por Francisco Castro en Praza Pública:
Como a vida é así, tocoume hai unha semana a morte da miña nai. Tiven que facerme cargo de toda a loxística asociada ao seu pasamento.
O transo é brutal. En cuestión de minutos tes que tomar unha serie de decisións que nunca pensarías que tiveses que tomar, aínda que sabía que ía tocarme algún día. Cousas prácticas que hai que decidir para que a maquinaria da morte, e sobre todo para que a maquinaria social da morte (tanatorios, esquelas, cerimonias, etc.) se desenvolva como é debido.
Son a única persoa da miña familia (agora tamén a miña dona e fillos) que fala galego. A nosa estirpe provén, por parte de meu pai, de Vigo e, por parte de nai (como bo vigués), das terras do interior de Ourense, concretamente de Gomesende. Tanto el coma ela foron criados en galego con pais que falaban en galego e avós que falaban en galego. E coma tantos e coma tantas, no momento en que se fixeron adultos (xa vivindo na grande urbe olívica en pleno desenvolvemento de mediados do século pasado) interiorizaron iso de que o galego era cousa de paletos, de aldeáns e de, como dicía un meu tío e me facía tanta graza, "de paduanos".
Así que, coma milleiros de galegos e galegas en todo o país, educaron aos fillos en castelán, limitando a lingua materna e primeira ás poucas veces que iamos á aldea (e incluso aí o seu sotaque deixaba claro que eran "de ciudad") ou para a rexouba e a festa relaxada, mais sempre no reducido gueto familiar.Con semellante material lingüístico e sentimental, é lóxico que eu fose un castelán falante absoluto ata que cheguei a Compostela con 17 anos para descubrir, abraiado, que os profesores da miña facultade, é dicir, os depositarios da ciencia, o saber e a sabedoría, falaban en case que todos os casos en galego e ademais dun xeito natural e sen dar explicacións. Iso, asociado á política, e a literatura, e as amizades, fixeron o resto e un día fíxenme falante de galego, ou sexa, neofalante ou falante consciente ou chámalle xe.
E, ao revés que coa historia de meus pais, educado en castelán, oíndo só o castelán na miña infancia (incluso dicíndoseme abertamente que o galego era de xente burra) educo aos meus fillos en galego tentando ofrecerlles así a posibilidade de se nutrir da riqueza máis grande dun país que é a súa fala de seu.
Por todo iso, decidin que as coroas da familia, as esquelas dos xornais e a lápida fosen en galego. Ninguén dixo nada. A ninguén estrañou. Ninguén fixo preguntas. Foi normal. A ninguén chamou a atención.
E a miña nai reportará para sempre abeirada á fala coa que me puiden comunicar case que todos os anos da miña vida.Esa mesma fala que ela escoitou, tamén, nos primeiros da súa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario