Con malabarismos léxicos o Partido Popular quere dar paso a un novo modelo educativo. Lonxe da aposta polo respecto á pluralidade de linguas, pola solución pacífica de conflitos, pola educación en valores, pola integración da diversidade que a Lei Orgánica de Educación situaba como principios do sistema educativo. Lonxe tamén da aposta polo incremento de medios e a dotación de persoal para a atención á diversidade.
O proxecto de lei en tramitación no Parlamento de Galicia non é nin de convivencia, nin de participación, nin da comunidade educativa.
Dificilmente pode falarse de convivencia nun proxecto que tan só fala de represión. A evidencia do fracaso das medidas de convivencia é a necesidade de recorrer a medidas disciplinarias. Se queremos propiciar a convivencia nos centros onde poida haber condutas que entorpecen a educación podería aproveitarse a lei para facer un compromiso público coa educación. Blindar unhas ratios reducidas nas aulas; comprometer a distribución equitativa da diversidade nos centros sostidos con fondos públicos; establecer un cadro de persoal obrigado por centro educativo que dea cobertura a esas necesidades específicas.
A participación -outra palabra valeira na linguaxe da lei- concíbese como o instrumento para executar o programa de destrución masiva do galego no que tanto empeño está poñendo este goberno. Unha participación en forma de consultas ás familias sobre aquelo que debe ser unha decisión dos poderes públicos segundo marcan a Constitución, a LOE e a LODE: a programación educativa. Só cabe agardar que ese ardor guerreiro tamén se estenda a outras materias do currículo escolar e poida haber centros sen relixión, outros con vea artística e sen matemáticas e mesmo algúns que opten por explicar as teorías da creación como fundamento da evolución humana. Por vontade das familias, está claro.
Como o verdadeiro obxectivo é consultar sobre a desaparición do galego das escolas e non ampliar a participación, as familias (individualmente ou a través das ANPAS) non poderán promover as súas propias consultas. Só a decisión unilateral da Consellería pode decidir consultar, sobre que cuestións e o valor que lle vai dar ás consultas realizadas.
Tampouco se busca ensanchar a participación dos estudantes no ensino como escola de democracia que debería ser. Por non falar da ampliación dos mecanismos de participación e queixa que a Administración electrónica podería favorecer e que quedan fora da lei porque non está pensada para dar voz ás familias senón para restarlla ao galego.
Esa comunidade educativa que aparece no título da lei é tamén a gran ausente. Mais que como comunidade, familias, estudantes e profesorado represéntanse como inimigos. O profesorado pode castigar –sen o apoio da Xunta que escorre o vulto como vimos no caso de Arteixo e consagra a lei-, pero non participar nas pseudo-consultas. O Consello escolar, como órgano no que participan conxuntamente todos os membros da comunidade educativa, deixa de participar nos procedementos de corrección de conductas contra a convivencia nunha mostra máis do escaso valor que lle da a Xunta aos órganos nos que o diálogo e o acordo deben ser utilizados como ferramentas para a convivencia. As familias poden condicionar as decisións puramente académicas sen que os especialistas participen. Os estudantes tan só aparecen como suxeitos dos procedementos disciplinarios.
A educación en valores pode agardar a tempos mellores. A atención á diversidade non precisa para materializarse outra cousa que palabras. O mandato estatutario de protección do galego que teñen atribuído os poderes públicos e que forma parte dos principios da educación pode deixarse sen contido. Convivencia, participación, comunidade educativa: simples subterfuxios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario