Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 25 de xullo de 2026


 por Marta Dacosta, no Nós Diario:

15 de xullo, aniversario do falecemento de Rosalía. Case un século e medio despois, fan coincidir con esta efeméride a presentación do Plan xeral de normalización da lingua galega. Nesta mesma semana fixéronse dez anos do pasamento de Agustín Fdez Paz, quen tanto traballou pola normalización da lingua. 


Descarguei o documento. 388 páxinas, por extensión non será. Mais, de que vale un documento extenso se non recolle o que ten que recoller? Fun ao apartado que fai referencia ao plan anterior, á xustificación da necesidade de actualizalo. Buscaba ler unha avaliación dos resultados da súa aplicación, se a houbo. Nin aplicación, nin avaliación. 


A xustificación para a actualización do plan faise en base aos resultados publicados polo IGE, atendendo á evolución de datos como: lingua en que se aprendeu a falar, lingua que se fala habitualmente... cos que se constata o incremento do monolingüismo en castelán, a perda da transmisión interxeracional e o menor uso do galego na infancia e na mocidade (só un dato: 2003, o 57% da poboación entre 5 e 14 anos di ter moita competencia lingüística no noso idioma, en 2023 descende ao 27%). Porén estes datos tamén xustificarían a aplicación do plan anterior, que, como denunciamos, non foi debidamente executado. Exemplo? O decreto vixente no ensino.


A súa aplicación desde 2010 incumpriu o PXNL de 2004 e derivou no incumprimento da Lei de Normalización de 1983 ao constatarse o desequilibrio nas competencias lingüísticas. De feito neste plan de 2026, entre os puntos débiles sinálase: “No decreto actualmente vixente estableceuse por primeira vez un espazo curricular fixo de impartición en galego e castelán”, eufemismo de: prohibiuse utilizar a lingua galega na ciencia. As escasas referencias ao Decreto 79 son todas negativas, mais o Plan non conclúe a necesidade da súa derrogación, porque así o ditaminou o “sociolingüista” Rueda, formado nas manifestacións contra a nosa lingua.


Realmente, este Plan non é un avance para a lingua. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario