por Xosé Henrique Costas, nas Voces de Prolingua:
Si, así di o locutor dunha cuña publicitaria en galego que se emite estes días nas emisoras radiofónicas do país. Escóitase unha voz dun home novo que di de entrada sonunemprendedor con dous enes alveolares rechamantísimos que estoupan coa violencia de dous petardazos fonéticos nos oídos de todos os galegos e galegas que o escoitamos. E máis adiante, na mesma cuña, volve repetir sonemprendedor para remachar o cravo e por se non queriamos caldo.Non é unha cuña publicitaria en castelán paga por unha empresa privada de fóra e que tanto nos choca cando escoitamos “conechos como estos” (con hechos pronunciaría un galego falando, un asturiano ou un leonés falando en castelán), “panyvino” (e non pan y vino) ou “enaguas internacionales” (en aguas) ou “le mataron conachazos secos” (con hachazos secos). Así é a pronuncia do castelán de Castela e de Madrid, de onde sae o 90% da publicidade audiovisual que se emite en castelán, non a do castelán falado en Galicia, Asturias e León, nin moito menos a pronuncia do galego.Unha secuencia como “un avión azulón aparece” escríbese igual pero pronúnciase moi diferente en galego e en castelán. En castelán de Castela e de Madrid soaría algo así como “u-navió-nazuló-naparece”; se para un galego normal esta pronuncia é moi renxente, canto non máis sorprenderá no noso idioma! Todos lembramos o rarísimo que soa cando unha persoa de fóra empeza a falar galego, non dá pronunciado o ene velar e di que “noné normal porque nonai condicións” ou “enanos anteriores…” (ollo! que aínda hai algúns locutores de medios públicos e privados galegos que pronuncian así de defectuosamente o galego!).O caso é que as institucións, empresas e organismos públicos galegos (Xunta, consellarías, concellos etc.) cando fan publicidade en galego, encárganlla a unha axencia X e esta contrata os locutores que precisa sen a máis mínima previsión de calidade na pronuncia en galego. En galego todo vale. Por desgraza, a xente xa se está acostumando a voces sen ningunha prosodia nin fonética galega, que interrogan con liña melódica ascendente (“á castelá”, estrañísima en galego), que non teñen vogais medias abertas, que non dan pronunciado ben a fricativa palatal xorda en Xunta, hoxe, baixo etc. Collen un locutor castelán-falante calquera, mándanlle ler e interpretar un texto en galego e punto. Isto adoita pasar desapercibido para esa parte da clase media urbana galega totalmente desgaleguizada que non é consciente destas interferencias porque apenas non fai uso do galego.Por contra, temos organismos, institucións e empresas privadas coma R que coidan moito do aspecto formal do idioma, con corrección escrita e boa dicción oral nos anuncios nas radios. Curiosamente, coinciden aposta seria e real polo idioma con emprego dun idioma de calidade. As empresas e institucións que non toman o galego en serio, fan unha publicidade dunha calidade lingüística moi lamentable, e non diremos nomes que todos coñecemos.Esa mesma poboación desgaleguizada urbana á que nos referíamos antes, de maneira inconsciente ten unhas características fonéticas, prosódicas, léxicas e morfosintácticas galegas das que non se daría desprendido doadamente por moito que o intentase. A pronuncia do ene velar en posición final de palabra ante vocal é unha desas características, eles falan así o seu castelán galeguizado, dicindo “dan asco”, “con hechos”, “un indio”, “en agua”, “tienen hambre”, por máis que hoxe detectemos en Galicia, na poboación infantil castelán-falante urbana, a entrada brutal do ene alveloar nalgún destes casos por vía televisiva (ClanTV e Disney Chanel son escolas de pronuncia e de castelán estándar, cos seus leísmos, cos seus tempos compostos etc.), e así escoitamos xa que nenos galegos urbanos din cousas agora como “conella”, “coneso”, pronuncias que logo reproducen cando intentan falar galego: “conela”, “coniso”.Non son poucas as persoas do meu rueiro que me comentaron estes días do raro que lles soa ese anuncio do “sonunemprendedor” patrocinado pola Xunta de Galicia e co que tanto están bombardeando desde as emisoras. No fondo non é senón outra mostra máis do desleixo olímpico que teñen estes gobernantes do PP polo noso idioma, aos que tanto lles ten como se pronuncie porque o galego non é importante, non é serio, todo vale, o serio e o válido é o outro, o de fóra. A Xunta, a SXPL concretamente, tiñan que velar pola calidade oral e escrita dos contidos que lle transmite o goberno galego á sociedade, igual que –por exemplo–, o SNL do Concello de Vigo tiña que ter un certo control sobre a calidade dos anuncios radiofónicos pagados por esta institución (anuncios de cultura, tráfico, obras etc.), pois non todos os locutores valen, só valen os que dominan ben o galego.Señoras e señores da Xunta, das deputacións e doutras institucións públicas, señoras e señores empresarios, empresas de publicidade, locutores e locutoras de coidadísima dición castelanizante, pronuncien comigo como pronunciamos o 99% dos galegos: sonhunhemprededor, (escrito “son un emprendedor”), é tan difícil ?
Ningún comentario:
Publicar un comentario