por Xoán Costa, no Nós Diario:
O pasado 15 de xullo, 141 aniversario da morte de Rosalía, coincidiron dous feitos arredor da lingua galega. A Xunta presentou a actualización do seu Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e Galiza Cultura, unha reedición de Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza. A coincidencia convida á reflexión: cincuenta anos despois, o libro segue a ofrecer o diagnóstico que o Plan evita asumir.
En 1976 Francisco Rodríguez non buscou novas respostas. Cambiou o foco da análise. O galego non retrocedía por unha evolución espontánea, senón por unha relación histórica de dominación. Se o problema fose individual, abondarían campañas de sensibilización; como é estrutural, cómpre transformar as relacións de poder.
Desde a década de 1980, a política lingüística autonómica escolleu outro diagnóstico: concibe as linguas nun equilibrio administrábel, non nunha desigualdade que cumpra corrixir. O Plan Xeral de 2004 xa partía dese marco. O de agora repite o xesto. O propio conselleiro xa avisou de que o decreto que limita o galego no ensino non se toca. Sábese ben cal é o problema, porén elíxese non resolvelo.
Actualizar un plan é doado. Actualizar o diagnóstico exixe unha análise rigorosa que, ao que parece, a Xunta non está disposta a asumir. Rosalía, se cadra, xa o sabía cando chamou a non desertar da bandeira levantada.

Ningún comentario:
Publicar un comentario