Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 5 de decembro de 2010

Lingua, ensino e mocidade

por Manuel Rei Romeu, en Terra e Tempo:

Desde que desenvolvo a miña actividade no ámbito do ensino son partidario e defensor de que todo o relativo á situación do galego hai que debatelo cos/as nosos/as alumnos/as, con especial empeño se se tratar da materia de Lingua galega e literatura con programación  incluída de  historia da lingua e sociolingüística. Non hai mellor maneira que coñecermos a fondo unha realidade se  aspiramos a cambiala. En ningún caso vai resultar cómodo, mais non hai que deixarse levar pola inercia e pola pasividade. Son partidario de que procuremos como ensinantes que se produza este debate  e mesmo de provocalo se for preciso  e nunca eludilo.

Haberá alumnos/as que din de principio estar aborrecidos das charlas que lles recordan a situación que vivimos, que se senten presionados e que se manifestan hostís a debater o asunto; porén a maioría confesa que gusta do debate  e participará de xeito mesmo apaixonado. Pola parte que nos toca, foron tamén moitos os colegas ensinantes aos que temos escoitado que hai "cousas" que non se aveñen a debater cos/as alumnos/as, é dicir que "as dan por sentadas", unha postura que pode resultar moi cómoda, mais  que fecha en falso toda posibilidade de diálogo e mudanza.

Imos ver o que sucede con Ferrol, unha cidade que presenta os peores índices de uso do galego por parte da mocidade, segundo os resultados  dos últimos Mapas Sociolingüísticos. Négome a aceptar, malia ás estatísticas, que o problema de Ferrol ou o de Vigo sexa moi diferente ao do resto do país, ao problema das outras cidades ou das vilas da contorna. Se cadra estes son dados que veñen a incidir máis na sensación de menosprezo e de acomplexamento debido ao maltrato que se padeceu, á falta de expectativas  (Ferrol é aínda unha cidade que segue a perder poboación).

Nun Centro como o IES Concepción Arenal, con perto de oitocentos alumnos/as (noutrora ten case duplicado esta cifra), onde acollemos,  especialmente nos Bacharelatos (o de  Artes sobre todo), alumnado de moitas vilas dos arredores (Cedeira, Fene, Neda, Ares, As Pontes, Pontedeume...), podemos comprobar  nestes debates aos que aludiamos, como a españolización é similar nuns e noutros e mesmo como, en moitos casos, a indiferenza e o autoodio é superior nos de procedencia vilega. Certamente, habería que anotar a excepción dun terceiro  e máis reducido grupo de alumnos/as provenientes de pequenas localidades ou zonas rurais como A Capela ou San Sadurniño que, seguramente debido a un ambiente familiar onde se escoita moito galego a nível  coloquial e a un ensino tamén moi favorábel, teñen unha actitude máis consciente e comprometida e moitos manteñen publicamente o galego como lingua de uso habitual, o que non deixa de resultar estraño. 

Podería levarnos a posturas desalentadoras  xulgarmos a situación desde o punto de vista cuantitativo unicamente; isto é, o feito de convivirmos nun Centro onde a españolización é brutal e esmagadora, onde os galegofalantes habituais poden contarse cos dedos das mans. Onde un pode mesmo sentirse estranxeiro cando un inxenuo alumno o interroga abertamente: Pero ti falas sempre en galego? Porén, temos que enxergar o que hai debaixo desta aparencia, coñecermos as expectativas destes mozos e mozas; non podemos esquecer que moitos  e moitas, maioritariamente españolfalantes tamén, foron quen de se  mobilizaren nas importantes manifestacións do curso pasado contra a derrogación do anterior  Decreto regulador da presenza do galego no ensino, apoiando claramente  un incremento progresivo do noso idioma no ensino. Un número moi considerábel dos sometidos a inquérito e debate confesan que lles "encanta" escoitar o galego e que lles gustaría  que houbese unhas condicións máis favorábeis para poder empezar a usalo coloquialmente. "Ti non podes ir contracorrente", manifesta algún destes mozos/as, coñecedor da presión que exerce o contorno. Saben que é cuestión de confianza e,  por riba de todo, de práctica; de teren espazos axeitados e interlocutores para abrírense camiño, sentíndose cómodos.  Non é moi alentador que esta práctica se circunscriba, no mellor dos casos, a usalo cos avós/as, na aldea ou nas clases de galego. Curiosamente, unha inmensa maioría recoñece que non ten esas dificultades para a escrita e que mesmo ten o "hábito" de elixir a opción de facer os exames en lingua galega. Tanto o ámbito familiar como o educativo son favorecedores, na adquisición e dominio da lingua, mais non son tan determinantes como o é a lingua imperante no ambiente en que se moven. É precisamente aquí onde se queixan de que  pouco se está a facer para motivalos, para lle poderen ver á lingua "sentido práctico e utilidade".

Loxicamente a presión españolizadora -agudizada pola masiva afluencia de alumnado de Centros privados ou concertados-  ten  asolagado moitas mentes de toda clase de simplificacións e estereotipos que acaban por condenar o galego á extinción. Neste sentido, non se trata dun debate cómodo e que invite sempre ao optimismo e ademais de loitar contra unha poderosa simboloxía, debemos superar a idea de que esta problemática se pode resolver cun par de fórmulas e simplificacións. A primeira delas, a máis común en alumnos de diferentes tendencias ideolóxicas, ten a ver coa idea moi estendida de que cada un é libre de elixir o idioma que quere, que é un acto absolutamente libre. Mais, acto seguido, han de recoñecer que debido ao entorno social en que se moven ou ao ambiente familiar en que adquiriron a lingua son incapaces de desenvolverse con algo de soltura en galego. Mesmo algúns han recoñecer que, malia a estudaren galego todo a vida, a recibiren moitas das materias en galego..., chegado o caso serían incapaces de cambiar de lingua, porque require moito esforzo. É un cambio demasiado importante e demasiado profundo como para producirse con tanta facilidade e sen  un proceso de concienciación previa. Onde está, pois, esa famosa liberdade? Son  poucos os que teñen  a idea de que esta adquisición inicial non foi unha  decisión libre, senón un acto inconsciente, como tantas outras  cousas na vida. O acto de  adopción dunha ou doutra lingua faise de acordo cunha serie de factores  que o propician e onde a presión do contorno ("a lingua que usan os/as amigos teus") xoga un papel determinante. Aqueles  que se expresan con certa sinceridade e profundidade recoñéceno con bastante claridade: "Hai certas influencias. Obviamente pódese elixir a lingua que se quere falar, pero á hora de levalo á práctica xa non é tan sinxelo. Se me conciencio, podo falar en galego, pero sen darme conta volverei a falar castelán, porque é a lingua que soe utilizar a xente ao meu redor (...) A nivel oral, non teño soltura, case é tan difícil coma falar en inglés!"

Curiosamente,  a día de hoxe, son xa moitos os que recoñecen que nunca se pararon a pensar por que en Galiza  se usan dúas linguas ou por que razón eles mesmos adquiriron e se instalaron nunha  determinada, por máis que esta cuestión forme parte dos contidos da propia materia da Lingua  galega incorporada ao ensino. Nos meus tempos de estudante -certo é que sen materia de galego no ensino- hei de recoñecer que pasaba algo similar e que un mozo/a podía estar usando unha ou outra lingua de xeito mecánico, inconsciente, até o bacharelato sen  deterse a analizar a situación. Como consecuencia, son moitos tamén os que acreditan que a de Galiza foi sempre, e pode seguir sendo aínda, unha situación normal ou natural  e acreditan que non vai mudar moito e que pode manterse indefinidamente sen perigo para o galego. Algúns dos que tratan de racionalizar  máis a situación fano  consonte esquemas de xerarquización: o español é a lingua oficial do Estado, a xeral ou  a común do "país", mentres o galego "forma parte da nosa cultura", é unha "herdanza cultural", "lingua autóctona",  "pertence á cultura xeral"... Con tanto confusionismo e bombardeo ideolóxico, tampouco é de estrañar que entre o noso alumnado non haxa a debida claridade a respecto de cal é a lingua propia de Galiza. Pode ser un síntoma alarmante que esta cuestión non se teña mostrado como unha verdadeira evidencia e que tamén se faga pasar por propio o que é alleo e opresor. Non dubidemos  que os gobernantes que nos toca padecer van facer todo o posíbel por potenciar este tipo de discursos e mesmo por tomar medidas en consonancia co exposto para rebaixar o status legal do galego.

En síntese, coido que, ante este panorama de pouco van servir as liñas de argumentación  que se centran  única e exclusivamente en  defensas de tipo ecoloxista (a perda dunha lingua comparábel á unha especie en perigo de extinción), de tipo pedagoxista (temos dúas linguas e as linguas suman), de tipo patrimonialista (responsabilidade de todos  é defender un ben cultural noso) ou mesmo de calquer outro tipo. Antes ben, coido que hai que poñer por diante, nun proceso de concienciación que chegue mesmo ao plano político, que  Galiza ten lingua de seu e que ningunha outra pode considerarse como propia. Ir á verdade histórica e clarificarmos ante o alumnado como foi o proceso de asimilación lingüística até chegarmos á actualidade. E finalmente situarmos  o problema clave en comprendermos  que é o galego a lingua ameazada, a vítima e non o verdugo e que non quedan máis posturas que decidirse pola causa xusta, por posicionarse en contra do proceso de substitución do galego polo español ou viceversa. A suposta imparcialidade non é máis que un acomodamento, semellante ao dos que consideran a existencia do galego un problema e queren que desapareza e que nos deixemos asimilar mansiñamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario