Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 10 de decembro de 2010

Mentiras e censura na Consellería de Educación

A   CIG-ensino denuncia públicamente o mércores pasado que  "Eduga.Revista do Ensino", dependente da Consellería de Educación censurou un artigo do profesor Xoán Bautista Abuín.
A Consellería de Educación, desde o seu portal web fai un desmentido da anterior acusación mediante un comunicado no que afirma que,

o propio autor do texto foi o que o adaptou o artigo respecto da súa versión orixinal. Un cambio que se realizou por requirimentos técnicos da revista e que autorización final foi dada polo asinante.

Porén o autor do artigo Xoán Bautista Abuín, declara ao xornal Galicia Hoxe:

 "Non fixen retoques, nin asinei ningún tipo de delcaración nin autorización. Que me demostren que son eu o que manipulou o artigo. Os manipuladores son eles"


Curiosamente os anacos retirados son os que dan conta dunha postura crítica do autor a respecto da política lingïística. Fica claro, unha vez máis, que non se pode facer un ataque tan funesto á nosa lingua como a que vén facendo nos últimos meses a Xunta de Galicia, sen o imperio do medo, a mentira e a censura.
Aquí van os retallos recortados pola censura ao artigo de Abuín:

 “Froito de todo isto Europa segue clamando pola defensa das súas identidades neste crisol indoeuropeo e observa atónito como hai voces e mesmo sinaturas na Galiza en contra do galego.
Cando a Constitución da India recoñece cen linguas autóctonas atopámonos moito máis preto con países como Suíza que xa están cunha nova activación nos distintos cantóns da harmonización das estruturas e obxectivos da escolaridade obrigatoria (proxecto HarmoS). Este é o exemplo se cadra máis claro da conciencia de mellora do ensino plurilingüe. Na escola galega mentres seguen existindo os departamentos de Normalización e Dinamización Lingüística evidente sinal de que esta lingua non se atopa nunha situación de normalidade e por usala podes perder o traballo nalgún hipermercado, nalgún hotel, estaleiro, … e tampouco podemos enfermar moito en galego, nin morrer na nosa lingua como xa hai anos reclamaban en San Domingos de Bonaval.
No que respecta ó ensino das linguas de fóra dos estados quédase en case todos reducida a unha entre as que destaca a lingua inglesa. Na escola hase de desenvolver o potencial lingüístico do alumnado partindo das súas propias experiencias para entrar en contacto con valores como a tolerancia, a curiosidade pola diversidade, …
Francia, por exemplo, propoñía unhas 76 linguas incluídas as dos territorios de ultramar para a Carta das Linguas Minoritarias Europeas asinada o 7 de maio de 1999 non sen escoitar ós detractores falar de: “arma política nas mans dos movementos autonomistas e rexionais”. Sete linguas recoñece daquela o estado alemán, como Croacia. Ninguén dubidou pois daquelas linguas que interactuaron e que o seguen facendo a un lado e outro das fronteiras e significan sempre unha riqueza dos pobos máis alá da finalidade mercantil e lingüística. Nós temos un exemplo moi claro co portugués. E aínda mesmo atopamos reflexións que confirman todo isto xa que o unilingüismo é a cousa máis rara do mundo que diría Bernard Cerquiglini. Por poñer un exemplo distinto ó noso na Galia en 1789 recoñécese o plurilingüismo e así os textos revolucionarios son traducidos ás linguas vernáculas aínda que xa en 1793 un decreto obriga a apertura en cada aldea dunha escola “cun mestre de francés”. E velaí como a forza de decreto converteuse o francés en lingua internacional desde o século XVIII, presente na ONU e na UE.
Pero as linguas son organismos vivos e antes que falar dunha perspectiva ecolóxica diante de linguas mortas, asoballadas, “menores” as actuais liñas de estudo fíxanse en como chegamos ata aquí e a onde queremos ir. O multilingüismo foi mal entendido ata o de agora xa que cando falamos de aprender linguas estranxeiras pensamos só no inglés, no francés, no alemán ou no español e virámoslle ás costas ó que nos rodea, e polo tanto caemos de novo no monolingüismo, sentencian os expertos.”

Ningún comentario:

Publicar un comentario