Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 30 de abril de 2011

A saúde e o porvir do galego segundo a diagnose dos doutores Carvalho e Roca

por Xosé Ramón Freixeiro Mato, en Terra e Tempo:

Certamente, Ricardo Carvalho Calero foi doutor en Filoloxía e como tal ten feito grandes contributos para o desenvolvemento dos nosos estudos filolóxicos, tanto lingüísticos como literarios. Mais no ámbito concreto da lingua galega ten operado tamén cal un doutor en Medicina, someténdoa a análise clínica e emitindo a correspondente diagnose. Constata o doutor Carvalho que o galego está doente e que necesita intensos coidados para se recuperar, a mostrar ao mesmo tempo unha preocupación pola súa saúde que vai alén da meramente profesional. Como nacionalista militante e comprometido, vai defender a lingua da nación tanto mediante o seu uso literario como desde unha perspectiva teórica. Para iso utilizou un ricaz repositorio de comparacións e imaxes de grande eficacia argumentativa, que hoxe constitúen verdadeiras xoias do xénero xornalístico. Unha das máis reiteradas ao longo e largo da súa obra ensaística é a comparación da lingua galega cunha persoa doente necesitada de coidados especiais. Neste sentido, o autor sitúa no século XV a perda da boa saúde do galego ou, se quixermos, o comezo da súa "história clínica" como lingua "enferma e mutilada". 

Desde aquela, separadas xa as falas de aquén e alén Miño, nin o proceso de castelanización das estruturas internas do galego se detivo, ben ao contrario, nin tampouco se parou a continua perda de galegofalantes, acrecentada exponencialmente nas últimas décadas, de modo que o idioma propio da Galiza camiña na actualidade cara á súa desaparición ou disolución na lingua do Estado -"transubstanciaçom no castelhano" como di Carvalho-, que vén a ser o mesmo. Isto parece constatar que non resulta viábel como lingua con futuro un galego equidistante do castelán e do portugués, pois nas circunstancias sociopolíticas que se dan na Galiza o peixe grande está a devorar o pequeno, como tan ben vaticinara o noso autor. É por isto que se está a impor igualmente, a meu ver, outra advertencia premonitoria do ilustre doutor: o galego só pode ser galego-castelán ou galego-portugués; isto é, ou reafirma a súa personalidade dentro do primitivo sistema galego-portugués a que pertence, ou se converterá nunha variante dialectal do idioma oficial do Estado. 

Se voltarmos, pois, á historia clínica de Carvalho, deberemos coincidir con el en que a doenza do galego continúa vinte anos após o pasamento do autor e que a manutención da situación do galego como lingua subordinada ao castelán non está a servir para a súa curación; polo contrario, a doenza agrávase por momentos. Carvalho propugna unha necesaria intervención reparadora que consiga eliminar a doenza sen matar o doente. Debe ser unha operación cirúrxica que extirpe os castelanismos de diverso tipo que se incrustaron no galego, para desa forma recuperalo tamén como instrumento literario eficaz e auténtico, sen dependencias alleantes. Non se trata de lle dar asistencia humanitaria ao doente para que morra en condicións dignas, mais de intervir para que sobreviva. Eis a súa diagnose. A dificultade está na natureza da intervención ou, se quixermos, na determinación do grao posíbel ou máis recomendábel de intervención que o estado do doente e as circunstancias permiten. Porén, debemos constatar tamén que a proposta diagnóstica e cirúrxica de Carvalho -e do reintegracionismo- non gozou da aquiescencia da equipa médica oficial da altura, que optou por suaves remedios paliativos que non conseguiron deter o percurso da doenza, embora algunhas das recomendacións daquel fosen tidas en conta de forma parcial e indirecta. A doenza no seu conxunto agravouse co paso do tempo, mais certos sintomas do doente melloraron substancialmente. 

É este o caso do modelo de lingua escrita e culta hoxe dominante, onde as intervencións descastelanizadoras van dando resultados positivos, axudadas en parte polas modificacións normativas de 2003. Mais non acontece o mesmo polo xeral na lingua oral maioritaria, tanto culta como popular. O certo é que esta vía de aposta pola calidade lingüística desde o modelo oficial, alén de apuntar tamén na dirección marcada por Carvalho e de ter, por conseguinte, un obxectivo reintegracionista en sentido amplo -afastamento do español e aproximación do portugués-, está a producir algúns resultados esperanzadores a curto prazo e pode confluír nun prazo máis longo con outras estratexias deseñadas polo noso autor, que de todas as formas nunca rexeitou as medidas graduais tanto no tempo como no espazo, e polo movemento reintegracionista. Mais do que excluíntes, as diferentes estratexias deben ser complementares. Algunhas persoas acreditamos en que só a combinación destas, co portugués como referente, e unha decidida acción político-social poderán curar o doente. Talvez Carvalho fose un adiantado ao seu tempo e por iso o seu diagnóstico foi rexeitado na altura. Mais se o enfermo continúa a empeorar, como parece ser o caso, se callar podería resultar oportuno reconsiderar tal diagnose.

Algunhas voces alleas en principio ao debate normativo galego así o consideran. É o caso do profesor da Universidade de Essex I. M. Roca, tamén doutor en materia lingüístico-filolóxica, que nun artigo de 1997, dando por imparábel o proceso de desaparición do galego tradicional -e por tanto natural-, só acha tres vías realistas de escolla para o futuro: completar o actual proceso de substitución do galego polo español, manter durante un período non moito longo a ficción da viabilidade do que el chama galego artificial como se fose tan galego como o galego natural, ou recoñecer activamente o galego como un compoñente do complexo dialectal portugués. As dúas primeiras opcións conducirían a que o galego natural continuase a perder falantes durante máis unhas poucas décadas até só ficar del un puñado de eruditos apoiados por unhas poucas institucións e algunhas cátedras universitarias, acabando por desaparecer. A outra rota posíbel, a opción terceira, suporía segundo el o recoñecemento dun lugar e dun papel para o galego no firmamento do portugués. Isto implicaría de entrada que a maioría dos galegos continuarían a ter ou considerar o español como a súa lingua, unha minoría decrecente continuaría a falar o galego natural e outra pequena minoría continuaría a cultivar o estándar ou galego artificial, de modo que non se produciría ningunha mudanza repentina na situación. Ao mesmo tempo, a 'intelligentsia' iríase facendo gradualmente competente en portugués, que conviviría co seu galego natural ou adquirido, como acontece con casos similares en moitos outros lugares de Europa e do mundo. Evidentemente, ese camiño emprendido por aquela debería ser seguido polo 'stablishment' político, que implementaría políticas apropiadas, en particular o ensino do estándar portugués, introducido conxuntamente co ensino actual do galego como dúas faces dunha mesma moeda. Recalca o profesor Roca que a súa proposta non é substituír o galego polo portugués, mais acrecentar este ao repertorio lingüístico das persoas galegas, ou cando menos a aquelas que desexaren aproveitar esta oportunidade única para ampliar o seu horizonte lingüístico, cultural e se callar tamén social e económico. Isto podería incentivar a transmisión do galego natural ás novas xeracións e inevitabelmente este iría mudando e mergullándose dentro do portugués estándar, mais de modo gradual e espontáneo como parte da vida natural da lingua.

Tal proposta, dunha ou doutra forma, comeza hoxe a ser considerada, aínda que parcial e subrepticiamente, por algúns lingüistas que estiveron sempre moito afastados dos postulados reintegracionistas. O propio Roca se pon á marxe das disputas entre reintegracionistas e isolacionistas, e pretende emitir un xuízo puramente científico. En confronto radical coa opinión de Ramón Piñeiro, sostén que precisamente para non renunciar ao galego cómpre afastalo do castelán e viralo cara ao portugués, condición imprescindíbel para a súa sobrevivencia segundo el. Mesmo invoca a súa capacidade investigadora para proclamar solemnemente que non hai futuro para o galego, nin tan sequera a curto prazo, se non comeza urxente e vehementemente a se transformar en "portugalego". Partilla por tanto I. M. Roca co movemento reintegracionista a opinión de que a virada do galego para o portugués é condición necesaria e solución única neste momento para a preservación do galego. Nada substancialmente diferente do que nos propuxo hai unhas décadas Carvalho Calero. E aínda me atrevería a suxerir que nada radicalmente afastado do que outras persoas, por vías só parcialmente distintas, vimos propondo.

Por iso quería insistir na necesidade de avanzarmos no afortalamento dun galego digno e de calidade, cada vez máis depurado das interferencias do español e, por consecuencia, máis próximo do portugués. Acho que esta vía, máis lenta, é no entanto a máis segura e a que máis posibilidades ofrece con vistas ao futuro, para alén doutras máis directamente reintegracionistas que nas actuais circunstancias sociopolíticas baten con moitas dificultades para a súa socialización. De todos os xeitos, o que temos claro algunhas persoas é que non podemos permitirnos vivir de costas ao portugués e que este debe ser introducido no sistema educativo por dúas vías. A primeira é que nas aulas de galego se reserven unhas horas dentro do programa para explicar as diferenzas ­-ortográficas, morfosintácticas e léxicas- entre as diversas normas do sistema, portuguesa e brasileira basicamente, como se explican as diferenzas entre o inglés e o español europeos e o americano nas aulas destas linguas, só que no noso caso con moita máis razón, pois o galego está necesitado do prestixio e da percepción social de utilidade que esas linguas xa posúen. A segunda vía é a de introducirmos o portugués como materia obrigatoria no ensino a partir de determinado nivel, garantindo polo menos a súa presenza en todo o ensino secundario. E isto porque, alén das vantaxes que por si propio nos ofrece o portugués, o seu coñecemento virá sempre a reforzar o galego, o seu prestixio e, en definitiva, o seu porvir.

Un mellor coñecemento do portugués e unha relación intensificada entre a Galiza e o norte de Portugal a través da participación política e económica nunha mesma eurorrexión europea, ben como a crecente presenza e prestixio do Brasil no concerto mundial, acabarán por facer visíbel na sociedade galega a identidade fundamental entre as variantes lingüísticas galego-portuguesas e a conveniencia dunha maior confluencia con elas, tamén ortográfica cando for posíbel. Ao mesmo tempo, derrubaríanse preconceptos aínda vigorantes a respecto da falta de utilidade do galego. Teñamos en conta que se na edición de 2001 do Atlas das linguas ameazadas no mundo elaborado pola Unesco o galego se achaba dentro do grupo de linguas "en perigo", na edición de 2009 saíu desa categoría, aínda que con discutíbeis criterios metodolóxicos, xustamente pola súa proximidade do portugués, segundo declaracións do responsábel do informe. Mais ben sabemos que o perigo persiste. 

De calquera modo, a pertenza ao sistema lingüístico galego-portugués estendido polo mundo é unha das fortalezas do galego que debemos aproveitar convenientemente, como propuxeron os doutores Carvalho e Roca. Mais para o convertermos na verdadeira lingua nacional da Galiza e non para nos consolarmos co "menos mal que nos queda Portugal". O que a nós nos debe importar -e tamén aquilo a que estamos moralmente obrigados- é que o galego sobreviva no propio territorio de orixe do sistema. Para este propósito non debemos desprezar nin o diagnóstico nin as medidas terapéuticas dos citados profesores doutores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario