Non podemos deixar de poñer enriba da táboa, agora que comezan os actos electorais das moitas listas que se presentan para rexer os concellos de Galicia, que un dos asuntos básicos nestas eleccións –e en todas–, acó, é o da nosa lingua e, polo tanto, debemos saber o que quer facer cada lista electoral no seu concello, gañe ou non as eleccións correspondentes.
Porque, teño que facer unha proposta para o mellor desenvolvemento da nosa lingua na Coruña e, deste xeito, engadirlle ao nome do centro comercial que se remata de inaugurar o nome da “terra” e, polo tanto, pasaría a se chamar “A Terra do Marineda City”, co cal xa teríamos o “trilingüismo” e, polo tanto, esqueceríamonos de que ate de agora tan só se usou o castelán en toda a propaganda comercial que se lle fixo.
E xa que falamos de toponomia non podemos esquecernos dun topónimo que fixo sona no concello da Coruña, como é o de “A Grela”, o cal non fai máis que arrombar coa nosa lingua e inventar unha nova que ninguén coñece. Todos sabemos o que é un “grelo”, mais ninguén sabe o que poida ser unha “grela”, o que non pasa se lle damos o seu nome que é o de “agrela”, ou sexa, unha agra pequena, coma eran as agras que arrodeaban A Coruña cando se lle pasou chamar “Agrela” a esa agra que agora escriben como “A Grela”.
Todo isto vén a conto destas eleccións municipais xa que, como primeira obriga da lista que saia elexida en cada concello, deberá se poñer a da suxección á Lei de Normalización Lingüística e a de lle darmos á lingua galega, basicamente nos concellos, o trato especial que, tanto na Constitución coma no noso Estatuto, se lle recoñece á nosa lingua.
Conste, de todos xeitos, que non se pode pechar a campaña electoral nin, polo tanto, o quefacer das listas electorais no tema da lingua galega, mais, o que si hai que apuntar é a obriga de tódolos concellos na Galicia de se poñer a, cando menos, pensar se unha organización político-territorial chamada “Comunidade Autónoma” pode deixar que cada concello vaia por onde queira, sexa Área Metropolitana ou como se lle queiran chamar ás actuacións dos concellosmentres as deputacións van pola súa, deixándolle ao goberno de todos eles, ou sexa, ao goberno que sae do Parlamento galego, coma se fora o goberno dun asilo de incapacitados ou cousa así. É necesario e urxente facer ver a cada lista para gobernar os concellos que o todo que os abrangue se chama Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario