Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 2 de decembro de 2010

A nosa lingua na utopía de mañá

Máis aportacións ao debate suscitado polo informe do IGEA redactado por Henrique Monteagudo por Anxo Quintana, no Xornal. Desta vez Quintana responde ao artigo de Pilar García Negro. Mentres, desde a tribuna os que reducen e atacan o galego, contemplan o espectáculo plácidamente.

Debo comezar por agradecer a Pilar García Negro o seu interese polo informe sobre a lingua redactado por Henrique Monteagudo e que, tendo recibido a adhesión de numerosas persoas, foi presentado polo IGEA, instituto de estudos que me honro en presidir.
O obxectivo declarado do informe é “propor unha reflexión construtiva para a articulación dunha nova estratexia de normalización do noso idioma, o galego”. Que persoas como Pilar, que teñen dedicado boa parte da súa vida a loitar pola dignificación e normalización da nosa lingua, participen neste debate sempre é motivo de satisfacción. Obviemos por intranscendentes epítetos e cualificativos como desmemoriados, fillos da distracción ou do presentismo (¿?!!), tributo a quen manda, alarde de ignorancia sociolingüística, histórica e científica ou bilingüismo prostitutivo que asigna Pilar ao propio informe ou a quen o avalamos. Quedémonos coa critica que é nai do progreso.
Sería bo, iso si, que xa que imos debater sobre o informe do IGEA o fagamos sobre o que di e non sobre afirmacións que o seu texto non contén. Salientemos dúas. 1ª: “O aumento continuo no número de cidadáns que vivan en galego é peza fundamental para a viabilidade de calquera estratexia de normalización presente ou futura e debe ser o seu obxectivo básico”. 2ª: “Non confundir a actitude individual de uso monolingüe do galego por parte das persoas galegofalantes, tan desexable como imprescindible para o proceso de normalización, coa idealización dunha inviable sociedade monolingüe”.
Non sei se é un principio marxista, pero resulta obvio, como tantas veces se ten afirmado e moi poucas practicado, que para cambiar unha realidade é necesario partir dunha lectura axeitada da mesma. Eu engadiría outro axioma: ademais é necesario que as persoas destinatarias do cambio que propomos saiban con toda claridade e sen dobreces a onde os queres facer chegar.
E a realidade é que Galicia é unha nación cun idioma propio, o galego, infravalorado, cando non repudiado, polas institucións do país e por boa parte dos seus cidadáns. Renegan dun deber coa nosa historia pero tamén rexeitan valorizar o propio, que é norma básica para todo progreso que sexa merecente de tal nome. Normalizar a nosa lingua a todos os niveis é o único xeito de existir como pobo con futuro nun mundo globalizado. E a normalización do noso idioma, como defende o informe do IGEA e ben sabe Pilar, non pasa pola edición de folletos absurdamente bilingües –que o gran Xosé Lois O Carrabouxo satirizara con humor: la Vaca-Vaca le dixo al Boi-Buey…– senón pola promoción e utilización do galego en todos os ámbitos da nosa vida e pola consecución dun status de igualdade xurídica para galego e castelán dentro “dun país con bilingüismo equitativo e restitutivo e non con bilingüismo falsamente equilibrado para perpetuar a supremacía do castelán”, como ben afirma Monteagudo.
E a realidade é que, guste ou non, no noso país existen hoxe moitas familias que son castelán falantes desde hai dúas ou máis xeracións e que neste contexto seguir despachando a presenza do castelán en Galicia como a dun idioma imposto e o bilingüismo como o Opio da normalización, é caer nun absurdo simplismo que non axuda a enfrontar o problema con eficacia.
O nacionalismo galego, ao que eu e moitos dos asinantes do documento pertencemos con orgullo, tivo sempre a intelixencia de combinar unha férrea convicción ideolóxica cunha verbalización pragmática e intelixible das súas propostas. Claro que nunca falamos de castelán-estranxeiro igual que nunca defendimos nas nosas propostas electorais a colectivización dos medios de produción nin a nacionalización da banca! Pero, precisamente, a falta dunha verbalizacion clara do diseño de país que propomos, unido a unha cultura política que se move sempre en termos absolutos, fai verosímil que tales alternativas sexan as nosas. Por iso temos tanto interese en non sinalar a ningún nacionalista, e moito menos a ningún grupo de nacionalistas, como culpables da situación. Trátase, pola contra, de responsabilizarnos colectivamente e intentar, con reflexión e valentía, cambiar unha cultura política que nos impide avanzar e que facilita, sen nos querelo, que se abran paso estratexias absurdas e falsas como o da imposición do galego. “As políticas públicas de promoción da lingua galega e a estratexia política de promoción da nosa lingua non poden estar maioritariamente destinadas a galvanizar os lexítimos sentimentos dos que xa son galegofalantes, senón a saber interpelar e implicar os sectores castelanfalantes de Galicia, que dun xeito amplamente maioritario manteñen actitudes positivas cara ao galego e senten a necesidade da súa recuperación”, dise no informe do IGEA.
E falar claro. A idealización dunha sociedade monolingüe en galego nun mundo globalizado non só non é posible senón, o que é mais importante, non é desexable. Negámonos a converter o debate nunha disxuntiva absurda entre idealismo e realismo. Só o idealismo transforma positivamente o mundo, é a intelixencia o que permite aplicar o idealismo á realidade. Eso é o que pretende humildemente o informe do IGEA. A utopía de mañá que diría Saramago.

2 comentarios:

  1. Moi ben, Sr. Quintana. A maioría dos que falamos habitualmente en castelán queremos non só que o galego se manteña, senón que prospere. Pero non queremos que se deslexitimice a lingua que nós falamos, que aprendemos de nenos e a que lle temos tanta lei como lle teñen outros á súa. É certo que nunca figurou nun programa electoral nacionalista a consideración do galego como lingua estranxeira. Pero tamén é certo que en sectores do nacionalismo, en "bitáculas" semi-institucionais, esa idea aparece de cotío, non como simple comentario de pasada, senón como obxectivo a procurar.
    Saúde

    ResponderEliminar
  2. 1. Se realmente a mensaxe vai dirixida a Quintana, mellor escribila no xornal no que apareceu: http://www.xornal.com/opinions/2010/12/02/Opinion/nosa-lingua-na-utopia-mana/2010120211402800793.html
    2. Supoño que querías dicir "consideración do castelán como lingua estranxeira"
    3. Non entendo nin comparto a preocupación por unha inexistente deslixitimización do castelán cando de facto sí que a hai a respecto do galego (e minorización, e desprezo, e desleixo, e prexuízos,...)

    ResponderEliminar