“A lectura é un ben de carácter universal”. Isto proclámase no decálogo das conclusións do Simposio arredor do Fomento da Lectura organizado pola Asociación Galega de Editores, os pasados días 18 e 19. Pode parecer que un sector concreto está a reclamar a atención e o apoio aos seus intereses privados, pero isto de ningún xeito é así.
Que a lectura sexa considerada como un ben de carácter universal polo conxunto da sociedade, e polas distintas administracións que teñen a obriga de fomentala, vai en favor de todos e cada un dos homes e mulleres que conforman a totalidade da sociedade, aínda que nada teñan que ver co sector do libro. A todos favorece pertencer a unha sociedade de persoas civilizadas, o que significa ter a capacidade para percibir os distintos puntos de vista dos outros e aínda non compartíndoos poder crear espazos de convivencia comúns.
Os homes e mulleres que len de forma habitual desenvolven esta capacidade para ver máis alá dos seus propios intereses. A lectura da poesía amplía as competencias sensitivas, a lectura de obras narrativas ou teatrais forma a mente para poñerse na pel doutras persoas, a lectura do ensaio proporciona o adestramento mental para a comprensión de situacións complexas, e todas as lectura en xeral, ademais de proporcionar coñecementos, educan para ser correctos receptores da realidade que nos circunda, e dótanos das ferramentas para analizar correctamente esa realidade.
Polo tanto fomentar a lectura é fomentar a consolidación dunha sociedade con cidadáns xustos, tolerantes, xenerosos, solidarios, comprensivos... E, sendo así, é evidente que necesitamos con urxencia fomentar a lectura para crear unha sociedade mellor. É preciso que entre todos poñamos en marcha un gran pacto social pola lectura, ao cal eu engadiría pola lectura do libro galego, porque é o máis deficitario e porque é o que responde á nosa realidade cultural.
Ter a valiosa capacidade para ler noutras linguas é ter un tesouro, o que supón poder ler a Höderlin en alemán, a Torga en portugués, a Bayron en inglés, a Pavese en italiano, a Baudelaire en francés, a Llompart en catalán, a Juaristi en éuscaro ou a Ángel González en español, por exemplo.
Pero o fomento da lectura en galego ten o plus engadido de operar sobre a nosa realidade inmediata, favorecendo o enriquecemento da nosa cultura, que, entre outras cousas, necesitamos para facerlle chegar ao mundo a nosa visión da realidade e non ter que plaxiar visións doutras culturas, o que significaría que os galegos nada daríamos, e polo tanto non teríamos razón de ser.
As distintas administracións, locais, autonómicas e a estatal, teñen que comprender que investir no fomento da lectura é un investimento transversal, xa que indirectamente están tamén investido en sanidade, xustiza, medio ambiente, educación, igualdade, benestar... porque os homes e mulleres formados na lectura, as persoas cultas, van ter un comportamento racional, xusto e equilibrado en relación a todos os recursos das diferentes áreas da sociedade.
En definitiva, é moi urxente poñer en marcha ese gran pacto social pola lectura se queremos vivir nun mudo mellor en todos os sentidos
Ningún comentario:
Publicar un comentario