Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 20 de novembro de 2013

Sen premios nacionais

por Xosé Luís Méndez Ferrín, no Faro de Vigo:

Dous dos chamados Premios Nacionales do Ministerio de Cultura de España, o de poesía e o de cómic, fóronlle concedidos este ano a Álvarez Torneiro e a Miguelanxo Prado por senllas obras escritas en lingua galega.
Estamos, portanto, moi contentos. Estes premios poden serlles outorgados a obras en castelán, vasco, catalán ou galego, aínda que as posibilidades de recibilos son maiores para os textos editados na lingua dominante. Non é a primeira vez que obras de expresión galega reciben os premios do Ministerio de Cultura, con certeza. En teoría, tamén, o Premio Reina Sofía podería recaer nalgunha voz galega. Isto non ocorreu até agora, como tampouco que o Premio Príncipe de Asturias cruzase o Eo (mellor o Navia) e viñese a Galicia. En canto ao Cervantes, este só se encontra ao alcance dos escritores que usan a lingua do autor do Quixote. Os escritores en galego áchanse minorizados e situados nun espazo de valoración dialectal, coma no século de Rosalía de Castro. Resultaría normal que os premios que dificilmente lle pode otorgar España á literatura galega llos proporcionase a Xunta de Galicia. Cataluña (polo seu lado Valencia) e desde antes da Monarquía activa anualmente un sistema de premios nacionais de literatura, artes, ciencias. O mesmo fan os vascos de Euskadi e coido que tamén os de Navarra. A Consellería de Cultura de San Caetano e a Xunta non fan cousa parecida. Certo é que o goberno BNG-PSOE anteriormente en vixencia creara uns nosos Premios Nacionais de Cultura, aínda que sen ter en conta os xéneros literarios e cunha retribución inferior á que rexía nos restantes espacios político-culturais de Estado Español. Todo podía mellorarse, pero empeorou. O primeiro que fixo o PP en canto chegou ao goberno, en materia de cultura, foi suprimir os premios de Ánxela Bugallo, desde logo perfeccionabeis, e crear no seu sitio uns Premios (non "nacionais" a ver se van a desfechar as iras da FAES) de Cultura que carecen de dotación económica. A actual Xunta, en rebeldía, non acepta que Galicia sexa unha Nacionalidade Histórica, como reza na Constitución e no Estatuto. Polo tanto non hai que ter uns premios nacionais como aqueles con que Cataluña e Euskadi honran os seus creadores e as súas creadoras ao tempo que honran os seus propios e respectivos pobos. Chegados a este punto, pensar que a Xunta do PP poida chegar a dotar a literatura galega dunha equivalencia ao premio Cervantes (digamos o Premio Rosalía de Castro) entra no dominio do delirio utopista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario