Un recente informe do IGEA que preside Anxo Quintana, provocou un debate a respecto de cal debe ser a orientación estratéxica da defensa da lingua galega e sobre a definición dos obxectivos últimos do proceso normalizador.
Nun artigo en resposta ao elaborado retruque de Pilar García Negro –que comparto integramente–, Quintana deixaba caer a idea de que nun mundo globalizado unha Galiza monolingüe no seu idioma propio non só non é posíbel, senón que non é desexábel. Ficamos pois diante dun novo episodio do que o sociolingüista George Lakoff cualificaría de adscrición ao marco conceptual do inimigo.
Non existen sociedade monolingües, aínda que só sexa por contacto con outros idiomas, nin tampouco territorios bilingües. Existen iso si, persoas con competencias plurilingües –sempre desexábeis, positivas e enriquecedoras. Polo tanto, un non pode senón temer que o que se está a propor non é outra cousa que a renuncia ao obxectivo fulcral de acadármonos unha sociedade onde o uso da lingua galega sexa hexemónico. E a pregunta é: que outra cousa senón ha de perseguir o proceso de normalización? Ou ten razón Carlos Callón ao denunciar a pretensión dunha “normalización sen normalización”?
Ningún comentario:
Publicar un comentario