Ao pensar en termos culturais no ano que se nos acaba quero facelo dende unha visión positiva, sen esquecer os recortes orzamentarios na case totalidade dos sectores que conforman a industria cultural, o descenso nas vendas do libro galego, o peche de medios de comunicación en galego, e sobre todo o ataque frontal ao noso idioma. Pero a realidade é que remata un ano que vén a demostrar o poder vizoso da nosa cultura, e falar disto é abrirlle as portas á esperanza, e convén facelo e pensar en positivo, para que realmente podamos seguir visualizando un futuro de mil primaveras máis para a cultura do noso país, e cheguen a ser realidade.
Foi o ano de catro figuras senlleiras, non só para o noso ámbito cultural, senón para a cultura universal. Dedicouse o 17 de maio a Uxío Novoneyra, cumpríronse 125 anos da morte de Rosalía de Castro e 100 dos nacementos de Ricardo Carvalho Calero e Luís Seoane. Os catro teñen nas súas disciplinas sobrados recoñecementos internacionais, o que vén a amosar algo que en realidade non temos porque estar a reivindicar porque é un feito de sobra ben sabido, agás para aqueles aos que o feito lles molesta, que a nosa cultura ten prestixio internacional. Certo é que nin a Rosalía de Castro nin a Carvalho Calero oficialmente se lles deu o recoñecemento merecido, e con Novoneyra e Seoane quedaron dous importantes feitos por levarse a diante, quedou pendente a edición das obras completas do enorme poeta, e o CDG desperdiciou unha grande oportunidade para poñer en escena a obra teatral de Seoane: A Soldadeira. Obra que aínda non foi representada, xa que para as compañías privadas supón un esforzo case imposible polo número de actores precisos e polas necesidades escenográficas. E precisamente se o CDG ten sentido é para montar aqueles espectáculos que non podendo ser montados polas compañías privadas son necesarios para o desenvolvemento da nosa cultura. Pero do que se trata non é do que se fixo ou non se fixo ao redor destes grandes creadores da nosa cultura, do que se trata é de constatar que a cultura propia de Galiza é quen de xerar figuras desta magnitude. Cultura que en todo caso non é bilingüe é unha cultura que se manifesta só no idiomo galego, xa que doutro xeito xa non sería galega, é evidente.
O ano que nace vén tamén coa vocación de seguir amosando o vizoso da nosa cultura. Será o ano, entre outros, de Lois Pereiro, a quen adicaremos o 17 de maio, o ano de Neira Vilas, conmemorando os cincuenta anos da primeira edición de “Memorias dun neno labrego” e o ano de Cunqueiro, que fará cen anos que naceu. E terá que seguir sendo un ano de resistencia cultural, porque a realidade adversa vai seguir proxectando a súa negra sombra, pero ben sabemos que a nosa cultura seguirá saíndo con dignidade das dificultades, o que é outra proba da súa esencia vizosa, e de que seguimos tendo moito que aportar á cultura universal.
Por certo que o ano que remata tamén será lembrado polo xesto de Agustín Fernández Paz, dignificando a labor dos escritores galegos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario