Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 28 de decembro de 2010

Remata o ano Uxío Novoneyra

por Xosé Lois García, no Galicia Hoxe:


Os que teñan seguido ao completo os minuciosos eventos Do Día das Letras Galegas 2010 dedicadas a Uxío Novoneyra, terán unha nova percepción dun cambio cuantitativo da maneira con que se ten asumido cualificadas homenaxes que nas diversas xeografías galegas deron vida e capacidade de descuberta dunha das nosas mais altas figuras da literatura galega, como foi Uxío Novoneyra.
Durante o ano que agora remata, o calendario e a axenda ao completo, con Uxío Novoneyra como divisa desa presenza viva e vivificante; do poeta conciso da terra que nos fixo entrar noutras dimensións do que se concreta de Galiza. Sen Os Eidos e outras concorrencias engadidas da xeografía courelá, estariamos escasos de frecuentar a ánima máter que nos alimenta desde o común da terra. A terra falou para Novoneyra, que a recolleu enteira e devolvéunola plena e non por entregas superficiais. Así a entenderon os galegos, manifestando durante todo este ano moi diversas opinións sobre as calidades do que se concreta na obra novoneyreana. Unha obra con numerosos arrecendos e significados que nos leva a un sentimento da terra en súa mais elevada plenitude.
Se damos unha ollada ás corenta e sete edicións do Día das Letras Galegas desde 1963, resúltanos de impacto a edición dedicada a Uxío Novoneyra neste 2010, por varias razóns de contido e pola presenza de moi variados encontros co poeta do Courel, desde o lado pedagóxico e estudantil de diversos centros de ensino. Eles foron capaces de pescudar e debater durante varias sesións e descubrirnos sensíbeis matices do perfil creador de Novoneyra. Nesta dirección, foron moi positivas as experiencias de profesores e alumnos que durante todo este ano non deixaron de ler e inventariar certas temáticas para concertar valiosas achegas da inventiva do poeta.
Por outra banda, a obra integral de Novoneyra convocou unha serie de persoas e especialistas que indagaron, dunha maneira pragmática e científica, os diversos e variados banzos da obra de Uxío Novoneyra, nas súas máis diversas vertentes. Unha experiencia inaudita que acrecentou un valor engadido ao que se viña facendo até agora nos certames das letras galegas. O número de investigacións testemuñan o traballo de calidade en que as persoas entraron de cheo na obra poética, ensaística, discursiva, caligráfica, artística, epistolar e na reivindicación do idioma. Todos estes traballos publicados, sosteñen a grandeza dun ano cheo de contidos ao redor do noso poeta, tanto no plano humanista como na distinguida acción que el levou a cabo durante moitos anos de compromiso con esa Galiza da que "sabemos que o home pode ser outra cousa".
Todo un fértil inventario de libros e publicacións de moi diversos tipos e sensibilidades, achegáronnos ao home, á súa obra e ó seu pensamento dunha maneira sincera, sen laudatoria superficial e sen alegatos rudimentarios. Un ano fecundo e prodixioso, no que Novoneyra tivo un protagonismo especial e rigoroso no que tocou ás manifestacións e reivindicacións en favor do idioma galego e súas cohesións co que el tiña escrito e pronosticado en defensa da nosa fala. Un ano de dedicatorias que se fixo imposíbel de manipular ou torcer de vía desde o poder da Xunta PP, que ninguén seguiu en súas pasividades.
O acto popular do 9 de maio pasado, naquela camiñada desde a Ferrería de Seoane até Parada, na que concorreron mais de seiscentas persoas vindas de todo Galiza, mostrou a particularísima cohesión entre pobo e poeta. Toda unha experiencia de manifestacións que ao longo de seis quilómetros -ida e volta-, particulariza un activo único na historia do Día das Letras Galegas. Este ano de graza novoneyreano, tróuxonos a creación da "Fundación Uxío Novoneyra", con sede na casa natal do poeta en Parada..

Ningún comentario:

Publicar un comentario