A mellor forma de presentar este portal é con este discurso, lido na entrega do premio San Martiño 2013 por un dos receptores do premio, Carlos Loureiro. En Tabeirós Montes:
Antes de nada, e como de ben nacido é ser ben agradecido, quero darlle as miñas máis sentidas e profundas grazas á Asociación O Brado por me ter incluído na egrexia nómina dos e das loitadores e loitadoras a prol da normalización do idioma de noso. Dicía eu o outro día nun xornal que o marabilloso sería que non houbese que crear e outorgar premios por este labor xa que sería o mellor síntoma para o galego, mais mentres isto non chegue, que agardamos sexa canto antes, (aínda que semella que hai interese abondo de que O Brado perviva por moito tempo), pois amigas e amigos do Brado a seguir distinguindo a persoas e institucións para quen a normalización do noso idioma sexa prioritario especialmente para a nosa distinción como pobo, como país.
A continuación felicitar aos meus compañeiros hoxe tamén galardoados con esta distinción: a Benito Montero Prego e á Asociación PuntoGal. Cando onte escoitabamos o veredicto verbo do Prestige coido que todos os galegos quedamos un tanto inquedos e preocupados por este veredicto mais por outra banda teño que recoñecer que foi algo máis levadeiro xa que formalmente foi lido no noso idioma por moito xornalista e outros medios mundiais alí presentes. Detalles coma este ou do amigo Benito Montero indícannos que na xustiza galega tamén hai compromiso co noso idioma. Por outro lado, que poidamos ao final do noso correo engadir .GAL e non .ES ou .COM tamén é algo moi gratificante e que nos vai enorgullecer como galegos que somos.
Cando alá polo ano 1957 a RAG nomeou “Membro Correspondente” a Manuel García Barros, ao momento o gran autor estradense viuse coa suficiente autoridade, cando menos moral, como para lle dar algún que outro consello e crítica á propia RAG e sacou de pluma, unha pluma “insumisa e esgarabellante” e escribiu un relato titulado “Xa que son académico”.
Pois ben, unha vez que me inmisciron, con maiores ou menores méritos, na excelsa nómina dos “Premios San Martiño” coido que xa tamén teño a partir de agora certa entidade como para erguer a miña voz e desde aquí lanzar algún que outro brado a modo de peticións, consideracións...
*pediría un moito máis rexo apoio á normalización do noso idioma desde todos os ámbitos e moi especialmente desde o degrau fundamental para acadar este obxectivo, desde o ámbito político. Non abonda con falar galego, con empregalo en actos públicos... senón que tamén lle hai que facer un marco apropiado e, no que respecta á miña profesión de ensinante, ese marco non é o da careta dun “decreto de plurilingüísmo” coma o que temos nestes intres. Todos estamos a favor do plurilingüísmo pero a nivel individual xa que fortalece e enriquece á persoa que o ostenta pero todo o mundo sabe que un plurilingüísmo social soamente favorece ao conflito, non existe plurilingüísmo social sen conflito máxime cando o idioma propio dese espazo está nunha realidade inferior como é o caso do galego nestes intres. Sempre fun belixerante con este decreto e, a partir de agora, aínda o serei máis “Xa que son do Brado”, parafraseando ao mestre García Barros. A alguén que tiver algunha vez entre os seus dedos un xiz para impartir clases se lle pode ocorrer que se poida aprender un idioma coma o inglés recibindo clases de matemáticas, física, química...? A alguén se lle pode ocorrer que exista un obxectivismo claro cara ao galego nunhas enquisas a nais e pais para o uso dos diferentes idiomas na aula? Pois coidamos que estes dous apartados, entre outros, prexudican claramente ao noso idioma na súa transmisión a xeracións dos máis novos.
Obviamente cando un idioma teña o marco xurídico axeitado para a súa normalización, que non imposición, os pequenos e grandes detalles si que acadarán o seu obxectivo.
É abraiante cando vemos na internet páxinas web de institucións, organismos galegos nos que sempre entras directamente en castelán, máis como grandes plurilingüístas, decoran estas páxinas por arriba coas diferentes bandeiras que simbolizan aos diferentes idiomas, incluído o galego, faltaría máis. A miña pregunta sempre será: por que non se entra directamente en galego e arriba lle poñemos todas as bandeiras posíbeis? Supoño que para solicitaren axudas empregan o galego. Coido que por isto non se me tachará de antiplurilingüísmo.
Amigas e amigos, lembro cando este que lles está a falar, alá polos anos sesenta ía á misa e á catequese e o cura da miña parroquia un domingo impartía a misa de cedo en galego e ao domingo seguinte a misa de tarde, pero cada domingo unha era en galego e outra en castelán, e despois na catequese tamén nos ensinou a cantar o himno galego, porque alí foi onde souben por primeira vez que Galiza tiña himno propio e que o galego que eu falei sempre tamén era válido para algo máis que para me comunicar. Grazas a don Xesús López Rodriguez e a estes detalles souben que tiña algo de meu por moito que me dixesen que era un dialecto do castelán, que falar galego era ser paleto de aldea....
Eis un deses detalles que nos pode deixar marcado de por vida máxime cando daquela non dispuñamos de marco legal ningún.
Amigas e amigos, aínda son moitos os degraus que temos que percorrer para que o galego acade o posto que lle corresponde pero teñan presente que ese estatus soamente somos nós quen de llo fornecer, non agardemos nada de fóra como ocorrera cos Ilustrados alá polo século XVIII.
Desde logo que poderiamos, por desgraza, seguir a facer peticións, suxerencias, reivindicacións, reflexións... mais deixaremos isto para outros momentos.
Soamente ir rematando e facelo cunhas cantas frases de persoeiros universais que deixaron frases coma:
“Toda lingua é un templo no que está encerrada a alma do que fala” (Oliver Wendell Holmes)
“A lingua é a casa da verdade do ser” (Martin Heidegger) ou
“A lingua é en certo modo a manifestación externa do espírito dos pobos” (Wilhelm Von Humboldt)
Mais, a nosa lingua, o galego, tal e como deixou escrito a gran Rosalía de Castro élles “soave e mimoso que queren facer bárbaro os que non saben que aventaxa ás demais linguas en dosura e armonía”.
Por iso mesmo eu lles sei que cando Aroa me chama “Avó” é algo moito máis profundo que se dixese “Abuelo” ou “grand-père” ou “grandfather” por moi orgulloso que me sinta do seu plurilingüísmo.
E finalmente quixese dedicar esta distinción á miña familia, o meu marco lexítimo onde sempre desenvolvín o meu traballo, as miñas loitas para co noso idioma. O galego foi aquel idioma que me transmitiron meus pais, o galego é o idioma que compartimos a miña dona e os meus fillos e o galego será o idioma que eu quixer transmitir á xeración de Aroa.
Moitas, moitísimas grazas ao Brado e a todas e todos vostedes por nos acompañar neste acto tan íntimo mais tan galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario