Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 15 de novembro de 2013

Se Justiça non me val?

por Xosé Luís Méndez Ferrín no Faro de Vigo:


Núñez Feixóo fixo, durante as eleccións, o imposíbel por succionar o voto dos contrarios á defensa e ilustración da nosa lingua maltratada. Unha vez dono da maioría absoluta, intentou contentar tamén os votantes conservadores algo galeguistas. Contratou, ao efecto, un experto sociolingüistica da Universidade de Vigo e aló cociñaron o Decreto chamado do Plurilingüismo. Nel aparéntase respectar o galego, pero retrocédese na súa protección a respecto da Lei de Normalización consensuada na Cámara.

"Señor presidente, non agreda a lingua" -advertíranlle X.R. Barreiro, cabeza da RAG, a Núñez Feixóo. Non fixo caso, e a RAG acordou recorrer ao TSXG o Decreto. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decidiu fallar este recurso (e outros) a favor e tamén en contra.
Non concorde co fallo do TSXG, a RAG presentou un recurso de casación perante o Tribunal Supremo de España. "Se Justiça non me val/ ante Rei tan justiceiro,/irei-me ao de Portugal" - que dicía o trobeiro. Non a Portugal, mais a Madrid, foi pedir Xustiza a Academia. Pediu a anulación do fallo do TSXG e do Decreto lesivo para o noso idioma.
É aí o intre no que forzas ocultas, aínda que ben identificadas, desataron unha feroz campaña de desestabilización contra a RAG. Divulgouse a especie de que o recurso de casación da RAG non estaba fundamentado. A Institución recibiu fortes presións para desistir e renderse.
Parece ser que a finais de setembro ou primeiros de outubro o Tribunal Supremo de España lle comunicou ao presidente da RAG que admitía o seu recurso de casación contra o fallo do TSXG e contra o Decreto.
Por primeira vez na Historia, o Supremo entra a estudar unha vindicación relativa á lingua propia dos galegos. Resulta ben curioso que a Academia aínda no día de hoxe (7 nov. 2013) non lle comunicase tan importante noticia aos seus membros numerarios e correspondentes e tampouco lle ofrecese ao pobo información a este respecto.
As noticias da aceptación do recurso de casación por parte do Tribunal Supremo son as que nos proporciona a prensa. O feito da simple admisión a trámite do recurso constitúe un éxito da avogada da RAG, Ana Mosquera, e do elenco de sabios administrativas que con ela colaboran de xeito desinteresado e patriótico. O seguinte paso será que a RAG gañe o recurso de casación no Tribunal Supremo de España.

Ningún comentario:

Publicar un comentario