Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 26 de abril de 2011

Maio lingüístico e cultural: rito, rogativa, festa, roga?

por Alberte Ansede Estraviz, en Terra e Tempo:

Tradicionalmente arredor do mes de maio celébranse numerosas actividades por toda Galiza dirixidas a coñecer a nosa cultura nacional ou local e particularmente centradas na figura de quen se lle dedica o Día das Letras no ano correspondente. Así mesmo, é o tempo no que a reivindicación lingüística se exterioriza con manifestacións públicas nacionais ou con actos locais promovidos por todo tipo de entidades. Estamos diante dunha celebración ritual, unha festa, unha rogativa ou máis ben unha roga ou emparza?

Na súa lóxica natural, toda actividade que se reitere prolongadamente tende a integrarse nunha rutina na que se incorpora o seu matiz ritual. Polo tanto, non resulta raro que haxa persoas que se pregunten se as celebracións culturais e lingüísticas centradas no mes de maio se converteron en algo puramente ritual para a veneración "culturalista". Non falta quen concibe esas actividades como algo que se repite invariabelmente, con arranxo a unhas normas previamente fixadas, feitas en lembranza de acontecementos ou feitos históricos relevantes, sen presentalas como operativas para o presente e o futuro.

Teño escoitado tamén a quen iguala estes actos reivindicativos a unha especie de "rogativas" que os romeiros que acoden a un santuario lle formulan ao seu santo devoto. Coido eu que os nosos ben intencionados romeiros e romeiras procuran a axuda e intervención santa para saír de algún apuro: sexa a adversidade climatolóxica que impide a boa colleita ou que produce os naufraxios, sexa aquela outra máis persoal que o canga con unha enfermidade que se resiste á cura, sexa outra de carácter social que o deixou na solteiría. Non acude o romeiro ao santuario, pois, levado unicamente pola súa devoción, senón que a súa veneración e afecto está máis ben determinada polo afán de conquistar algo para si que se lle resiste polas vías naturais e convencionais. Ten, pois, algo de milagreiro. Certamente, pode non ser totalmente allea esta práctica á de quen agarde milagrosamente curar os males da nosa lingua ou da nosa cultura unicamente cun acto puntual illado e á marxe da actuación social diaria. 

Non falta quen asimila tamén esta celebración a unha simple festa. As festas supoñen un xeito de romper co cotiá e vulgar para integrarse tan só brevemente nun tempo extraordinario no que se refire ao comer, beber, vestirse, divertirse e a unha maior permisividade para os excesos. Por tanto, ese día ou, como moito, ese mes da lingua e da cultura terá de ser unha ocasión para poñer o traxe novo do galego que moi axiña se colga de novo no roupeiro agardando a acaída ocasión. Iso si, como é festa, pódense permitir algúns excesos nos cánticos, loubanzas e declaracións de amor que, como son feitas nun estado mais ben excepcional, teñen escasa credibilidade. "Pasou o día, pasou a romaría" e todo de novo volve á normalidade cotiá. O estado da nosa lingua non é preocupante, din eles, pois, ao fin, todos festexamos o termos unha lingua propia.

Para min, non obstante, as celebracións culturais e lingüísticas de maio debéranse parecer máis ás chamadas rogas ou emparzas nos traballos da agricultura tradicional, por seguirmos a usar termos antropolóxicos. Nas ocasións en que a realización de algúns traballos precisaban dun maior número de persoas do que dispuña a familia, recorríase á veciñanza máis próxima para poder abordalos. Durante todo o ano cada quen realizaba as tarefas propias e ninguén podía agardar que o veciño as fixera por el; mais chegado o período da malla, por exemplo, era imprescindíbel facelo colectivamente. Coido eu tamén que o traballo de concienciación a respecto da nosa lingua e cultura e a práctica individual congruente con iso, debe ser algo permanente e continuo en cada un de nós, desde o noso domicilio ao noso centro de traballo. Mais facer visíbel socialmente a reivindicación da normalización da nosa lingua e cultura non parece posíbel sen a comparecencia colectiva do pobo galego reunido especificamente con esa finalidade e sen que iso exima a ninguén do seu traballo diario e cotiá. Non é simplemente unha cuestión de formas, é unha cuestión de supervivencia; non é tan só un xeito de aglutinar aos galegos-falantes concienciados, é o xeito imprescindíbel de realizar unha tarefa: manter viva socialmente a reivindicación da nosa lingua. E isto non impide a festa, facilítaa. De feito, as rogas frecuentemente remataban en pequenas festas como un xeito de recompensa polo esforzo feito e, sobre todo, como un xeito de fortalecer os vínculos entre a comunidade. É a festa como forma de asentar e compartir valores e non unicamente como xeito de escapar do cotiá.

Por tanto, un ano máis debemos responder con forza aos chamamentos en defensa da nosa lingua. Este ano teñen un formato diferente por impedir a convocatoria electoral a celebración de manifestacións arredor do 17 de maio. Así, o próximo sábado día 30 temos unha cita no Cine Capitol de Santiago para asistirmos ao acto festivo-reivindicativo "A lingua é a chave coa que abrimos o mundo" e o 17 de maio están convocados numerosísimos actos por toda Galiza para reivindicarmos o dereito a vivirmos en galego e tamén a Daniel Castelao no 125 aniversario do seu nacemento. A causa ben merece o noso apoio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario