por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:
Inaugúrase un gran centro comercial na cidade da Coruña e en toda a publicidade que se realiza, mesmo na que se exhibe na Televisión de Galicia, ignórase completamente o idioma propio e oficial do noso país. Nin unha soa frase no idioma no que soñou e escribiu Rosalía de Castro. Nin unha soa frase publicitaria na lingua literaria de Galicia por excelencia, na que se construíu no pasado e se constrúe no presente un dos edificios literarios máis importantes -si, máis importantes: sáibano os galegos ignorantes- de toda Europa. Nin unha soa frase, en definitiva, na lingua propia de Galicia, que fala dende tempo inmemorial a inmensa maioría do pobo galego. E diante de tanto desprezo por parte deste gran centro comercial cara ao noso idioma -puro foro deShopping Bussines promovido, seica, por importantes empresarios galegos-, un non pode evitar preguntarse se non corre polo sangue destes paisanos e potentados unha célula sequera de mínima galeguidade, de recoñecemento do país e da súa cultura, de respecto elemental e democrático polo idioma que figura nos seus apelidos. ¿Pódese e débese ignorar un idioma oficial -que é ademais o "propio" de Galicia- cando se presenta no propio país un complexo comercial seguindo técnicas publicitarias dirixidas ao público en xeral? Mínimo amor, ínfimo ou ridículo amor se lle ten a Galicia e á súa historia como pobo e como cultura cando se ignora deste xeito a fala dos "avós que temos mortos". Eu non sei se este centro comercial que está a piques de inaugurarse respectará posteriormente o idioma galego na cartelaría interior, nas promocións comerciais internas e na publicidade permanente que seguirá á súa apertura. Non o sei. Aquí pode pasar de todo. Os empresarios galegos na súa inmensa maioría non contemplan o galego como lingua de comunicación e teñen por costume -son contadísimas as excepcións- desprezar abertamente o seu uso. E a sociedade galega non sabe, non contesta. Así a supervivencia do galego como idioma -está a morrer aos poucos- ten os anos contados..
Ningún comentario:
Publicar un comentario