Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 24 de decembro de 2010

Inmersión lingüística

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:

Dixo o novo director da Real Academia Española, José Manuel Blecua, que o modelo de inmersión lingüística nas escolas catalás é absolutamente necesario para que o idioma catalán sobreviva: "Só a inmersión lingüística pode salvar da presión do castelán". Máis claro auga. E quen o di, con toda honestidade intelectual e coñecemento da realidade, é o "catedrático de Lingua Española máis antigo de Catalunya". Por iso, cando o Tribunal Supremo español lle dá a razón a tres familias catalás -xa poden vostedes imaxinar a ideoloxía política reinante nesas familias- que solicitaron poder escolarizar os seus fillos en castelán, obrigando a equiparar o castelán ao catalán como lingua vehicular do sistema educativo de Cataluña, o alto Tribunal terá, como ten, poder sentenciador de alto nivel -ninguén llo nega-, mais a razón pedagóxica, a razón humanística -¿como non permitir que sobreviva o idioma propio e histórico de Cataluña?- e o designio político democrático do pobo catalán están por riba de calquera resolución, continxente no plano político, dun tribunal formado por seres humanos falíbeis. Resulta que, segundo o último informe PISA, os estudantes en Cataluña -onde dende o ano 1983 se leva a cabo de xeito impecábel un modelo educativo de inmersión lingüística- teñen "un nivel superior de coñecemento e dominio das linguas (incluído o castelán, naturalmente) que os do resto do Estado español", existindo ademais en Cataluña -así o constata o informe PISA- un nivel de compresión lectora en castelán superior ao de moitas comunidades plurilingües. ¿Quen quere dinamitar o progreso democrático, educativo, cultural e humanístico que está a vivir Cataluña? ¿Acaso a Unesco non avala cientificamente o método pedagóxico de inmersión lingüística? Como ben acaba de lembrar Duran i Lleida, até o propio presidente da Comisión da Unión Europea recomendaba non hai moito o sistema lingüístico vixente nas escolas catalás para outros estados membros da UE de características semellantes. Seguiremos reflexionando..

Ningún comentario:

Publicar un comentario