Anda por Galicia adiante o músico galego Roi Casal e o seu grupo presentando un novo disco, intitulado Maxicamente vello. Tiven a fortuna de asistir en Compostela á súa estrea no pasado mes de febreiro. Coñecín persoalmente a Roi cando, en pleno fragor da ofensiva contra o galego, o colectivo Galego Patrimonio da Humanidade organizou en Compostela un comicio cívico que Roi e o seu grupo amenizaron coa súa música, para deleite da asistencia. Ocorréusenos convidalos (iso de convidalo é un falar, pois actuaron de balde) despois de ver en YouTube a súa feliz versión do ourilucente poema de Manuel María dedicado ao idioma galego, texto que dá título ao devandito álbum, e que Roi difundira na rede naqueles atreboados momentos. Foi escoitar aquela marabillosa canción e mercar fungando Lendas douradas, un disco onde se ofrecen, entre outros tesouros, dúas auténticas xoias, senllas versións de poemas de Rosalía: Ninfa das frescas augas, chea de feitizo, e Tecín soia a miña tea, un illó de emoción.
- A mocidade creativa. Pero non é do caso tecer un panexírico do novel músico de Catoira, non por defecto do seu mérito, senón porque non procede neste lugar. Cando saiamos, oufegando de enerxía, do seu concerto, demos en matinar no seu talento artístico e mais no exemplo que acababa de ofrecer dunha mocidade preparada, afouta e emprendedora, e na inmensa (e non sempre valorada) achega da música -isto é, dos músicos e as músicas-, na revitalización, espallamento e impulso á cultura galega, moi especialmente entre a xente nova. Sobre este segundo tema habemos de voltar noutra endeita. Reparemos arestora na mocidade creactiva (activa + creadora).
A nosa, demasiado ben o sabemos, é unha colectividade mergullada no pesimismo, cun serio déficit de autoconfianza e bombardeada afeito por mensaxes denigratorias: trasantonte Rosa Díez, estoutro día Montilla, onte a Marta de Gran Hermano, hoxe o túzaro castejano... Todo un orballo de menosprezo que nos enchoupa arreo. Incluso as forzas que pretenden activar a cidadanía galega recaen de cando en vez nas mensaxes catastrofistas: o galego baixa en picado, está no peor momento da súa historia, non pára de recuar. Seicasí, perante un panorama tan desalentador, remanece o milagre da xente nova, tan competente canto comprometida, que non se conforma co derrotismo, que evita o fácil recurso á pipela, que se nega a deixarse levar pola corrente, que quere abrir o seu propio camiño.
- Que xurdan cen escolas. Velaí o estudantado universitario, que é quen de rachar coas cadeas da inercia e do dirixismo sectario, e constrúe navíos en que singrar polos seus propios roteiros: Movemento Estudantil Universitario, Liga Estudantil Galega, Mocidades Federalistas Europeas... Que se abran cen flores e que abrollen cen escolas! Escolas diversas, capaces de achegaren matices necesarios e plurais puntos de vista a un diálogo aberto e ilustrado, escolas prestas a colaborar para avanzarmos en común. Todo o contrario do pensamento uniformizado, fósil e unanimista ao que se aferran os que non saben como afrontar os novos esixentes desafíos, que só acertan a repetir consignas gastas e esconxuros rituais. A incapacidade para debullar serenamente os erros do pasado é a mesma que impide mellorar as propostas para afrontar os retos do presente.
Lamentablemente, padecemos unhas elites dirixentes, uns líderes políticos e uns gobernantes enchoídos nos seus intereses de casta e carentes de amplitude de miras, e por tanto incapaces de inspirar un país no que non acreditan. Xentes que no canto de aguilloar, articular e orientar iniciativas cidadás, se entregan a desanimar, confundir e pechar os camiños. Pois o que haberá que facer é demostrar a Galicia, con argumentos, con feitos e con propostas, que somos país, e que somos quen de superar as dificultades que temos por diante. E para isto, nada máis convincente que a forza do exemplo. Acabamos de citar a Roi Casal. Reparemos agora, por sinal, en Jorge Coira e o seu brillante filme 18 comidas. Unha película de baixo presuposto e case sen promoción publicitaria, pero que apampa o público, ao mostrarnos unha Compostela distinta, atópica e heteroxénea, e por iso máis verdadeira. É que, por certo, dá toda unha lección de sociolingüística: puro tecnicolor idiomático, altamente recomendable para os nostálxicos do branco e negro. Non a perdan, se é que aínda non a viron!
- Os científicos novos e o galego. E falando de lingua e de achegas renovadoras, batemos en Jorge Mira, o flamante catedrático de electromagnética e coordinador do programa de divulgación científica ConCiencia. El e o seu equipo acaban de publicar un artigo no New Journal of Physics, titulado A importancia da semellanza interlingüística cara ao bilingüismo estable en situacións de competencia entre dúas linguas, onde presentan un modelo matemático capaz de predicir a evolución das situacións de contacto lingüístico. Un modelo que xa adiantaran o mesmo Mira e Ángel Paredes nun contributo publicado en 2005 na revista Europhysics Letters, xa daquela moi celebrado. O cal, por certo, nos lembra que na primeira liña de defensa do galego cando o blietzkriegidiomático comandado polos señores que agora gobernan Galicia e disque mañá rexerán España, estiveron os xoves investigadores galegos en física de partículas residentes no CERN de Xenevra.
O traballo máis recente de Mira e o seu equipo -destacado entre outras institucións polo mítico MIT, a Sociedade Americana de Física e o Institute of Physics Publishing-, está a ter un impacto extraordinario na comunidade científica internacional. Resumindo ao máximo (o texto completo en inglés pódese baixar de balde da rede), os investigadores sosteñen que a supervivencia futura do galego é posible a condición de que se estabilice un numeroso grupo bilingüe, o que vén facilitado porque as linguas en competencia son bastante similares. Boas novas para o galego, non si? Unha das mellores recensións que lin en Internet titúlase precisamente How languages can live together without killing each other [Como poden vivir xuntos dous idiomas sen matar un ao outro]. Pois seica a súa conclusión de que o bilingüismo constitúe a solución máis viable de futuro para o galego lles valeu acedas críticas aquí en Galicia. En troques, o seu traballo espertou grande interese en países como Cataluña, Flandres ou Québec. O traballo, por certo, está a outorgar unha insólita visibilidade internacional á nosa lingua.
Volvendo ao rego, apunto: nunha situación de contacto de linguas, a innovación pode fornecer unha vantaxe decisiva. Para gañar o futuro, un idioma precisa vivir asociado ás novidades. Por iso, o porvir do galego, coma o do país, vaino deseñar esa xente creactiva que non recúa ante os atrancos, non renuncia a pelexar e ten competencia e afouteza para afrontar os desafíos contemporáneos con intelixencia, con imaxinación e con esforzo. Xente como Roi, como Coira e como Jorge Mira. Para tanto, cómpre que o país, apostando por eles e por elas (noutra entrega falaremos das mulleres), saiba, queira e poida apostar por si mesmo. Falta fai.
Ningún comentario:
Publicar un comentario