Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 26 de novembro de 2013

Fausto Galdo e o galego



O noso idioma está enfermo. Dase o paradoxo de que a mocidade ten un coñecemento da gramática moi superior ás anteriores xeracions, pero a súa vida diaria desenvólvena en castelán. Isto xa non sucede só nas cidades; nas vilas e no medio rural son cada vez máis os xóves que coñecen a lingua mais non a usan.
Podemos dicir: pois se ha de morrer, que morra. Non obstante, temos a obriga de potenciala como lingua viva de uso cotiá, pois cando desaparece unha fala, a Humanidade queda máis pobre e ignorante. Do mesmo xeito que se protexe a biodiversidade tamén os pobos debemos asumir a defensa da variedade de linguas e culturas. Mais os nosos gobernantes non asumen como propia esta obriga. No canto de considerar o idioma propio como unha riqueza a protexer e potenciar, convertérono nun problema e nun motivo de confrontación social.
No ámbito sanitario o galego está practicamente ausente. Nos nosos hospitais a presenza da nosa fala é residual. Cómpre recuperar o galego na relación asistencial e para iso é preciso contar coa convicción e o compromiso activo dos sanitarios. Nestes tempos de tribulación podemos entender que a protección do idioma é unha cuestión menor. Pero non é así. É certo que están en perigo os servizos públicos, a decencia e a igualdade, pero o galego tamén está ferido de gravidade e corre o risco de desaparecer en poucas décadas. Temos que defender o Estado de benestar para entregarllelo aos nosos descendentes e o mesmo debemos facer coa propia lingua. É a nosa obriga con eles e coa Humanidade enteira.
Coa convicción de que a recuperación do idioma na comunicación sanitaria é mutuamente enriquecedora, un grupo de sanitarios puxo en marcha, vai xa para tres anos, a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), que agrupa a máis dun centenar de profesionais que se comprometen a utilizar a propia fala no seu labor diario, facendo unha oferta positiva da mesma aos usuarios dos servizos sanitarios. Este ano ISAGA celebra a súa Asemblea anual na Coruña o vindeiro trinta de novembro, na sede de Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. A Coruña é unha das cidades máis desgaleguizadas nos últimos tempos debido, en gran medida, á nefasta influenza de Francisco Vázquez, aquel alcalde que, durante tantos anos, amosou sempre unha actitude de desprezo e desconsideración co noso idioma.
Neste acto vanse incorporar corenta novos irmandiños e tamén se vai rendir homenaxe ao doutor Fausto Galdo (Viveiro 1944, A Coruña 2012), ilustre reumatólogo coruñés, falecido hai agora un ano. Este home grande e de carácter expansivo tiña unha enorme vitalidade e desenvolveu moi diversas actividades. Foi un dos pioneros da Reumatoloxía en Galicia e presidente da sociedade galega de dita especialidade. Como xefe de servizo no Hospital de Coruña, colaborou na formación de trinta promocións de especialistas. Home culto e gran conversador, adicou moito tempo ao estudo da hidroloxía, fixo varias publicacións sobre a súa vila natal e foi tamén un reputado gastrónomo. O seu último libro, “Abecedario das mantenzas”, foi publicado postumamente por Xerais. Pero neste acto o que se quere recoñecer, sobre todo, é a súa traxectoria como médico humanista e o compromiso co idioma galego. A súa militancia galeguista expresouna de moitas formas. Foi académico correspondente da Real Academia Galega e tamén foi o principal impulsor, desde o ano 1995, do grupo de apoio á lingua galega no hospital coruñés. Eu sei de moitos pacientes que acudían á súa consulta cada certo tempo como quen vai a Lourdes. Valoraban o seu saber profesional e a súa persoalidade entusiasta e comunicativa. Mais tamén eloxiaban a aquel médico que sabía chamarlle ás cousas polo nome e que lles falaba en galego. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario