Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 19 de decembro de 2010

Medios en galego. Habelos, hainos.

Da web de Converxencia Galega recollemos este post que tamén é unha boa recompilación de medios en galego, toda unha lista de recursos.


Ninguén pode negar que o 2010 está sendo un ano negro para os que amamos e sentimos a nosa lingua. Nas vésperas do 25 de xullo, vieiros.com  -decano do xornalismo en galego e referencia do galeguismo na net- anunciaba o seu peche. Poucas semanas despois, A Nosa Terra, cabeceira histórica do xornalismo galego, coñecida polo seu compromiso co idioma e coa defensa dos intereses do país, comunicaba que deixaría de editarse despois de ser vendida semanalmente durante máis de 30 anos.

Á Nosa Terra, seguiríalle A Peneira, xornal tamén escrito en galego, cunha traxectoria de mais de 25 anos e referente no que a información de tipo comarcal e local se refire.

Finalmente chuza!, rede social de promoción de noticias de ámbito fundamentalmente galego, e gznacion.com, portal de información xeral  anunciarían tamén o seu peche.

Ante estas nefastas noticias para a nosa lingua, acontecidas nun intervalo menor de dous meses, diferentes movementos sociais do país publicaron un manifesto pola defensa do galego nos medios de comunicación, chamado “Os medios en galego importan”, ao que se adheriron milleiros de persoas e colectivos.

Está claro que este tipo de manifestos son necesarios para activar a conciencia colectiva do país así como para alertar da importancia que teñen os medios para a supervivencia da nosa lingua, xa que resulta evidente que o número de medios de comunicación en galego é insuficiente. Mais non é menos certo que de pouco serve que por un lado nos queixemos desta carencia se polo outro non apoiamos nin o máis mínimo aos medios que se publican actualmente na nosa fala.

Se o 20% dos que asinaron ese manifesto tiveran comprado no seu dia A Nosa Terra, hoxe non terían que lamentar o seu peche. O fácil é botarlle a culpa ás administracións públicas, aínda que estas podan ter parte de responsabilidade, pero non esquezamos o noso deber como lectores: “Algo falla nun país onde tanta xente se declara amante da súa lingua ou tantas empresas utilizan a galeguidade para posicionarse nos mercados, pero logo non hai nin lectores nin anunciantes para os medios que se fan en galego”, afirma con razón o manifesto.

Desde Converxencia Galega animamos a todos os galegos a apoiar os medios existentes en galego. Está claro que poderían ser máis. Que parte deles poderían ter unha maior periodicidade e extensión, depender menos das axudas públicas ou mesmo ter unha maior calidade. Pero tamén está claro que é innegable o seu compromiso coa nosa lingua e polo tanto co noso país –o máis cómodo e práctico sería editar en castelán-. Só co noso apoio poderán ser mellores, máis numerosos e independentes.

Velaquí unha mostra de 28 medios escritos en galego. Porque habelos, hainos:

De Luns a Venres, xornal gratuíto en galego nacido a finais de 2005, distribúe diariamente de balde máis de 40.000 exemplares nas sete grandes cidades de Galicia así como en varios centros galegos da emigración. Unhas dúas mil persoas tamén reciben o xornal en formato pdf  gratuitamente vía e-mail.  Editado polo Grupo El Progreso é actualmente o medio en galego máis lido. Nas súas páxinas escriben entre outros Bieito Iglesias, Jaureguízar, Angel Vaqueiro ou Lucía Etxeberría.

Galicia Hoxe, fundado en 2003, é o sucesor de O Correo Galego, que naceu como a versión en galego do seu irmán maior escrito en castelán. Publicado pola Editorial Compostela, segue sendo o único xornal de pago escrito integramente en galego. Nas súas páxinas destacan as noticias sociais e as relacionadas coa cultura e a vida universitaria. Nos últimos anos tamén empezou a dar maior protagonismo as informacións de carácter político coa incorporación de plumas como as de Xosé Manuel Beiras ou Antón Losada.

Xornal de Galicia, editado polo Grupo San José e enfocado a un público progresista e galeguista, é o primeiro diario bilingüe que se publica na nosa terra. A presenza do galego neste xornal é aproximadamente dun 40%. Nas súas páxinas priman as noticias de carácter político e económico. Tamén teñen cabida as páxinas de opinión e análise. José Luis Gómez, Xavier Vence, Rafael Cuíña, X.A. Pérez Lerma, Antón Reixa, Camilo Nogueira, Iolanda Castaño ou Pablo González Mariñas son algúns dos seus colaboradores. A súa edición dixital, xornal.com, é a terceira máis seguida na internet, só por detrás de La Voz de Galicia e Faro de Vigo.

Tempos Novos é unha revista de periodicidade mensual editada por Atlántica de Información e Comunicación, editorial fundada en 1997 por máis de 150 intelectuais, profesionais, escritores, políticos…Desde entón leva publicados máis de 140 números ininterrompidamente. TN é a referencia e o punto de encontro do galeguismo intelectual, até o punto de poder considerala como a sucesora natural de revistas históricas como Teima e Mancomún. Nas súas páxinas ponderan os debates, análises ou espazos de reflexión de temas políticos, socioeconómicos e culturais. Dirixida por Luís Álvarez Pousa conta con numerosos colaboradores como Xosé Luís Barreiro Rivas, Xan López Facal, Xavier Alcalá ou Xusto Beramendi.

Código Cero é unha publicación de carácter mensual, no que teñen cabida todas as informacións referentes ás novas tecnoloxías (redes, I+D+I, internet, xogos, software, avances tecnolóxicos…). Fundado en xaneiro de 2002, leva publicados case 90 números desde entón. O xornal pódese descargar de balde en pdf, tendo case 3.000 subscritores que o reciben neste formato vía email.

ECO, Revista do Eixo Atlántico, é unha revista bilingüe enfocada á información de carácter económico e político. Con case 20 anos nas súas costas, leva vendidos máis de 230 números todos os meses. Veñen de estrear novo deseño e páxina web. Nas súas páxinas escriben, entre outros, Xulio Ríos ou Ernesto Sánchez Pombo.

- A revista Grial é  a publicación cultural de referencia na nosa terra. Publicada pola editorial Galaxia, véndese ininterrompidamente cada tres meses desde 1963. Nela escribiron históricos galeguistas como Ramón Piñeiro, Carvalho Calero, Fernandez del Riego, Basilio Losada ou Carlos Casares. Actualmente está dirixida por Vítor Freixanes e Henrique Monteagudo. 

Novas da Galiza é un periódico mensual creado hai 8 anos por Minho Media. Dirixido por Carlos Barros, presenta unha orientación política de esquerdas e antisistema. Está escrito integramente en galego reintegrado.

Retranca é unha revista de humor gráfico bimensual que se vende exclusivamente nos quioscos desde hai máis de tres anos. Cada número está dedicado a un tema concreto (feísmo urbanístico, cidade da cultura, tren de Alta Velocidade, entroido, cambio climático, series televisivas galegas,  bilingüismo…), pero tamén conta con seccións fixas. Vende perto de 5.000 exemplares. Nas súas páxinas debuxan autores da talla de Kiko da Silva (director), Xaquín Marín, Xosé Lois - O Carrabouxo ou Pinto e Chinto, entre outros moitos.

Casa Nova é primeira revista de decoración escrita en galego. Nela o lector atopará diversas reportaxes relacionadas co interiorismo, a decoración ou a xardinería. Pero tamén poderá descubrir o proceso de rehabilitación das aldeas, dos cascos históricos e das cidades. Dirixida por Francisco Nóvoa Rodríguez e editada desde Ourense por Viadazaoito Comunicación (AVC), ten unha periodicidade bimestral.
Biblos é a revista do clube de lectores que leva o mesmo nome. A través desta publicación temos a posibilidade de coñecer puntualmente cada dous meses, practicamente a totalidade dos libros galegos que son novidade así como os discos e as películas que saen ao mercado na nosa lingua, ou mesmo unha selección dos produtos que aparecen no mercado portugués. O clube ten case 7.000 referencias de libros, publicacións, cd´s ou filmes feitos en galego. Aínda que a revista é enviada por correo aos seus socios (máis de 1.500) tamén se pode descargar gratuitamente desde a súa web.

Ao Vivo Música é unha revista de información e promoción da música galega que se distribúe de xeito gratuíto nos locais da Rede Galega de Música ao Vivo. Tamén se podedescargar desde a rede. Editada pola Axencia Galega das Industrias Culturais, ten unha tiraxe de 9.000 exemplares.

A revista Cerna é a principal publicación galega especializada en medio ambiente de Galicia e promovida desde o eido ecoloxistaDistribúese en librarías de toda Galicia, bibliotecas, centros de ensino e institucións relacionadas co medioambiente galego, ademais do milleiro e medio de exemplares que envía regularmente a persoas subscritas e colaboradoras. Está editada por ADEGA (Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza). Os números atrasados pódense descargar desde a web deste colectivo.

- Sprint Motor, editada mensualmente desde hai 15 anos, é unha publicación que intenta reflectir a realidade do motor tanto da competición como do sector comercial de Galicia, en especial da área de Compostela. Esta publicación naceu da man dun grupo de xornalistas afeccionados ao motor convencidos da necesidade de ter un medio que se expresase na lingua galega e que recollese aspectos e contidos que xeralmente non eran divulgados por outras revistas ou xornais de carácter estatal ou mesmo autonómico. Dirixida por Xurxo Sobrino Morán e editada por Arrincamos , leva publicados máis de 160 números. Os números atrasados pódense descargar de balde.
A Revista Galega de Teatro (RGT) é editada pola Asociación Cultural Entre Bambalinasdende 1983. Publícase trimestralmente co apoio do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais de Galicia). A liña da revista sempre estivo presidida pola independencia de calquera opción partidista ou corporativa e a atención preferente ao teatro galego pero con curiosidade por calquera aspecto de interese do teatro en xeral. Alén diso, dentro da RGT publícanse textos dramáticos.
Galimatías, é unha revista xuvenil de historieta publicada pola Xunta de Galicia quincenalmente. Distribúese en centros de ensino públicos e co xornal “El Correo Gallego”. A súa tiraxe é de 30.000 exemplares podéndose tamén descargar directamente desde a web.

ProTexta é unha revista trimestral de libros publicada en formato e papel de xornal. Está editada por Atlántica de Información e distribúese coa revista Tempos Novos e os xornais da Editorial Capital ( El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños).

- A Trabe de Ouro, Publicación Galega de Pensamento Crítico, leva editados máis de 80 números desde que naceu en 1990. Editada por Sotelo Blanco, o seu Consello de Redacción está formado por importantes persoeiros da vida cultural galega: X. L. Méndez Ferrín (director), Rosa López, Francisco Fernández Rei , Miguel A. Seixas, Francisco Sampedro, Antón Figueroa, Marcial Gondar Portasany, Xavier Vence, Margarita Ledo Andión, Paco Martín, Darío Xohán Cabana, X. M. García Crego, Manuel Outeiriño, X. M. Salgado, X. Antón L. Dobao, J. Viale Moutinho e Carlos García Martínez. Todos eles pensadores, profesores ou escritores de primeira orde.
Moto Galicia Sport, é unha publicación en galego dedicada ao mundo das motos, onde teñen cabida todo tipo de información relacionada co motocross, o trial ou as carreiras de velocidade en circuíto. As competicións e concentracións moteiras teñen especial relevancia.

Galegos é unha revista trimestral bilingüe editada por Ézaro Ediciones e dirixida por Carlos Reigosa. Nos seus contidos conxúganse as tradicións e a cultura popular cos novos valores no ámbito empresarial, artístico, científico ou culinario.Nas súas páxinas escriben autores como  Xosé Luís Barreiro Rivas, Perfecto Conde, Fernando Ónega, Luis Mariñas, ou Ramón Villares.
Análise Empresarial é un magazine semestral de información económica editada en Pontevedra por Unipro desde hai 20 anos.

Murguía, Revista Galega de Historia é unha publicación cuadrimestral centrada na Historia de Galiza. Nacida no ano 2003 baixo a dirección de Uxío-Breogán Diéguez e a coordinación de Alexandra Cabana Outeiro, da man do "Colectivo Murguía", mantén un protocolo de colaboración coa Asociación Galega de Historiadores, entidade creada no ano 1991 no marco da USC e co-editora da publicación.

Paraíso é unha revista de información e promoción das actividades da Rede Galega de Teatros e Auditorios e da Rede Galega de Salas que se distribúe de xeito gratuíto en espazos escénicos galegos. Editada pola Axencia Galega das Industrias Culturais, pódesedescargar de balde desde a rede. Ten unha tiraxe de 9.000 exemplares.

Irimia, Revista quincenal de crentes galegos, como o seu nome indica é un publicación de carácter relixioso, achegando un punto de vista crítico das cousas que ocorren no mundo (Igrexa incluída). Edítase cada dúas semanas desde hai trinta anos. Editada pola Asociación Irimia ten unha tiraxe de 1.300 exemplares contando cun elevado número de colaboradores entre o que destaca Xosé Chao Rego. Outra publicación de carácter relixioso é Encrucillada, Revista Galega de Pensamento Cristián bimestral que se edita desde 1977 por unha asociación pontevedresa que leva o mesmo nome.

- Fadamorgana é unha publicación dedicada á literatura infantil, editada por Atlántica de Información.

Revista Galega de Educación edítase cada catro meses por Nova Escola Galega desde 1986. Defínese como unha publicación pedagóxica, en lingua galega, dirixida ao profesorado e, en xeral, aos educadores/as e técnicos/as da educación en Galicia.

Tempo Exterior é unha publicación semestral elaborada polo IGADI na que se aborda a análise de conflitos e problemas internacionais de certa actualidade. Re-fundada en 2000, Tempo exterior, abarca todas as tendencias ou correntes do pensamento e conta coa colaboración de especialistas de recoñecido prestixio de destacadas institucións de Galicia e do exterior. Está dirixida por Xulio Ríos.
Terceiro Tempo é a única revista deportiva en galego. Aínda que na actualidade se edita en Vigo deu os seus primeiros pasos na Estrada. Ten máis de 280 números e 18 anos de vida nas súas costas. Nesta publicación teñen cabida todos os deportes por igual, recibindo o fútbol un tratamento similar ao doutras disciplinas.

- A revista Andaina é unha publicación de pensamento feminista no que priman as noticias relacionadas coa igualdade e loita pola defensa dos dereitos da muller. Deu os seus primeiros pasos en 1983. Desde entón publicou máis de 50 números. Os números atrasados pódense consultar de balde.








Ningún comentario:

Publicar un comentario