por Xaquín Campo Freire, no Sermos Galiza:
Amigos: Acabo de ler nun xornal dixital un artigo: Galegos para sempre, do que che recomendo a lectura: “Galegos e en galego tamén despois da morte. O galego é a lingua maioritaria no país, pero a penas existe nos camposantos. Contra esta eiva, hoxe lánzase a campaña "Galegos para sempre", na que colaboran varias funerarias e unha parroquia de Carballo. Por Galicia Confidencial | Carballo | 30/10/2013”.
Para facer causa común con esta honorábel e vital común causa, quero volver a pór en circulación un artigo de meu que fixen público, hai xa tres anos, a xeito de testemuño e testamento, pois xa vou sendo maior: “Eu fago voto de fidelidade á lingua galega”.
Teño decidido que pola miña parte non quero morrer sen cumprir o voto de fidelidade á miña lingua e cultura. Por iso quero publicamente dalo a coñecer. E agora máis do que nunca. Que ninguén me poida acusar nunca, nunca, de ser morno nesta obriga.
Por min non vai morrer a lingua galega. Téñoo decidido. Se todos fan algo parecido, o Sr. Feijoo será coma un ferragacho que abouba e abouxa. Por moito que acubille, na actual Xunta e ao seu servizo, matadores, matachíns, masacradores e sacrificadores en número abondo da lingua e da cultura, e por moitos grupos de renegantes que se lle sumen.
Mentres haxa un só home/muller que se saiba herdeiro desta sagrada riqueza e teimudamente sexa fiel a ela e non se deixe vencer, non o conseguirán. Non matarán a nosa doce lingua galega. Alá todos eles coas súas zunas!
Por min, na miña área de comunicación, o galego está declarado lingua oficial e preferente, en convivencia pacífica con todas as outras linguas do mundo, ás que quero e estimo e delas uso varias, porque nelas hai persoas que se expresan e sofren, choran e aman, coma min, na miña.
Na rúa, no comercio, ao telefone, no xulgado, nas igrexas, coas xentes, con Deus, etc., e eu mesmo falando só, comigo vai e irá sempre por diante a miña honra: A LINGUA GALEGA.
Pero, ademais, toda lingua é unha verdadeira obra de arte. Na república que eu presido, que é a miña área de convivencia e relacionamento, e na que eu acollo agarimosamente a todo ser humano e a toda a natureza, o galego é a lingua de entrada. "Fai xestos. Os xestos son poderosos e importantes", din os ecoloxistas.
Non asoballarei a ninguén. E, se sei a lingua do outro/a, acollereino con afectividade tamén na súa. E, se non a coñezo, tentarei de ir facendo axiña aproximacións. Como fixen sempre e estou a facer na realidade cotiá. Xitáns, cárcer, inmigrantes das pateras, etc.
Agora ben, no meu ser, na Galiza, e na miña República, o galego é lingua oficial e preferente. Nela nacín, medrei, fun polo mundo e nela quero vivir e morrer. E ten de estar sempre presente coas honras que merece. Póñase quen queira como queira. Por iso, sendo consecuente, e aínda que me esixa traballo, no que eu produza ou no que eu difunda, fareino sempre en galego. Non lle roubo a propiedade intelectual a ninguén. Citarei sempre con fachenda ao seu autor. Fareille ademais o favor de que o poidan ler tamén noutra lingua máis do mundo, en galego, idioma tan culto coma outro calquera, e para que, de paso, poida presumir así de que xa está traducido e divulgado nunha nova lingua.
Iso si. Coidarei sempre e moito toda tradución para ser fiel ao pensamento e á lingua orixinal de onde vén e ao xenio non menos artístico do galego no que é acollido. Isto esixe estudo e moito traballo. Pero pódovos asegurar que se aprende moito. Pode ser unha manía máis? Mas, como diría o Sr. Aznar e a canción: En Texas somos así!
Por min non vai morrer nunca a lingua galega. Xúroo. Eu fago voto solemne de fidelidade á lingua dos meus devanceiros, á lingua do meu pobo, á lingua galega. E quero renovalo solemnemente. E ti? Xa somos dous. Grazas e ánimo.
Eles non a deixaron morrer. Eu tampouco. Eles enriquecérona, eu tamén. Nela sufriron, amaron, choraron e dixéronnos adeus. Eu non son ningún traidor.
Se aos señoriños da Xunta non lles remorde a conciencia, é cousa deles. A dignidade colectiva non é ningunha cambadela de escuras ambicións persoais nin de actitudes de arribistas acomplexados. Para estar, hai que valer. Xa falará o tempo. A última palabra está por dicir e esta será a da dignidade, por suposto en galego.
As nosas vaguidades, cumprido fin terán. Dimo o corazón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario