por Miguel Moreira Barbeito no Sermos Galiza:
O abadi é unha lingua de Papúa - Nova Guinea cunha comunidade de falantes de 4.300 persoas en lixeiro aumento que manifesta unha actitude positiva cara a ela en todos os tramos de idade. Unha lingua que desde hai tempo mantén un territorio e un número de falantes estábeis, circundada por outras pequenas comunidades con linguas diferentes. Nun contexto como este en que as persoas de tribos e linguas diversas conviven nunha situación de respecto mutuo as políticas lingüísticas carecen de sentido, de tal xeito que as persoas encargadas de administraren a comunidade do abadi poden non normalizaren a lingua para a salvaren. Máis aínda, para as linguas como esta os procesos de normalización supuxeron moitas veces a súa extinción, pois non subsisten cando se aplican procedementos pensados para aqueloutras de Occidente.
No entanto, pensemos agora nunha lingua diferente, unha lingua situada no epicentro do imperialismo lingüístico, onde as linguas do poder asolagan as minorizadas que procuran un espazo de seu, unhas linguas que, como o gaélico irlandés, o bretón ou o galego, se atopan nunha situación de desequilibrio e para as cales as estratexias pasivas de normalización son, pola contra, contraproducentes. A Oceanía semella estar agora moito máis afastada e a súa posibilidade de non actuación como ferramenta para conservar linguas resulta inviábel. En Occidente a alternativa de non normalizarmos unha lingua para a salvarmos pode ser interpretada de dous modos: en primeiro lugar como inxenua, se aínda houber marxe para inxenuidade hoxe en día, pois fica claro que a pasividade nun contexto de inxustiza implica necesariamente favorecer o opresor; e en segundo lugar, como interesada, pois non deixa de ser unha frutífera vía con que contribuír á súa desaparición dun xeito que pode pasar socialmente desapercibido.
Esta idea está presente na administración galega desde antigo, non é en absoluto orixinal, senón que paira en moitos dos eidos onde a defensa e a promoción da lingua propia deberían ser o obxectivo primordial. Porén o proceso avanzou moito nesta dirección, até o punto de que callou tamén na sociedade espallando a idea de que non resulta necesario comprometerse co uso que facemos da lingua propia, pois sobrevivirá tal e como o fixo até agora e, por tanto, abonda con transmitirmos unha variedade deturpada, inzada de castelanismos léxicos ou morfolóxicos, que propician, por exemplo, a aparición de falsos tempos compostos que, sorprendentemente, non agroman nas intervencións en español destas mesmas persoas. Ao tempo que asumen a substitución da súa lingua de instalación pola opresora como algo natural; porque, á fin, todas as linguas morren, non si?
Cómpre eliminar estes prexuízos e espallarmos socialmente un modelo de lingua de calidade. Porque as linguas non son simples instrumentos para nos comunicarmos as persoas, senón que constitúen mecanismos con que interpretamos o mundo e construímos a realidade dun xeito particular e único en cada caso. Por este motivo cando nomeamos con palabras foráneas, por exemplo, as partes do noso corpo, estamos a asumir como propia unha cosmovisión allea, un modo imposto de interpretar o que somos que non se corresponde co noso xeito de peneirar a realidade e que anula a nosa identidade colectiva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario