por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:
Unha e outra vez, por mor da actualidade, claro é, presentadores de TV e locutores de radio de media España, todos eles xornalistas profesionais, teiman en pronunciar Artur -evidentemente, para se referir ao novo presidente da Generalitat- cargando o acento na primeira sílaba do nome, e resultando así que o que soa é Arthur ou Ártur, pronunciado á inglesa. E o mesmo acontecía co lembrado Ernest Lluch, cuxo nome propio en boca da maioría dos profesionais españois da comunicación pasaba a ser Érnest. Os xornalistas de TV son capaces de pronunciar correctamente os nomes de George Clooney ou Arnold Schwarzenegger, mais amósanse impedidos de lle conceder ao nome catalán do Molt Honorable a súa verdadeira e correcta pronuncia sendo como é palabra aguda. Ao escritor portugués José Saramago practicamente nunca lle pronunciaron en España o seu J portugués de nacemento e procedencia e a Paulo Coelho señoritas e señoritos parlantes nas canles televisivas españolas adoitan convertelo case sempre en Coelo. ¿Tan difícil resulta, e máis para xornalistas que chegan coa súa voz a millóns de persoas, pronunciar os nomes cataláns ou portugueses de xeito correcto? O certo é que diante tanta teima recorrente en pronunciar mal os nomes e apelidos (vexan tamén aí Cárod porCarod) de cataláns, portugueses e galegos (Tokso ou Tosio por Toxo), un chega a pensar que os xornalistas españois, con moi poucas excepcións, ou son irrespectuosos con certos nomes que consideran alleos ou practican unha sorte de ignorancia que manda chover na Habana. ¿Por que son capaces de pronunciar a palabra show ou Wa-shington e se revelan incompetentes para proferir correctamente Xunta, que pasa a ser na maioría dos casos Ksunta? As Academias da Lingua desta vella Iberia (cinco, contando coa portuguesa) ben poderían dicir atinado algo ao respecto. Porque falar mal, tan mal como se fala, non é só un exercicio de ignorancia e de incompetencia, é tamén un grave desprezo ás nosas culturas e aos nosos idiomas
Ningún comentario:
Publicar un comentario