboación. Pero cando a outra parte do tal conflito, isto é, os sectores contrarios á promoción do galego, consideran que a eles lles convén avivar ese mesmo conflito lingüístico, daquela, o galeguismo esquécese da dita recomendación e, sensatamente, denuncia o conflito para reclamar a convivencia. Cousa non moi distinta acontece co irmán xémeo da convivencia, que é o consenso. Pola miña banda, estou convencido de que a última mensaxe é a correcta: polo ben do idioma galego e en estrita coherencia coas nosas conviccións democráticas, debemos procurar o consenso e defender a convivencia, iso si, en condicións de xustiza e equidade, o cal evidentemente implica a posta en marcha de políticas de discriminación positiva para o galego. Pero se defendemos a convivencia, daquela é obvio que temos que revisar ou abandonar ou revisar en profundidade a revellida fórmula do conflito lingüístico. Non si?
LECTURA POSITIVA DO BILINGÜÍSMO
Pero non se escapa a ninguén que a posta en cuestión do dogma anti-bilingüista constitúe o nó gordiano deste debate. Tiña razón Uxía cando argumentaba que a defensa do bilingüismo na Galicia de hoxe está inevitablemente connotada coas políticas historicamente tépedas e actualmente regresivas do Partido Popular e mesmo coa acción de grupos anti-galego como Galicia Bilingüe. Pero, retruqueille eu, en boa medida a responsabilidade diso correspóndenos a nosoutros, des que primeiro fixemos nosa e máis tarde non nos preocupamos de revisar a malfadada teoría do conflito lingüístico (elaborada nos anos ’70 por certa glotopolítica catalá e importada aquí sen grandes adaptacións), segundo a cal as sociedades que partimos dunha situación de diglosia e vivimos un proceso de substitución lingüística estamos abocadas a un dilema inexorable, sen terceiras vías: a extinción da lingua subalterna (no noso caso, o galego), ou a súa normalización, entendida esta como a conquista do monolingüismo social. Para entender iso, convén lembrar que esta teoría partía dunha asisada crítica a unha formulación dun certo bilingüismo, utilizada como estrataxema para dar cobertura aos procesos de imposición do castelán, lexitimando os procesos de minorización e substitución do galego e as outras linguas nacionais da periferia.
Esta formulación dun tal bilingüismo (en realidade, un bilingüismo substitutorio) comezaron a circular nos finais do franquismo e teñen a súa continuidade nas liñas de GB e o actual PPdeG, entre outros grupos. Pero un dos puntos máis fracos da teoría consiste en equiparar a normalización da lingua coa consecución, como obxectivo final, do monolingüismo social, refugando de plano e xenericamente o bilingüismo.
Arestora temos diante todos os argumentos para concluír que a resposta axeitada a aquela formulación do (falso) bilingüismo substitutorio non consistía na denuncia e o combate xenérico contra o bilingüismo. Como demostración disto, véxase como a defensa dun bilingüismo correctamente entendido, o bilingüismo restitutivo, deu eficaz cobertura social ás políticas de promoción do eusquera e o catalán, con resultados ben mellores cás aplicadas en Galicia. É que o bilingüismo resulta ser a chave para conseguir a hexemonía social en materia de política da lingua (glotopolítica), pois boa parte da cidadanía o percibe positivamente: neste país fálanse dúas linguas, unha delas, a propia do país, atópase ameazada; para conservarmos as dúas linguas, é preciso apoiar enerxicamente a nosa. O nacionalismo galego cometeu o erro histórico de abandonar o bilingüismo ás mans dos sectores políticos e sociais que o utilizaron como cobertura para discursos lexitimadores da diglosia, para xustificar o desleixo do idioma galego, ou para lexitimar accións de goberno ineficaces ou mal deseñadas. Estes sectores elaboraron unha lectura abandonista dun falso bilingüismo (realmente substitutorio) e impuxérona como socialmente hexemónica.
A tarefa que ten por diante o galeguismo (enténdase: corrente defensora do galego) é elaborarmos nós unha lectura positiva do bilingüismo, que no informe do IGEA denominamos bilingüismo restitutivo (quen teña propostas para outra denominación mellor está a tempo de presentalas), unha noción que dea cobertura a políticas efectivas de promoción da lingua. Trátase dunha tarefa esgrevia, pero a alternativa, que consistiu ata agora na renuncia e na denuncia xenérica do bilingüismo, consumiunos moitas máis forzas e deu o cativo resultado que está a vista; sendo que previsiblemente dará peores resultados no futuro, tendo en conta a evolución da situación sociolingüística de Galicia. Na miña opinión, fronte a esta tarefa non valen os subterfuxios nin os escapismos, por moito que aquela lectura positiva do bilingüismo ten que apoiarse, moi lexitimamente, en nocións como diversidade lingüística, plurilingüismo, e, xaora, normalización do idioma.
Para rematar, voume referir brevemente a algunhas reaccións ante a proposta do IGEA. Non vou entrar nos argumentos, inxenuos ou hipócritas, do estilo de ‘“claudicamos ante o PP” ou “estamos facendo o xogo ao PP”. Está comprobado que hai un sector do nacionalismo galego que compatibiliza unha retórica vitriólica e non raramente incendiaria cunha máxima moi pragmática: “contra o PP vívese mellor’”. Xa se sabe, gobernar é máis difícil. Eu, modesta pero obviamente, inclúome no sector ao que non lle satisfai vivir contra ninguén, pero lle gustaría vivir a favor do progreso de Galicia, e por tanto, mandando o PP (e sobre todo o PP de Feijoo, Corina e Negreira) á oposición, e se for posible en terceiro ou cuarto lugar nas preferencias do electorado galego.
A NECESIDADE A DEBATE
Outra xente, honestamente, critica o Informe non tanto por discrepancias de fondo, como por cuestións de oportunidade. Canto a isto, coido que é un erro contrapoñer o activismo e a unidade de acción, que me parecen totalmente imprescindibles, coa intelixencia e a liberdade no debate, sen coutar a expresión da discrepancia, que non son menos importantes. Segundo outros puntos de vista, elaborar un novo discurso é unha perda de tempo, cando non manifestamente un incordio. Pola miña banda, coido que, como dixo o sociólogo, “non existe cousa máis práctica ca unha boa teoría”. Máis en concreto, sosteño que é unha absoluta prioridade que a corrente social a favor do galego (afortunadamente ampla, difusa e diversa) se dote dun discurso e dun proxecto coherentes e atractivos para a maioría da sociedade. Os feitos mostran ás claras que non dispón deles. Negarse a aceptalo é seguramente cómodo, e ata se cadra beneficioso para grupos e individuos moi concretos, pero non vai darnos mellores resultados dos que xa temos. Política da avestruz, chámase iso.
O galeguismo político e o nacionalismo cívico teñen unha magnífica oportunidade para mostrar ao conxunto da sociedade galega a súa capacidade para desenvolver un debate libre, intelixente e respectuoso, que exprese a súa real pluralidade interna (reflexo da propia diversidade do país), para renovarse e para elaborar propostas de futuro para o conxunto do país, e moi particularmente, do seu idioma. Se non o consegue, con certeza non será pola falta de compromiso, vontade e competencia de quen redactou, subscribiu ou apoiou ao informe do IGEA. E naturalmente, co espírito aberto á deliberación libre e á crítica ou revisión da súa proposta.
Probábel erro inicial: poñer o bilinguismo como pricipio de partida para unma presunta negociación. A dereita pode e vai dicir sen moito rubor que o seu xa é bilinguismo ...rest... o que sexa; polo tanto, pretendentes, ou rabaixades aínda máis ou ides ter que a envainar.
ResponderEliminarna miha opinión, coido que a liña politica que está a marcar o camiño que vai acurralar definitivamente o galego só merece que nos situemos no lado xustamente ... oposto. ver como institucións e persoeiros lles fan as beiras a estes individuos e aos que a eles se pasaron, nun intento de que volvan ao rego é contemplar un espectáculo patético e sobre todo, eses, van ficar, agora si, definitivamente, marcados e definidos como colaboradores necesarios. Francamente, de seguirdes así, o galego xa non vos vai necesitar...
ResponderEliminar