Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 14 de decembro de 2010

Argumentos de quen nos goberna

Hoxe seguín a emisión en directo do debate parlamentario sobre a ILP garante dos dereitos lingüísticos na administración pública e o ensino. Era previsible que sucedera o que sucedeu, que os deputados que apoian ao goberno votaran en contra. O interese da sesión estaba, en todo caso, nos argumentos que se utilizarían.
O deputado do PP Agustín Baamonde, usou tres argumentos para rexeitar a toma en consideración da proposición de lei que elaborara Queremos Galego e que debería ser, se non fose por unha sucia maniobra parlamentaria, presentada como Iniciativa Lexislativa Popular.


O primeiro argumento. Segundo Baamonde en Galicia sempre se falaron dúas linguas, basta lembrar que Rosalía nos deixou escritos tanto en galego como en castelán. Para reforzar o argumento, citou o seguinte texto de Rosalía:
Castellanos de castilla,
tratad bien a los gallegos.
cuando van, van como rosas,
cuando vuelven, vuelven negros.

Segundo argumento. Agustín Baamonde di que o nacionalismo quer impoñer o monolingüismo en galego. (Agardarei a que, desde o IGEA, me expliquen en que consiste este novo concepto).

Terceiro argumento. O deputado popular afirmou que a lei proposta polo BNG e rexeitada por el hoxe no parlamento non é unha lei, é un decreto, e que os nacionalistas sempe quixeron regular (pode que el dixera impoñer) o uso do galego a base de decretos.

Estes son os argumentos de quen nos goberna. Entón, quen nos goberna?

Ningún comentario:

Publicar un comentario