por Manuel Núñez Singala, n´A Nosa Terra, quen nos explica que o galego é unha lingua, e non un barallete... polo de agora. Recoméndoo.
As linguas posúen en esencia tres grandes formas de desaparecer: unha delas é a transformación, como no caso do latín, que deu lugar á familia de linguas romances. A transformación adoita ser un proceso dilatado de acumulación de pequenos cambios que provocan que unha lingua acabe por converterse noutra ou noutras diferentes. Outra maneira de desaparecer é a extinción, que pode ter múltiples causas, ser máis rápida ou máis lenta, pero que chega de xeito inevitable cando morre o último falante de calquera idioma. E hai aínda unha terceira forma de desaparecer: a substitución. Unha lingua chega de fóra e implántase nunha determinada comunidade e, tras un proceso de coexistencia de duración variable, a lingua orixinal acaba esvaecéndose na intrusa. A lingua invasora acaba absorbendo á nativa.
Isto comeza a ocorrer cando algúns falantes, en principio os menos conscientes da súa propia lingua, empezan a permitir que o outro idioma invada o seu. Daquela pódense oír frases como “Dásme un ghueso para o caldo?” ou “Quita a sartén do lume” ou “Caín no suelo”. Co tempo este tipo de barbarismos toman corpo e xa non só se oen, senón que tamén se ven: “Temos huevos da casa” ou “Pulpo á feira” ou “Dios diante”. Os usos escritos tenden a lexitimar o erro e a facilitar o seu asentamento e avance.
E este proceso acelérase cando aqueles aos que a cidadanía lles supón coñecementos e posúen responsabilidades de goberno conseguen que o barbarismo acabe converténdose nunha auténtica barbaridade: as “Festa dopulpo” (hai máis de unha) e o “Leite galega” son exemplos que teñen unha enorme e nociva proxección, e que, para dicilo coas súas palabras, “Marcan adiferencia”.
Por iso é importante que aquelas persoas que aprecian o noso idioma fagan o esforzo de empregalo con corrección, de preservar a súa calidade, de lle prestar a atención que merece. Digo isto porque coñezo xente sinceramente preocupada pola lingua que non parece comprender de xeito cabal a importancia de empregar un galego correcto, adeptos dun “todo vale” para a lingua que sen se decatar e malia a súa boa intención están a alimentar o proceso de substitución.
Ningún comentario:
Publicar un comentario