Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 27 de abril de 2011

Lei de Convivencia dun novo Pilatos

A denominada "Lei de convivencia e participación" acaba de entrar no Parlamento co tufo apetreante da zunia galegófoba. O seu obxectivo fundamental é precisamente o de continuar reducindo o uso da lingua máis reducida. Pouco lles importa que precisamente no apartado no que se regula as enquisas ás familias teña incluso informes da propia asesoría xurídica da Xunta que revelan a inseguridade xurídica do texto. E aínda hai máis xa que o único sentido que ten esta lei de presunta convivencia é o de fornecer ao funesto decreto de Plurilingüismo dun colchón lexislativo e significativamente o seu trámite parlamentar coincide coa nova de que o TSXG admite a trámite os recursos contra tal decreto presentados pola STEG e a RAG e que se suman ao da Mesa. En defitinitiva, toda unha mostra do anunciado e publicitado consenso ([1], [2], [3], [4], [5], [6], [7] ... en definitiva, [8])  arredor do tema da normalización lingüística. Seguindo esa mesma liña recta polos vieiros que van dereitiños cara a destrución de toda política que extenda e promocione o uso do galego, actuaron contra todos e cando texto da "Lei de Convivencia" foi rexeitada no Consello Escolar, demostrándose así que conta coa oposición de todo o resto dos grupos políticos e da práctica totalidade dos sindicatos e das ANPAs. Temos pois unha lei contra as familias, contra os profesores e contra a sociedade, e por último, verémolo de seguido, unha lei contra a educación.
A propaganda defensora da lei di que se procura unha maior participación dos pais no proceso educativo pois ésta é unha das grandes eivas que as escolas presentan actualmente. Porén a participación non será activa, procurando na figura dos pais unha fonte de colaboración no cada vez máis complexo mundo da educación. Non, trátase de que os pais poden ser usados como arma contra o profesorado, nada de colaboración na educación dos rapaces. Así toda a participación redúcese en poñer nas mans dos pais un fateixo de pedras, entón bastará con que alguén coloque a diana sobre este ou aquel profesor porque o permiso para o apedreamento xa se obtén da propia "Lei de Convivencia" mentres aínda teremos que ver como Jesús Vázquez se lava as mans como un postmoderno Pilatos.
A única innovación real que nos achega a nova lei é a preocupación da Consellería pola vestimenta do alumnado. De estar en vigor este articulado o caso do veo islámico xurdido en Arteixo non levaría un camiño distinto ao xa debuxado ata o momento. Podemos afirmar que a "Lei de Convivencia", lonxe de favorecer a integración vai perfilar unha senda de segregación coa connivencia  da Consellería de Educación. Pola contra o novo invento lexislativo xenerará múltiples problemas nos Consellos Escolares dos centros que terán que decidir sobre unha nova cuestión, o do uso do uniforme, que non significa outra cousa que confundir a escola con El Corte Inglés. Un pregúntase como a trapallada do uniforme vai mellorar o interese e as capacidades dos alumnos, mais veremos como moitos coa mentira e outros co autoengano se apuntarán á moda.
Sobre o resto das cuestións tratadas neste novo remexido lexislativo como os actos de discriminación, daqueles que atenten á intimidade ou integridade das persoas, da protección das víctimas de acoso,... , non hai ningunha que non fose obxecto de tramento no Observatorio Galego da Convivencia Escolar que, (paradoxalmente ?) queda baleirado de contido coa presentación da nova lei. Aquí Meijón explícao con máis detalle.
Eu teño por seguro que a "Lei de Convivencia" non vai servir para arranxar ningún conflito no ámbito escolar, pola contra, vai xenerar moitos novos conflitos arredor da lingua e isto terá como consecuencia inmediata a dexeneración da calidade do ensino.  Non servirá para concederlle o título de autoridade a profesor ningún e habémolo de comprobar  pois así como non se lle outorga poder nin capacidade ningunha ao profesorado mediante decreto, si que se lle quita o respecto da sociedade ao sometelos ao dictado dunhas consultas irregulares e sen garantías.
Pois para esta viaxe, para que precisamos destas alforxas?

Ningún comentario:

Publicar un comentario