Non é o problema principal do galego unha cuestión de terminoloxía que entenden uns poucos e que á maioría lles soa a chinés, máis aínda cando os que debaten din perseguir os mesmos fins. O grande problema do galego é o dunha sociedade que interiorizou a mensaxe mil veces repetidas do autoodio e a subordinación, dunha sociedade que enxendrou a maior creación inmaterial colectiva e, como Saturno devorando o seu fillo, parece que camiña cara a súa autodestrución.
Parece mais non o é, pois no seo desa sociedade sempre houbo unha forza vital que nos empurrou a sobrevivir, a seguir existíndomos, a non estarmos dispostos á autoinmolación. E o idioma mantivo e mantén aceso o facho da nosa vontade de ser. Porque a lingua é o elemento que nos une a todos os galegos e galegas, desde Ortegal ao Miño, do Courel a Compostela.
E de aí o ataque dos que queren que o galego desapareza que, sen dúbida, o que finalmente perseguen é que despareza Galiza e se funda para sempre na súa España imposíbel. E por iso, a maior resposta popular que se produciu en Galiza nos últimos tempos a unha agresión contra dela foi a da defensa da lingua. Porque, a pesar de parecermos unha nación resignada que quixer destruír en poucos anos o que creou en moitos centos deles, o pobo galego existe.
O movemento restaurador da lingua e da cultura galega nunca desertou do seu empeño, sabendo que a súa era unha causa nacional e patriótica e, portanto, democratica e maioritaria. Unha causa popular, do pobo, co pobo e para todo o pobo. E así ten e terá que seguir sendo, sen entreguismos nin dogmatismos, combativa e amábel, coa forza da razón e co sentir do corazón.
E porque esta causa non é conxuntural nin responde a modas, porque vai para longo e navega contracorrente, porque nela cabemos todos e todas os que queremos exercer de galegos e galegas, segue cumprindo a irmandade e a mutua comprensión entre todos e todas nós. Cumpre admitirmos as diferencias, recoñecermos os desiguais puntos de vista e sabermos que temos un obxectivo común, o da defensa dos nosos dereitos lingüísticos e a normalización do noso idioma.
Os e as galegas que non desertamos de tais non podemos permitírmonos o luxo de darlle razóns aos lingüicidas nin deixar que os seus ataques nos dividan. Porque temos moito máis en común do que nos separa. Porque nós queremos que a nosa lingua teña futuro e eles queren acabar con ela. Por iso debemos pór por diante a defensa da causa común e esquecernos de debates nominalistas e técnicos, que están ben para especialistas pero que despistan,confunden e fan con que a nosa xente se sinta aborrecida.
Para alén, se desde o inicio dos anos setenta houbo un termo e unha metodoloxía que logrou concitar un consenso progresivamente maioritario e que mesmo se convertiu en oficial, ese foi o da normalización: aprobouse unha Lei de Normalización; normalizáronse os topónimos deturpados; comezou o proceso de normalización no ensino; intentouse normalizar a administración pública, a xustiza, a sanidade; creáronse equipos de normalización en todos os centros educativos; naceron os gabinetes de normalización lingüística nos concellos; medrou e afortalouse a maior asociación cidadá pro-normalización, acordouse por unanimidade o Plan Xeral de Normalización Lingüística no Parlamento Galego... En definitiva, a nosa sociedade, como un todo, asumira, aínda que moitas veces en precario, un discurso, un método e unha práctica comúns.
E cando todo estaba medianamente encarreirado, chega o Partido Popular e lanza unha bomba de destrución en masa contra o galego que, como vemos, pretende causar danos colateriais que non podemos permitírmonos o luxo de llos consentir. Para conseguilo, comeza a demolición do proceso de restauración social do idioma, empezando por eliminar a palabra normalización das propostas, documentos e órganos que leven tal denominación. Por algo será.
De aí que debamos concentrármonos en seguir traballando por ela e póla como obxectivo común de todos e todas nós; deixar de nos enguedellar, os uns e os outros, en polémicas nominalistas e de preocupármonos tanto polo español, que nin ten problemas en Galiza nin é parte da solución. Cando logremos volver encarreirar a situación, xa debatiremos os matices. Aquí e agora, cómpre tirarmos do carro todos e todas na mesma dirección. A normalización ten que ser o eixo, a guía e o camiño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario