Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 29 de decembro de 2010

Mariñas, precursor do galego

por Roque Durán, xornalista, no Xornal:


A televisión e telexornais que hoxe facemos e vemos en Galicia é parte da herdanza profesional, da capacidade de innovación e de compromiso como xornalista de Luís Mariñas. Un novo Mariñas –fillo dunha das referentes da radio da época Enrique Mariñas– que foi nomeado responsable de Televisión Española en Galicia no ano 1973 ata case o ano 1977. En 1974 comprometeuse a facer televisión en Galicia, con novas coa orixe e centros de intereses nos galegos e en galego.
No verán de 1974 TVE en Galicia comezaba a emisión dos primeiros informativos dentro do formato Panorama de Galicia. Son a orixe dos actuais telexornais. Pero daquela dende o faiado do edificio do Casino de Compostela, e da delegación de Turismo na Rúa Vilar número 35. Case sen medios técnicos, con moitas ideas e ilusións, así comezou a televisión en Galicia na época do branco e negro.
Eran outros tempos. Non había liberdades públicas nin de expresión. Mais un grupo de xornalistas formados entorno a Luís Mariñas, esforzábanse en transmitir realidade social deste país. E tomaron unha decisión histórica: comezar a dar as novas en galego e introducir o noso idioma na información e na produción audiovisual. Non había nin Parlamento galego nin Xunta nin lei de Normalización Lingüística. Mais deron un paso decisivo para acadar o que moitos consideraban unha utopía: os medios de comunicación en galego e definir un espazo de comunicación propio.
Luis Mariñas foi o responsable do proxecto e o animador do equipo pioneiro da televisión no noso idioma. O seu equipo de redacción estaba formado por Perfecto Conde, o seu home de confianza –“man esquerda” e compañeiro dentro do traballo e fóra en tódalas troulas en Compostela–, como presentadores do informativo Teresa Navaza e Xosé María Palmeiro, en Deportes Pepe Pumar e despois sumarían os xornalistas Maribel Outeiriño e Xosé A. Gaciño. Fixeron uns informativos e un xeito de informar que moitos consideraron como a primeira “primavera en liberdade”. Ollo! Eran os anos 1974-77. Por primeira vez os intelectuais do interior e exiliados, galeguistas, xente de esquerdas aparecen en televisión e tiveron voz: Cunqueiro, Otero Pedrayo, Valentín Paz Andrade, Seoane, Díaz Pardo, Alonso Montero, un mozo Ferrín... saían na televisión e falando galego, difundindo as súas ideas e o seu xenio. Pero aquel equipo de redacción tamén comezou a dar cabida nos informativos os “pobres da terra”: os mariñeiros e os labregos galegos. E comezaban a saír na televisión profesionais liberais: avogados, economistas e algún médico falando do seu en galego.
Luís Mariñas rachou con tendencias establecidas profesionais e persoais, pois foi educado en castelán pero como xornalista en Galicia apostou polo galego. Demostrou a súa capacidade sempre intelixente e hábil de negociar cos directivos de TVE en Madrid e cos políticos da época, pero sobre todo marcou tendencias de futuro na televisión en Galicia e en España co seu xeito de moderar os debates políticos, de facer as entrevistas, montar equipos de redacción tanto na televisión pública coma na privada.
Foi un innovador. E tiven a sorte de coñecelo e tratalo. El xa como xornalista con prestixio e eu como estudante na década dos oitenta estiven con el unha semana na Universidade Internacional Menéndez Pelayo en Cuenca, reflexionando e coñecendo como as novas tecnoloxías cambiarían a forma de comunicar. Alí tamén me falou da súa experiencia en TVE en Galicia. Xa como profesional do xornalismo coincidín con el en TVE aínda que el estaba en Madrid e eu en Galicia As veces que falei con el sempre me preguntaba por algunha cousa da actualidade galega, pero o que eu sempre percibía era o trato dunha unha persoa sinxela, agarimosa e retranqueiro. Tamén gustaba dos praceres da vida. A derradeira vez que o vin persoalmente, foi en Cambados, na Festa do Albariño. Saíu da comitiva oficial é doume unha aperta. Falaba con morriña e ledicia de estar na terra. Grazas Luís Mariñas polo teu compromiso profesional e por poñer un gran chanzo para que a utopía da comunicación en galego sexa unha realidade

Ningún comentario:

Publicar un comentario