Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 21 de novembro de 2013

A falacía da modernía lingüística: léxico especializado español no galego

por Xosé Manuel Sánchez Rei, en Terra e Tempo:


As modernas Sociolingüística e Socioloxía da Linguaxe teñen verificado que se dúas linguas conviviren no mesmo territorio en situación de desigualdade vai favorecerse unha utilización diglósica para os dous códigos: haberá, probabalmente, unha ben valorizada socialmente que será capaz de provocar continuas erosións na gramática e nas interaccións sociais daquela peor considerada; e esta existirá tamén e recibirá case sen remedio, na ausencia dunha boa e real política lingüística de restauración, todo o tipo de influencias do idioma mellor visto. Achamos así que a prosodia, a fonética e a fonoloxía, a morfoloxía, a sintaxe, o léxico, a semántica, a fraseoloxía e inclusive a pragmática poden verse afectadas pola presión da lingua de poder.

No marco desas influencias ou estranxeirismos, pode chegar a producirse unha situación digna de nota na esfera do léxico e da semántica: unha forma proveniente da lingua mellor valorizada consegue penetrar na lingua máis débil, mais sen facer desaparecer a correspondente deste idioma, que fica estigmatizada á baixa. Así, dáse unha certa especialización entre ambos os códigos: a unidade lexical orixinaria permanece secundarizada para usos menores ou tidos por menos elegantes, ao paso que a forma allea pasa a se empregar en contextos considerados máis cultos, máis finos ou máis modernos. Así, dunha perspectiva xeral, corresponde ao que Wardhaugh, na obra Introducción á Sociolingüística (1992), resume no feito de que a lingua “B amosa a miúdo certa tendencia á incorporación de termos cultos de A, en especial cando os falantes tratan de empregala de xeitos máis formais. O resultado é a mestura de vocabulario de A en B”. Dunha óptica máis concreta, asenta no que Freixeiro Mato, na completísima Estilística da Lingua Galega (2013), refire ao falar do convivio especializado na lingua oral popular: “a palabra autóctone fica reservada para denominar o obxecto máis vinculado ao mundo tradicional, rural ou mariñeiro, e a palabra castelá designa o obxecto máis moderno ou urbano”. Dado que o léxico galego que se acha en tales circunstancias pertence con frecuencia ao mundo camponés e dado tamén que este leva a sofrer paseniño un proceso de desaparecemento desde hai varias ducias de anos, algunhas desas palabras corren o risco de se fosilizaren e até de se converteren en arcaísmos semántico-lexicais, coa subsecuente perda na oralidade común.

Sen afán de exhaustividade, imos comentar neste contributo varios deses casos de diglosia significativa especializada, que non son máis que outra tipoloxía de interferencias que deben ser eliminadas de facto da praxe diaria da lingua. Porén, antes de máis, convén ponderarmos que se trata de utilizacións que distan lonxe de seren sistemáticas, de estaren totalmente consolidadas nos hábitos lingüísticos da xente ou de seren xerais no territorio: hai falantes que descoñecen tales especificacións, ao paso que hai xente que só da mostras de empregar algunhas das que van ser aquí recollidas. E non faltan outros utentes que verifican ter coñecemento pasivo de certas entradas lexicais, asociadas a ambientes camponeses, moito embora as nunca empreguen, sen perdermos de vista que tamén existen persoas que xa usan en todos os contextos posíbeis a voz procedente do español.

Os ámbitos de uso son asaz diversos. Comezaremos polo mundo dos alimentos provenientes do reino de Neptuno ou Llyr na súa equivalencia céltica: pensemos en como as tradicionais luras ou lulas adoptan incomprensibelmente o nome de *calamares, dun tamaño algo maior, cando se saborearen no restaurante ou cando se adquiriren na peixaría, de maneira algo similar a como a robaliza transforma a súa sonorosa denominación no barbarismo *lubina ao comérmola nunha casa de refeicións; até pode virar rechamante pasearmos pola fermosa costa cedeiresa á altura das puntas Robaleira e Robaliceira e ouvirmos na vila pedir unha *lubina de escura procedencia… Se, no entanto, se preferir outro tipo de produtos, eis vai máis unha hipótese: puidemos asistir a como nunha taberna do coruñés bairro da Agra do Orzán se pedían *chicharróns por parte dun grupo de comensais, en canto que esa mesma xente que solicitara tal prato continuaba a chamalos, sempre cunha vogal pretónica infiel, roxóns cando feitos na casa. Pasando ás sobremesas, repararemos en que se falará de péxego ou pexego se proviñer da propia horta e for pequeno, mais se se adquirir na froitaría chamarase *melocotón sen ningún tipo de dúbida; mesmo alguén será capaz de pedir nun bar unha fecha de *licor de melocotón se gostar de semellante beberaxe industrial, mais dificilmente demandará licor de péxego, que sería o agardado. De froitas tamén vai a seguinte mostra: nalgunhas rexións do país certas castes de ameixas reciben o nome de fatóns, ao paso que nesas contornas poden mesmo existir as ameixas bravas; con todo, se a fame apretar desmesuradamente, non se hesitará en as mercar na loxa co nome de *ciruelas, que soa máis fino. E, para concluírmos o xantar, en Vilaño, aldea da bergantiñá Laracha, a sabedora sobremesa pan de ovo, que é a denominación tradicional e que se facía artesanalmente nas casas ou nas vellas padarías, convértese ocasionalmente en *pan de (g)huevo ao se comprar no autoservizo da vila; o utensilio de madeira con que se introducía e extraía do forno esa torta era a pa, mais a ferramenta de metal dos albaneis recibe o nome de *pala. *Calamares, *lubinas, *chicharóns, *melocotóns… que dixestión máis pesada agoira todo isto!

O léxico das prendas de ropa tamén non puido ficar á marxe de tales influencias. Nos bairros tradicionais coruñeses de Cances e Peruleiro, a saia aínda recibía este nome durante as décadas de 50 e 60 do pasado século, nomeadamente se era a do traxe tradicional de muller, unha reminiscencia deste ou se era confeccionada na propia casa; no entanto, se proviña dunha loxa ou era feita por unha modista, pasaba a se denominar irremediabelmente *falda. De análogo modo, as señoras que decidían cubrir a cabeza facíano adoito cun pano, herdado en moitas ocasións das nais ou da avoas, mais se aquel non encaixaba dentro da estética máis habitual deses tecidos ou se era adquirido nun estabelecemento comercial mudaba o nome para o de *pañoleta, máis moderno; con outras finalidades tamén se usaban *pañuelos, igualmente comprados nas loxas, embora continuasen a se chamar panos os de procedencia máis caseira. Por súa vez, a chambra ficaba para as lembranzas do traxe tradicional, ao paso que nomes como blusa ou camisa identificaban prendas de roupa máis actuais e “máis finas”, dunha maneira parecida a como mandil denotaba proveniencia diferente de *delantal, unha adquisición nalgún local especializado en tales produtos.

Os enseres domésticos sofreron igualmente esa especialización semántica produto da erosión do español. Un petrucio dunha aldea de Sobrado dos Monxes, por exemplo, usaba o nome coitelo cando facía referencia ao utensilio con que se mataban os porcos, que costumaba ser comprado nalgunha feira, e empregaba a forma *cuchillo ou a súa adaptación *cuchilo ao nomear o da mesa, comunmente mercado nunha ferraría; textos de orixe tradicional de finais do século XIX rexistran xa ambas as hipóteses lexicais: –Preguiziña, ¿queres pan? / –Sí, señora, si m’o dan. / –Vai á buscar o coitelo. / –Non señora, no-n-o quero (Cancioneiro de Pérez Ballesteros, tomo I); Fábrica de Sargadelos / no-n-a pasean chavales, / que a pasean os mozos / de cuchillos e puñales (ídem, tomo II); etc. Analogamente, culler, útil ás veces de certas dimensións e habitulalmente feita de madeira, conseguiu sobrevivir, sempre vinculada ao gando, nalgunhas casas galegas en que aínda se continúa a cociñar para a facenda, embora *cuchara, máis pequena, de prata ou doutros metais, sexa a que se usa cando alguén sentar á mesa. A forma tixola, que na realidade é un antigo españolismo disfarzado (cfr. tejuela) e que talvez por isto debería ser esquecida por frixideira, conseguiu en moitos casos manterse asociada á elaboración das filloas ou até vinculada á preparación dos alimentos dos animais da casa, mais *sartén triunfou para elaborar a comida das persoas; inclusive no cancioneiro anónimo voltamos a ter exemplos desta intromisión xa nos anos finais do século XIX: Non me fales mal d’os homes, / que lles quero moito ben; / salàlos, salpimentàlos, / e fritilos n-a sartén (Cancioneiro de Pérez Ballesteros, tomo III); Pol-a mar abaixo / vai unha sartén, / vai fritindo os ovos / qu’han de saber ben (ídem); etc.

Noutra orde de cousas, a limpeza do fogar demanda tamén unhas palabras. Non hai moito tempo, o lixo do chan eliminábase grazas ás vasoiras, feitas adoito de xesta, nome que, por súa vez, usaba unha patroa dunha aldea de Arteixo para denominar o utensilio con que varrer. Cando se comezaron a comprar nas loxas, ficaron alteradas en *escobas, elaboradas con maior diversidade de materiais; nalgúns casos, o nome tradicional conservouse para designar o obxecto utilizado nos sitios máis incómodos (alpendres, eiras, patios etc.) e o nome español especializouse para as estancias da casa ocupadas polas persoas. E, a falarmos de hixiene, non debemos esquecer o coñecido e recorrente par billa e *grifo: aquela mantense, non sen certa dificultade, nos contextos en que era utilizada, como por exemplo o das pipas de viño, xerando o fermoso verbo abillar, que significa ‘abrir o barril’, documentado nos sempre líricos textos de Otero Pedrayo: Tempo, tempiño, meu neto, de abillar a pipa grande e trasfegar o pipotiño de laranxo […]. A pipa foi abillada pra ela (Traxicomedia da Noite dos Santos, 1960, editada modernamente n’O fidalgo e o teatro, 1999) etc.; *grifo, polo contrario, cuxa procedencia costumaba ser a adquisición nun local comercial, acabou afacéndose cos valores de billa ou torneira na maior parte dos vertedoiros e cuartos de baño das actuais vivendas. Unha vez as aguas liberadas deses locais, poden ir cara ás foxas sépticas ou cara ás gabias dos camiños que conflúen nalgún regueiro próximo, mais, contrastivamente, esas mesmas augas circulan polas solemnes *cunetas ou *zanxas das actuais vías de comunicación para iren dar a diferentes destinos.

Obras na casa poden implicar, ao mesmo tempo, novas denominacións de orixe foránea, co cal voltamos a detectar ese mesmo comportamento diglósico-semántico das palabras. En non poucas vivendas do mundo camponés existía o espazo denominado cortes, localizado dentro da propia casa e ocupado polo gando maior; duns anos a esta parte, comezou a falarse de *cuadras para aquelas levantadas fóra da construción orixinaria cos ancestrais bloco e cemento…: nunha aldea da freguesía de Roade, en Sobrado dos Monxes, dise que os tenreiros están na corte, mais as súas proxenitoras dormen na *cuadra. A estas, ás vacas, extráeselles o leite coa máquina *ordeñadora, mais, cando nalgunha xa esporádica ocasión hai que practicar ese labor ao xeito manual, a xente de alí utiliza o verbo munxir. Por outro lado, a pretensa domesticación do lume xerou o par lareira / *chimenea: aquela designa a cociña tradicional labrega, con innúmeras variantes morfolóxicas ao longo e largo do territorio; *chimenea, no entanto, máis urbana, é empregada para que se colocou na recentes salas de estar nunha boa parte das vivendas actuais. Ao falarmos do lume no interior das moradas, vénnos á cabeza o nome unllar, que designa o sitio en que se garda a leña na lareira tradicional, mais tamén nos lembramos de *leñera, utilizado para as mesmas finalidades nas cociñas de ferro ou nas modernas *chimeneas.

As relacións humanas e certas partes do corpo novamente deitan luz con máis mostras de tales absurdas especializacións semánticas. Temos constancia de que hai xente que se refire a unha parella cando se tratar dunha xugada de animais, normalmente bois ou vacas, mais non quizais non terá ningún reparo en usar o barbarismo adaptado *parexa cando referido a dous seres humanos (persoas namoradas, membros da Benemérita etc.). Ao mesmo tempo, óuvese con certa frecuencia a algún deses individuos (emparellados ou non) comentar que alguén emprega a moa para afiar coitelos ou navallas, mais cando tiver de acudir ás terríbeis consultas de especialistas en odontoloxía, expón sen pudor que vai arranxar unha *muela. Moa, como é obvio, pode soar a algo pecaminoso e, nesas delicadas cirunstancias de indefensión, non se desexa levantar as xa seguras iras de ameazantes dentistas. Moito próximos das moas bucais están os beizos ou labios, que son empregados en ocasións como se non fosen sinónimos: beizos pode chegar a se utilizar para os animais, en canto labios, en aparencia máis elegante e coincidente (sorprendentemente) coa forma española, pasa a se empregar para as persoas ou seres similares.

Os substantivos beizos e labios, moas e dentes fannos lembrar as consecuencias de os empregarmos con finalidades incisivas, en cuxo caso voltamos a rexistrar unha certa especialización semántico-lexical: neste caso, un resérvase para os animais e outro para o xénero humano. Parafraseándomos as palabras dunha avoa do lugar de Cances, na Coruña, os cans teñen a capacidade de trabaren ou de daren dentadas, mais as persoas, en confronto, se callar para non seren confundidas con aqueles, só poden proporcionar *mordiscos. Apelamos aquí a esa famosa pregaria de clara orixe pagá, pensada para evitar tales insercións molares por parte dos mellores amigos do ser humano, que tamén coñecía esa muller: Sálvame, lume de San Xoán, / que me non trabe cadela nin can…

Os exemplos poderían ser moitos máis, co cal habería que consagrar máis de un artigo a tales cuestións. Mais de todo o que acabamos de comentar poden ser tiradas varias conclusións evidentes. A primeira incide na forza españolizadora do sistema capitalista-burgués nas transaccións económicas de produtos nunha situación de colonización: ao estaren os máis sistemas de produción fóra do noso territorio, as mercadorías que se comercializan na Galiza trouxeron o nome orixinario na lingua do país de procedencia, que é o español, sen que houbese ningún tipo de vontade de se poren en galego ao chegaren á nosa nación. A segunda, derivada dese contexto de colonización, asenta tamén na filosofía do refrán que di que A vaca do veciño sempre dá máis leite que a da casa, isto é, a forte tendencia á infravalorización do propio ten como consecuencia a estigmatización negativa de todo canto for susceptíbel de se considerar máis xenuíno ou típico: temos así que os péxegos son máis pequenos que os *melocotóns, que o coitelo se usa para unha actividade violenta e o *cuchillo para facilitar a alimentación na mesa, que a saia vira antiga e a *falda moderna, que a robaliza non pode competir coa *lubina nas ementas dos restaurantes etc. E a terceira conclusión fai fincapé na precisa necesidade de acabarmos con eses empregos de barbarismos, mesmo os sabendo asistemáticos e irregulares, e de lles non concedermos ningunha hipótese de especialización semántica, pois revélase totalmente falsa e redundante en termos lingüísticos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario