por Xosé María Lema, nas Voces de Prolingua:
Cando en agosto de 2011 visitei, nunha viaxe organizada polo Seminario de Estudos da Costa da Morte, The Arthurian Centre preto de Camelford (Cornualles, Reino Unido), onde o principal atractivo é a lápida da suposta tumba do rei Artur dos antigos britanos, levei unha pequena alegría cando observei que entre os libros á venda no seu centro de interpretación se atopaba un do noso Álvaro Cunqueiro traducido ó inglés: Merlin and family. A alegría viuse logo toldada ó ver que se indicaba nos créditos que o libro fora traducido do Spanish (sic) Merlin e familia e outras historias.
¡E iso que o título estaba en galego! Pero nin con esas. Lembrei ó momento a teima de Méndez Ferrín de moito tempo atrás: que non abonda con promover a tradución de obras da nosa literatura a outras linguas: nos créditos ten que quedar constancia de que o seu idioma orixinal é o galego; non se pode consentir que se falsee a realidade deste xeito.
All is silenceIsto vén a conto porque acabo de ler no último Grial (nº 199, pp. 85-87) un estupendo comentario crítico, asinado por Xosé Manuel Dasilva, á tradución ó inglés de Todo é silencio (All is silence), de Manuel Rivas. No comezo do seu comentario, Dasilva non agocha a crítica de que no seu día, no 2010, o escritor rompese nesta obra coa súa norma autoimposta e saíse ó mesmo tempo o texto en galego e en castelán: “Lonxe quedan aqueles días en que Rivas practicaba a seguinte actitude de resistencia, declarada nunha entrevista de hai unha ducia de anos: «Eu sempre publico nun principio en galego e, durante meses, a obra só pode atoparse nesta lingua»”.Pero logo, xa centrado na tradución de All is silence, realizada por Jonathan Dunne “con competencia máis que contrastada”, Dasilva observa nas páxinas iniciais unhas advertencias que constitúen importantes novidades con respecto a traducións anteriores de novelas do propio Rivas: “Translated from the Galician by Jonathan Dunne” (‘Traducido do galego por J.D.’) –sinálase na páxina de títulos- e “First published with the title Todo é silencio in 2010 by Edicións Xerais de Galicia” (‘Primeira publicación co título...’) –engádese na de créditos-. Para que quede a cousa ben clara faise saber na lapela con respecto a Rivas: “He writes in the Galician language of north-west Spain” (‘Escribe no idioma galego do NO de España’).
A alfándega do castelán¡Por fin se dá cumprido o que tanto se arelaba, e iso é unha boa noticia! A ver se a nosa literatura deixa de ser invisible, pois ata agora as traducións a linguas estranxeiras –mesmo as de Rivas, hoxe xa o noso autor máis traducido- pasaban maioritariamente pola alfándega do castelán (Dasilva pon como mostra que das vinte traducións d’O lapis do carpinteiro só sete se basearon no texto galego; as outras na tradución ó castelán). Jonathan Dunne dá exemplo facendo a tradución a partir do texto galego, e cómpre que tanto os escritores como as editoriais sigan por este camiño que por fin alguén empezou a abrir.All is silence, afortunadamente, pode marcar un antes e un despois no tocante á visibilidade da literatura galega no exterior, pois un xornalista de The Guardian, Michael Kerrigan, iniciaba a súa recensión da novela con estas palabras: “His passport may be Spanish, but Manuel Rivas is from Galicia”. Enténdese ben. E, máis adiante, despois de remarcar que Rivas escribe en galego, engade que é un incansable promotor da súa patria.Tornando ó remate, mentres que volve loar as traducións de Dunne para os espazos anglosaxóns, Dasilva lamenta que non se poida dicir o mesmo para Portugal e Brasil, “onde se detectan dúas traducións [é de supoñer que tamén de Todo é silencio] bastante diferentes como consecuencia de se axustaren, desde o punto de vista lingüístico e cultural, ás abundantes peculiaridades de cada un deses países”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario