Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 2 de abril de 2011

O polbo de Anxo Lorenzo

O cinismo da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) non ten límites.
Na presentación dun vídeo sobre a vida dos cefalópodos nas rías galegas e no que colaborou a SXPL,  teñen a falta de vergoña de declarar que este proxecto demostra o "especial interese deste departamento por dotar os centros de materiais de calidade que lles permitan aos docentes traballar en galego en distintas áreas, co fin de facilitar o seu labor educativo e mais de mostrar a utilidade da nosa lingua en calquera campo do saber" (sic).
Efectivamente, tanto é o interese da SXPL por dotar de material en galego que é a principal defensora da retirada dos libros en galego e da prohibición da impartición das clases de ciencia nesa nosa lingua.
Efectivamente, tanto traballan na SXPL pola extensión do uso do galego que hai máis facilidades en Cataluña ou en Inglaterra para ter clases de matemáticas en galego que nun instituto de, por exemplo, Moaña ou Cee.
Efectivamente, tanta é a implicación da SXPL na achega de material en galego que un total de 48 unidades didácticas de factura impecable e que abarcan todo o temario da ESO en matemáticas, tiveron que ser elaboradas en galego  grazas á colaboración dun grupo de profesores co  proxecto Descartes do Ministerio de Educación, sen que nin a Consellería de Educación nin a SXPL apareceran mais que para poñer atrancos.
Efectivamente, tanta é a ansia da SXPL por facilitar o labor de - poñamos por caso- os profesores de matemáticas, que fará todo o posible para que no repositorio de contidos do proxecto abalar só haxa materiais en castelán, cando deberían saber que os recursos máis útiles, os que mellor aproveitan as ferramentas TIC e os de mellor factura didáctica que engadiron a ese proxecto están tamén en galego.
Por iso, señor Anxo Lorenzo, se o balance normalizador no ensino se resume na axuda á edición dun vídeo sobre o polbo,  eu preferiría que o polbo fose o secretario xeral de política lingüística pois estou tan seguro de que peor non o ía facer como de que o vídeo suvencionado pola SXPL non se vai ver en ningunha aula.

Ningún comentario:

Publicar un comentario